AFECCIONADOS: NUMANCIA, 1 - MEIRÁS, 0
CRISTIAN: “É UN PRACER XOGAR CON ESTES RAPACES”
Iniciamos unha nova sección na web numantina na que recolleremos a opinión dun dos protagonistas do partido disputado polos afeccionados. Nesta ocasión será Cristian, o porteiro nestas catro primeiras xornadas, quen declare.
Ares, 24 de setembro de 2017.
Aresán de nacemento e numantino de corazón, Cristian retornou esta temporada ás porterías, defendendo a meta do Numancia.
Finalizado o partido deste domingo no que se conseguiu unha vitoria pola mínima ante o Meirás, a primeira pregunta versaba sobre o partido:
- Como viches o partido?
- Foi un partido, desde o meu punto de vista, duro. Eles estaban ben organizados e na primeira parte costounos moito crear ocasións. Logo, na segunda metade, quizás os cambios foron no momento adecuado e fomos máis arriba, co cal creamos máis ocasións ata meter un bo gol.
- Temiches perder hoxe os primeiros puntos?
- Non. A verdade é que non. Eles case non crearon perigo. Paréceme que, en xeral, estivemos moi ben, sobre todo defensivamente.
- Este Meirás foi o rival máis complicado?
- Si, por dicilo dalgunha maneira, si, aínda que o San Sadurniño tamén nos deu moita guerra.
- Consideras que a vosa vitoria foi xusta?
- Si. Quizás puidemos marcar algún gol máis pero si, é un resultado xusto.
- Catro vitorias en catro partidos. Esperabades estes resultados?
- Pois non. Eu mesmo estou sorprendido deste equipo. A verdade é que podemos dar moita guerra. Somos un equipo moi xove e este partido era importante para ter pé e medio no primeiro grupo. É un pracer xogar con cada un destes rapaces.
- Cal pode ser a clave?
- Adestrar con regularidade é a clave aínda que moitos rapaces estudan fóra pero se adestramos como debemos, podemos facer algo bonito.
- Está xa conseguida a clasificación para o primeiro grupo?
- Non. Hai que ser realistas. Como ben dixen antes, temos pé e medio pero para a semana temos un partido importante en Barallobre no cal temos que gañar.
- Adiántanos un resultado.
- Imos gañar 1 – 3.
- Pasemos a valorar a túa traxectoria persoal. Despois dunha temporada en branco, como te encontras? Estás satisfeito das túas actuacións?
- Persoalmente moi ben, aínda que ao principio da temporada andaba mal fisicamente debido a estar un ano sen poder xogar ao fútbol. Agora estou moi ben, aínda que se pode mellorar.
- Cal foi a túa mellor parada desta temporada?
- Lembro unha contra o Cabanas, na pretemporada, na que conseguín evitar un gol que xa se cantaba.
Ata aquí estas manifestacións dun xogador importante no equipo e case un dos veteranos a pesar da súa xuventude. Despois do partido do Barallobre terá que declarar outro protagonista deste Numancia que vai sumando puntos.