BENXAMÍNS. BORJA E ÁNGEL
“O MÁIS SATISFACTORIO FOI CANDO O ÚLTIMO DÍA, TODOS OS NENOS PREGUNTABAN CANDO COMEZABA A SEGUINTE TEMPORADA.”
Tras unha temporada preparando os prebenxamíns do Numancia, no 2015 -16 Borja e Ángel repetirán experiencia e continuarán co mesmo grupo de nenos, agora en categoría benxamín. Con este motivo, pedímoslles a súa colaboración nesta breve entrevista.
Ares, 28 de xullo de 2015
A temporada anterior comezastes adestrando a nenos de 6 e 7 anos. Que foi o máis complicado?
Ángel: Non che podería dicir xa que non tiven ningún problema.
Borja: Eses labores de "pai" que tes que facer nalgunhas ocasións era o que máis medo me daba pero a verdade é que todo foi mellor do esperado.
Na relación cos nenos, que vos sorprendeu máis?
Ángel: O pouco que tardaron en ter a confianza con nós.
Borja: A facilidade coa que conectamos con eles dende o primeiro día, no que creo que aspectos como a nosa xuventude ou, no meu caso xogar no equipo de afeccionados axudou en gran medida.
Lembrades algunha anécdota “simpática”?
Ángel e Borja:. Hai moitas, pero para nós a máis simpática foi na cea dos prebenxamíns cando os rapaces tocaban o bombo e cantaban cancións do Numancia.
Independentemente dos resultados, teño entendido que foi un ano moi positivo. Que facetas destacariades?
Ángel: Non destacaría nada, en xeral todo o ano foi moi bo, cando tiñamos o prebenxamin B e cando tiñamos os dous equipos, foi un bo ano.
Borja: Creo que dende o primeiro día, conseguimos que os rapaces se ilusionaran con mellorar, sobre todo como equipo.
Cal debe ser a virtude máis importante para traballar cos nenos?
Ángel: Para min as ganas de traballar cos nenos e tamén o compromiso.
Borja: Ter unha gran relación con eles, e facer que os adestramentos non sexan moi monótonos.
E que considerades vós que deben aprender futbolisticamente, nenos de 6 e 7 anos?
Ángel: O futbolisticamente é secundario en rapaces tan pequenos, o importante é facer bo grupo e que os rapaces o pasen ben e a partir de aí ensinarlles cousas pouco a pouco.
Borja: Eu penso que é importante que aprendan o máximo posible dende pequenos, en todos os lugares do campo, xa que nestas idades non soen ter unha posición fixa no campo.
Na próxima temporada, quixestes continuar con estes nenos e acompañalos en benxamíns. Por que razón?
Ángel: Porque é un grupo moi bo, e tamén é mellor para nós xa que é unha categoría máis difícil.
Borja: Consideramos que este ano tanto o ambiente como o traballo con eles foi moi bo, e tendo en conta que só quedan 3 benxamíns de segundo ano, o ideal era continuar con eles.
Existen diferentes criterios na planificación dos clubs, desde os que permiten que o monitor comece co grupo aos 6 anos e continúe toda a etapa de F-8, ata os clubs que teñen adxudicados un monitor por categoría e non permiten que estean máis de dous anos co mesmo grupo. Como o vedes vós?
Ángel: Eu creo que depende, nalgúns casos será mellor un criterio e noutros casos o outro.
Borja: Eu penso que mentres exista boa conexión no equipo, non deberían existir cambios.
O feito de xogar cos modestos parécevos que inflúe nos nenos a hora de percibirvos como case uns ídolos?
Ángel: No meu caso non xogo nos modestos, pero o ano pasado os nenos subían os domingos ao campo e estaban moi contentos de ver os meus compañeiros Borja e Teti.
Borja: Como dixen antes, creo que axudou moitísimo. Recordo o último partido dos modestos nas semifinais de Copa, ver a case todos os rapaces e máis os pais no campo, é algo moi bonito.
Insististes na idea de continuar os dous xuntos. Será que vedes o fútbol da mesma maneira e estades de acordo totalmente nos métodos de aprendizaxe e no reparto de funcións?
Ángel: Eu quería seguir con Borja porque é o meu amigo e temos confianza, e máis ou menos temos os mesmos métodos para aplicalos cos rapaces.
Borja: O ano pasado comezamos xuntos, e durante todo o ano coincidimos á hora de querer incluír exercicios, tomar algunha decisión... somos amigos de toda a vida, gústanos o fútbol e iso axuda moito.
Por certo, sabedes que é obrigatorio dispoñer do título de monitor xa para esta temporada. Cal é a vosa opinión?
Ángel: Si, paréceme ben xa que nese curso se poden aprender moitas cousas que non sabiamos.
Borja: Perfecto. Creo que como para todos os traballos, deberíase de ter unha titulación.
A día de hoxe, considerades a posibilidade de realizar todos os niveis de adestrador?
Ángel: Este ano espero sacar o nivel 0, logo xa se pensara.
Borja: A min gústame moito,e diría que o nivel 0 e máis o 1 sacareinos seguro, logo xa depende de moitas circunstancias, como todo.
Con respecto ao club, sentídesvos apoiados pola entidade?
Ángel: Si, non tivemos ningún problema.
Borja: Penso que si, dende o primeiro día tivemos todo o que quixemos, e sempre tiveron unha valoración positiva da nosa primeira experiencia adestrando.
Que melloras vedes factibles?
Ángel: Non che podería citar ningunha.
Borja: Aínda deben de mellorar todos os aspectos do xogo.
De cara á vindeira temporada, que obxectivos vos marcades?
Ángel: Gustaríame que este ano sexa parecido ao ano pasado, un bo grupo.
Borja: Que xoguen como saben e que ao mesmo tempo gocen co fútbol.
Resúltavos compatible esta dedicación ao fútbol coa vosa vida persoal?
Ángel: Si, é moi gratificante estar cos nenos.
Borja: Polo momento, si.
Cales son as situacións peores nas que vos encontrastes?
Ángel: Non diría ningunha xa que adestrar os nenos é algo moi bonito.
Borja: A convocatoria para o último torneo da tempada. Iso de que algúns rapaces xa estiveran de vacacións mentres outros aínda tiñan partidos que xogar... quizais fora o máis difícil.
E as máis satisfactorias?
Ángel: Ver como gozan os nenos e tamén eu e o meu compañeiro Borja.
Borja: Ver que cando rematou toda a tempada, todos os rapaces estaban a preguntar por cando empezaba a seguinte. Sen dúbida.
Para rematar, Ángel e Borja quixeron engadir o seguinte: “E tamén queremos dicir que os nenos que adestramos o ano pasado e quedan en prebenxamíns que sigan con esas ganas, son moi GRANDES!!”.