PREBENXAMÍNS, ALEVÍNS E INFANTÍS.
O NUMANCIA DISPUTARÁ TRES SEMIFINAIS DE COPA ESTA FIN DE SEMANA.
Entre o venres e o sábado, o Numancia estará presente nas eliminatorias copeiras de tres categorías. Serán partidos moi complicados e necesitarán todo o apoio da afección.
Ares, 26 de maio de 2010
Neste mundo do fútbol onde reinan os resultados, os numantinos deberiamos estar orgullosos da temporada que están realizando os nosos equipos: os xuvenís, os cadetes, os infantís e os prebenxamíns en semifinais de copa e os alevíns en cuartos. E claro que estamos satisfeitos e contentos. Porén, non esquezamos que o obxectivo prioritario da entidade é a formación coma persoas e tamén coma futbolistas dos nosos nenos. E este primeiro e fundamental obxectivo non o podemos esquecer nunca. É nestes momentos de excelentes resultados cando temos que ter a cabeza fría e valorar por riba das vitorias, outros factores que son os que, verdadeiramente, fortalecerán a nosa sociedade. É agora, a final de temporada, cando temos que analizar e valorar detalles coma: acudiron aos adestramentos? Xogaron un mínimo de minutos todos os rapaces? Conseguiron un clima de amizade? Divertíronse?. E, por suposto, tamén hai que analizar o seu progreso coma deportistas. Claro que si. Sabemos que resulta complexo e que case sempre só estamos pendentes dos resultados, de tal maneira que só medimos o éxito polos títulos. Que equipo de fútbol base é noticia? Aquel que queda campión, verdade? Cando é noticia un equipo que, aínda que traballe extraordinariamente ben cos seus nenos, non gaña partidos? ...
Dito isto, dirixido a todos os sectores: adestradores, directivos, pais e nais, medios de comunicación, ... vaiamos co resumo desta intensa fin de semana:
Na categoría alevín, o Numancia disputa o partido de cuartos de final, a un só partido e na Malata, co equipo alevín da delegación ferrolá máis completo se nos fiamos dos resultados obtidos durante esta temporada: o FERROL B, campión de liga no seu grupo e que quedou eliminado da fase galega polo Montañeros.
As outras eliminatorias son estas:
GALICIA MUGARDOS - MEIRAS
S.R.D. PORTUARIOS “ B “ - GALICIA CARANZA “ C “
S. R. D. PORTUARIOS - E. F. RACING FERROL
Os nosos prebenxamíns preséntanse na semifinal de copa despois de clasificarse coma primeiros do seu grupo, e terán coma rival ao vencedor do chamado grupo da morte, pois nel estaban os equipos máis potentes. Será o R. FERROL, campión de liga, o conxunto ao que intentarán vencer os nosos nenos, nunha eliminatoria tamén a partido único que se xogará o venres, 28 de maio ás 19.00 h. en Prados Vellos.
A outra semifinal disputarana o CEDEIRA e o G. CARANZA.
Finalmente, os infantís intentarán remontar o resultado adverso do partido de ida, disputado en Prados Vellos, no que perderon por 1 – 3 fronte ao NARÓN. Certamente, van necesitar un día de acertos plenos mais teñen que intentalo.
A outra eliminatoria está entre o ORTIGUEIRA e o SAN SADURNIÑO.