AFECCIONADOS: NUMANCIA, 3 – DEPORTIVO NARON, 5.

UNHA MALA TARDE

Partido correspondente á 4ª xornada de liga (1ª fase) de 2ª autonómica no seu grupo “A” disputado na tarde de domingo, ás 17:00 h. no campo de Prados Vellos entre o Numancia e o Deportivo Narón con resultado final de 3 – 5. Ao descanso o resultado era 1 – 4.

Antes de dar comezo ao partido e a petición do Club Deportivo Narón gardouse un minuto de silencio en recordo da avoa de catro xogadores do Club falecida recentemente. Descanse en paz.

Ares, 27 de setembro de 2015.

FICHA TECNICA

NUMANCIA: Carlos (C) (Cristián 75´), Álvaro (Marcelo 66´), Pepe, Paulo, Rubén (Amenedo 57´), Joaquín, Alex Pita, Julio, Chapu (Martín Pérez 67´), Edu e Roi (Manu 69´).

Adestrador: Marcos Antonio Amor Roel.

2º adestrador: Manuel Antonio Cartelle Permuy.

Delegado: Francisco Manuel Iglesias Pena.

DEPORTIVO NARON: Álvaro, Iván, Durán, Casas (C) (Manu 76´), Unai (Borja 73´), Jesús (Julen 67´), Alberto (Larry 79´), Alex, Maroño (Nacho 71´), Marcos e Javier.

Adestrador: Jesús Peña Criado.

2º adestrador: José Pernas Cacheiro.

Delegado: Raimundo Barcón Doce.

ARBITRO: Martín Zakaryan. Amosou tarxeta amarela aos locais Álvaro, Julio, Rubén e Amenedo. Polo D. Narón  viuna Julen e Borja. Resultou expulsado o adestrador do equipo local.

GOLES:

0 - 1: CASAS (min. 2), lanzamento de libre directo de Casas desde o pico esquerdo da área que se coa pegado ao primeiro pau.

0 - 2: JESUS (min. 14), centro á área desde a dereita que remata Jesús á caída e sen oposición.

0 - 3: ALBERTO (min. 32), mala cesión de Pepe a Carlos o porteiro, Alberto caza o balón, regatea ao porteiro e marca a porta baleira.

0 - 4: ALBERTO (min. 36), de penalti.

1 - 4: CHAPU (min. 44), de penalti.

1 - 5: ALBERTO (min. 57), xogada individual de Maroño que alcanza o lateral esquerdo da área, centro pasado ao segundo pau que Jesús volve á área para que remate Alberto a pracer en boca de gol.

2 - 5: JULIO (min. 80), balón solto na área que chegaba a Julio quen o poñía no segundo pau.

3 - 5: JULIO (min. 89), centro de Marcelo desde a esquerda, Iván falla no despexe e Julio mete o pé para cruzar o balón ao pau longo.

Á voz de “zafarrancho de combate” saíu o equipo naronés ao campo de fútbol de Prados Vellos na tarde do pasado domingo. Todos a un tempo e exercendo un forte ritmo desde o inicio os naroneses desarbolaron a un Numancia que se viu desbordado durante moitos minutos.

Aos dous minutos do comezo Casas de lanzamento directo abría a lata cun perfecto lanzamento de falta. Puido Julio igualar o choque, pero o seu disparo bombeado tratando de sorprender ao porteiro que estaba adiantado foise polo lateral. Os de Narón volvían á carga e Casas lanzaba un forte zapatazo que detiña Carlos en dous tempos. Posteriormente Duran lanzaba por encima da portería, e Jesús cruzaba un lanzamento de falta que se ía por moi pouco.

O acoso sobre a portería local era continuo e o segundo gol non tardou en chegar. Nesta ocasión Jesús non perdoaba e remataba á perfección un centro desde a banda ante o que nada puido facer Carlos. Puido chegar o terceiro nun rápido contragolpe visitante pero ao centro chute de Unai afortunadamente non chegaba Alberto. Con apenas vinte minutos transcorridos os de Ares estaban tocados, xa encaixaran dous goles, pero ben puido ter sido algún máis.

A pesar de todo os de Ares aos poucos lograron sobrepoñerse e frear un tanto ao equipo de Narón. Pero, “a can fraco todo son pulgas” e á media hora de partido nunha xogada desafortunada para os de Ares, Alberto cazaba unha cesión ao porteiro local e marcaba a pracer o terceiro tanto visitante. Pouco despois novo xarro de auga fría para os locais que eran castigados cun penalti que transformaba Alberto no cuarto da tarde. De inmediato a esta xogada puido marcar Edu pero Álvaro tirouse valentemente aos pés do dianteiro aresano arrebatándolle o balón. Pouco antes do descanso  Chapu tamén transformaba un penalti para os de Ares para marchar ao descanso cun marcador de 1 - 4.

Nada máis comezar a segunda metade gran remate de Chapu dentro da área a centro de Rubén pero o balón marchaba alto. Contrarrestaban os naroneses cun saque de esquina pasado que Julio sacaba en boca de gol. Era o preludio da chegada do quinto que non tardou en caer ao rematar Alberto a pracer un centro de Jesús. Tivo a súa oportunidade Pepe a saque de falta de Alex Pita, pero o remate do defensa local marchaba por encima do pau.

Durante bastantes minutos o partido entrou nunha fase de certa tranquilidade contida na que as aproximacións ás áreas foron escasas e de pouco perigo. Chegaron os cambios pero todo continuo máis ou menos igual.

No último tramo do choque os de Ares asumiron algúns riscos, non sen pasar apuros, pero lograron marcar dous novos goles que “maquillaban” unha tarde desastrosa.

Pulsa no seguinte enlace para ver os resultados, clasificación e fichas técnicas da xornada.




 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.