QUIQUE FERNÁNDEZ, XUVENIL DO DEPORTIVO
“NO NUMANCIA ERAMOS UN GRUPO DE AMIGOS QUE SE DIVERTÍA XOGANDO UN BO FÚTBOL”
Quique Fernández Ocampo (Ares, 1995) xogou no Numancia ata cadetes e despois dun ano nos xuvenís do G. Caranza, o Deportivo botoulle as redes. Este domingo, 25 de agosto, volverá a Prados Vellos coa camisola do Depor, enfrontándose a varios ex compañeiros que están no Rácing de Ferrol.
Ares, 22 de agosto de 2013
- Uns dez anos no Numancia, desde prebenxamíns ata cadetes. Que lembras de toda esa etapa numantina?
- Moita alegría e coñecendo a moitos compañeiros e amigos e pasando moi bos momentos.
- Os mellores momentos coinciden co título de liga infantil?
- Está claro, divertiámonos moito xogando un gran fútbol, foi inesquecible.
- Formabades unha gran promoción: Arnoso, Iván, Edu, Brayan, Pita, … todos eles probaron en equipos de liga galega con distinta fortuna. Atréveste a destacar algún deses compañeiros?
- Todos son grandes xogadores con distintas características, pero persoalmente Edu é o que máis me gusta.
- Que era o máis positivo do grupo?
- Que eramos un grupo de amigos que se divertía xogando un bo fútbol.
- Sendo cadete, debutaches co primeiro equipo do Numancia. Lembras cal foi ese partido?
- Foi fronte ao Maniños no campo do Pote o 6 de febreiro do 2011, xogar cos modestos serviume para aprender moito.
- Xa en xuvenís, no primeiro ano estiveches no Caranza. Foi un cambio moi grande?
- Si, a esixencia era moito maior contra rapaces máis fortes e iso notábase moito.
- E o salto de categoría de liga galega a liga nacional co Depor? Que diferenzas observas?
- Hai diferenza de nivel e no meu caso particular moito máis tempo dedicado ao fútbol.
- Esta vindeira temporada subirás outra categoría, estreándote na División de Honor. Cales son as túas expectativas?
- É un ano difícil á vez que importante no que intentarei ter o maior número de minutos posibles e aprender o máximo.
- Tiveches algunha convocatoria co Depor B?
- Non, gustaríame ter algunha pero polo momento nada.
- A temporada pasada coincidiches con “Bicho”. Como era xogar ao seu lado?
- Era un luxo, un xogador de tanta calidade é un pracer velo e poder adestrar con el.
- Será máis fácil ter oportunidades con Fernando Vázquez? Notades esa intención de contar coa canteira?
- Está claro, con esta situación teñen que utilizar a canteira e cada vez máis compañeiros teñen oportunidades.
- E neste Depor de División de Honor, quen son os xogadores máis destacados?
- Hai moi bos xogadores, é sobre todo un grupo moi compacto.
- Tamén se incorporaron para esta temporada xogadores novos. Como son?
- Son xogadores de moita calidade que estou seguro aportarán moito ao equipo.
- Que obxectivos vos marcades para este ano?
- Os obxectivos son máximos, esperamos loitar por gañar o título de liga.
- O domingo xogades en Prados Vellos co Rácing de Ferrol, un equipo no que te encontrarás con 4 rapaces de Ares. Atréveste a definilos?
- Edu é un xogador dun físico incrible pero aínda así ten moita calidade, é un dianteiro nato . Carlos é un xogador moi completo que le moi ben o xogo. Borja é un xogador de moita calidade e bo golpeo pero o máis salientable é a súa intelixencia dentro do campo. Por último, Dani ven destacando dende hai uns anos cun atributo físico e unha calidade notables.
- E ti, como te defines como futbolista? Cales son as túas virtudes?
- Defínome como un xogador traballador cun golpeo potente.
- Volvendo ao partido deste domingo, en Prados Vellos contra o Rácing, que esperas del?
- Espero un bonito duelo e por suposto a vitoria para seguir preparando a tempada.
- Quen terá máis apoio entre a afección xuvenil aresá: o Depor de Quique ou o Rácing de Carlos, Edu, Borja e Dani?
- Seguramente ao ser máis xogadores de Ares animen máis ao Rácing.
- O Depor está na División de Honor, pensas que se notará a diferenza de categoría?
- É probable que haxa diferenza pero ata despois do partido non podemos dicir nada.
- Para saber un pouco das túas inclinacións futbolísticas, aí van estas preguntiñas: Escolle un equipo: Depor, Ferrol, Celta, Madrid, Barcelona.
- Depor.
- Mellor porteiro da liga española?
- Iker Casillas.
- Mellor defensa?
- Sergio Ramos.
-
- Un centrocampista?
- Iniesta.
-
- Un dianteiro?
- Messi.
- Un adestrador?
- Simeone.
- Outras preguntas indiscretas:
Cal foi o libro que máis che gustou?
- La piel de la memoria.
- O filme que volverías a ver?
- Proxect X.
- Un deporte que non sexa fútbol?
- Tenis.
- O teu prato favorito?
- Polo con patacas.
- Bicicleta ou Moto?
- Bicicleta.
- A mellor praia?
- Estacas (en Ares).
- Unha cidade?
- New York.
- Un personaxe que te impresionara?
- Valerón.
- Que país che gustaría coñecer?
- Estados Unidos.
- Supoñendo que segues a web do Numancia, que valoración che merece a información que ofrece?
- É unha paxina que da moito traballo e polo tanto está moi elaborada, aporta moita información, é moi boa.
Poder ver a xogadores que se criaron neste Numancia de Ares, participando en equipos punteiros coma o Deportivo ou o Rácing, constitúe todo un orgullo e satisfacción para toda a familia numantina. E este domingo temos unha cita en Prados Vellos, ás seis da tarde. Unha vez máis saborearemos a calidade, a visión no pase e o disparo a gol deste rapaz. Oxalá teña a sorte que merece, pois a súa dedicación, traballo e esforzo están fóra de dúbida.