XUVENÍS: BETANZOS - NUMANCIA
CANDO A VIOLENCIA SUPERA O LÚDICO
Un partido correcto e ben disputado dentro do terreo de xogo estivo a piques de cubrirse de lodo por mor dunhas actuacións imprudentes e sumamente reprobables. Esperemos que mañá non se repitan eses incidentes.
Ares, 27 de maio de 2016
Mañá, sábado pola tarde, os xuvenís do Numancia acudirán ao García Irmáns de Betanzos na procura case dun milagre: darlle a volta a un marcador contundente, 0 – 3 . Quizás non exista esa diferenza entre os dous equipos pero hai que aceptar que na ida os brigantinos aproveitaron as súas ocasións de gol e conseguiron unha renda moi positiva. As derrotas e as vitorias son algo consubstancial do deporte, do fútbol e hai que saber aceptalas con total normalidade, coma así ocorreu dentro do campo de fútbol entre os xogadores dun e doutro equipo.
O que non é de recibo e hai que censuralo sen ambaxes foi o comportamento dun grupo de afeccionados (por referirnos dalgún xeito a eles): prendemento de bengalas e expresións ofensivas e inxuriosas cos participantes no partido, xa fosen xogadores ou árbitros. Baixo un suposto apoio ao equipo non podemos agochar actitudes antideportivas, perigosas e vergoñentas. A ADR Numancia é unha entidade deportiva que promoverá sempre valores de tolerancia e respecto e nunca amparará a aquelas persoas que amosen unha actitude coma a vista no último sábado en Prados Vellos.
Se de verdade se consideran “numantinos” esperamos velos ao lado do equipo, dándolle o alento que os leve ás metas soñadas, pero sempre desde a corrección e o respecto.