ALEVÍNS. ADESTRADOR
TAINO: “NON SOPORTO A FALTA DE PUNTUALIDADE”
Juan Iglesias Núñez, coñecido por Taino, e orixinario da Pedreira, retorna aos banquiños do Numancia para dirixir a vindeira temporada a categoría alevín.
Ares, 9 de agosto de 2011
– Taino, podes resumirnos a túa traxectoria como adestrador?
– Empecei nos infantís do Mugardos, cos que quedamos campións de liga e copa, e despois seguín en todas as categorías do club.
Tamén estiven nos modestos do Numancia, e con todas as categorías de pequerrechos, lembro que no torneo que se organizaba en Perlío tamén quedaramos campións co equipo prebenxamín; posteriormente adestrei no Barallobre de primeira rexional e mesmo no Moeche, equipo no que conseguimos o ascenso a segunda rexional.
– Cantos anos levabas sen adestrar?
– Uns cantos, desde a temporada 2002-03
– E agora, como é que volves?
– Pode ser que porque teño moito tempo libre.
– E tamén porque che gusta o fútbol, non si?
– Bueno, gústame cando estás dentro, cando tes algún papel no campo, como p. ex. sendo adestrador.
– Que obxectivos tes marcados para esta temporada?
– Que os cativos vaian mellorando algo e logo, xa se verá. O fundamental é o comportamento durante o ano, que se relacionen cos outros nenos e que o pasen ben.
– Cando comezaredes a adestrar? Xa en agosto?
– Quero comezar cedo, prefiro ter tempo suficiente para ir formando o equipo e para coñecernos.
– Como é o Taino adestrador?
– Xa non son o de antes, aquel Taino temperamental, que vivía os partidos con moita intensidade, sen parar no banquiño. Agora vexo o fútbol con máis tranquilidade.
– Que Taino van encontrar os nenos?
– Hai cousas que non soporto. Se quedamos para comezar a unha hora, a esa hora hai que estar preparados. Non soporto a falta de puntualidade. Eu nunca chego tarde a ningún sitio.
– E que máis lles vas pedir?
– Que veñan sempre a adestrar e que veñan a pasalo ben.
– Consideras o fútbol – 7 unha competición adecuada para estes nenos?
– Para estes rapaces, si. O campo é máis reducido e teñen máis contacto co balón, participando por tanto máis no xogo.
– O Numancia, cambiou algo desde a túa etapa anterior, non?
– Si, agora as instalacións están moi ben
– E que material vas pedir?
– Necesito balóns, un para cada neno. Iso é primordial.
– Como serán os adestramentos?
– Hai que traballar fundamentalmente a técnica: corrección no golpeo, no pase, e o golpeo de cabeza, moi importante.
– Cóntanos que días adestraredes
– Pois comezamos o martes 16 de agosto. Durante estas primeiras semanas quedaremos polas mañás, ás 11.00 h. Quero comezar adestrando tres días por semana, aproveitando as vacacións dos nenos:
martes, 16; mércores, 17; xoves, 18.
luns, 22; mércores, 24; xoves, 25.
luns, 29; mércores, 31; xoves, 1.
Ata aquí estas primeiras impresións de todo un veterano do fútbol comarcal que vai colaborar co Numancia, axudando na formación dos nenos. Sen dúbida, un luxo para toda a familia numantina.