CAMBIO DE ADESTRADORES NO FÚTBOL-11
MIGUEL CARBALLEIRA E ANTÓN, PRESENTADOS AO PLANTEL XUVENIL.
O equipo xuvenil do Numancia estará dirixido na temporada 2015-16 por Miguel Carballeira e Antón, substituíndo a Álex González quen se fará cargo dos cadetes.
Ares, 27 de xuño de 2015
Acudiron a Prados Vellos na tarde de onte os xogadores xuvenís numantinos para coñecer aos novos adestradores, Miguel Carballeira e Antón, que foron presentados pola directiva do club. Despois dunha introdución na que se aludiu, en primeiro lugar, á boa campaña realizada na temporada anterior, animouse aos rapaces para que afronten a andaina do 2015-16 con máis ilusión se for posible. Explicóuselles a importancia de seguir unidos, de continuar co labor de anos precedentes formando un auténtico equipo non só no campo, senón tamén no vestiario, e que a entidade intenta pór á súa disposición os mellores recursos, tanto materiais coma humanos. Insistiuse en que de seguir nesta liña de traballo e dedicación os resultados seguro que chegarán. Por tanto, transmitiuse a necesidade de non debilitar o equipo, de non tirar agora o traballo de anos anteriores, de que estamos nunha fase culminante de recollida dos froitos. Que é de xustiza para todos, principiando polos propios rapaces, a continuidade dunha promoción onde se xunta a calidade futbolística e humana. Por iso se lles comunicou a intención da directiva de non ceder ante os cantos de serea que xa chegan desde a ría ferrolá, onde están acostumados a pescar impunemente en todos os caladoiros.
Posteriormente, Miguel Carballeira iniciou a súa disertación cun recoñecemento ao labor realizado en temporadas anteriores por todo o equipo, comezando polo seu adestrador, Álex González, e avisando que non ía ser fácil superar o conseguido, aínda que o obxectivo era ese, dar un paso máis e saír desde o primeiro partido coas máximas aspiracións. Tanto Miguel coma Antón solicitaron o compromiso de todos, ofrecendo así mesmo a flexibilidade e comprensión ante as posibles ausencias por mor de exames.
Finalmente, parte dos xogadores quedaron xogando no campo de fútbol e despedíronse ata o inicio da pretemporada, sen data por marcar, a expensas de coñecer o calendario da vindeira temporada.