BENXAMÍNS. O NUMANCIA, SEMIFINALISTA EN ABEGONDO

BORJA VILASÁNCHEZ: “TODO ARES ESTÁ ORGULLOSO DOS SEUS BENXAMÍNS”

Longa e exitosa xornada en Abegondo para o Numancia benxamín conseguindo uns resultados históricos.
Ares, 19 de maio de 2017.
Clasificarse para as semifinais deste torneo só estaba reservado para os equipos formados a base da selección dos seus xogadores. De aí que estes resultados dos nenos aresáns teñamos que valoralos coma históricos. 
A continuación podemos ler o comentario de Borja Vilasánchez, un dos monitores deste equipo, xunto a Martín Pérez:
“Día redondo en Abegondo. A primeira hora da mañá presentábase o Numancia benxamín nas instalacións de Abegondo coa intención de desfrutar, como cada ano, dunha experiencia bonita, divertida e ilusionante, sabendo que ao longo da xornada poderían enfrontarse aos mellores equipos de Galicia.
Pola mañá, fase de grupos que se presentaba complicada no deportivo pois só o líder do grupo tería o premio da clasificación para as eliminatorias  da tarde. Os nenos de Ares conseguiron un pleno de vitorias con estes resultados:
San Tirso A, 0 – Numancia, 1
Numancia, 5 – Rayo Sadense, 0
At. Castros, 0  – Numancia, 3
Na ronda de dezaseisavos  tocaba enfrontarse ao CD. Obreiro de Oleiros A, un rival moi físico que os nosos superaron por 3 – 1 para obter o pase a oitavos, onde esperaba o Paiosaco, rival ao que superarían tamén por  4 – 1, un resultado que servía para meterse entre os 8 mellores dos 112 equipos que comezaron o torneo.
En cuartos de final o Erizana sería o rival a bater, sabendo que en caso de gañar, Deportivo ou Celta esperarían nas semifinais, e os nenos querían un premio que teñen merecido desde o inicio da temporada. Conseguiron un 4 – 1 e xa esperaba o Deportivo A nas semifinais, despois de derrotar por 4 – 1 ao Celta.
Nas semifinais esperábanos un partido ilusionante, que quizás podía parecer que ía ser un “paseo” para os da Coruña, tras a súa contundente vitoria ante o Celta. Porén este equipo aresán ten un carácter impropio dun benxamín e son capaces de plantar cara a calquera rival. Así foi que, aínda encaixando un gol no primeiro minuto do partido, o Numancia non deixou de pelexar cada balón, tendo dúas grandes oportunidades para empatar o partido, estrelando dous balóns no traveseiro. O segundo gol do Deportivo chegou no último suspiro do partido, sentenciando a semifinal.
Ao acabar o partido, sensación de rabia nos nenos, pois notaban que tiveran a oportunidade de vencer na semifinal ante todo un Deportivo da Coruña.
Agora son moi novos pero nuns anos decataranse de que o que están conseguindo nesta temporada fai que todo o pobo de Ares estea orgulloso destes nenos. ENORMES.
Por último, dar os parabéns ao Depor, campión do torneo pola súa vitoria na final (6 – 1 ao Cuntis) e pola organización do torneo, exitosa como cada ano.
GRAZAS!
 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.