ETAPA FEDERADA (1949-1958).
En xullo de 1949, fedérase o Numancia e ten que presentar un Regulamento Oficial para poder xogar na competición de Modestos de Ferrol.
O Numancia tería que pagar os desprazamentos dos once equipos de Ferrol cando xogaban en Ares, para xogar esta competición federada, ademais dos gastos de arbitraxes. Por riba, o Numancia quedaría excluído do reparto das taquillas recadadas no campo de Batallóns.
O Numancia viste camisetas vermellas con pescozos brancos, pantalóns azuis e medias negras.
O primeiro partido oficial de competición xógao co Canido no Campo de Batallones (Ferrol) e empata a dous goles.
A reseña da prensa di o seguinte do partido:O mércores ás once da mañá e no Campo de Batallóns, cun Numancia de Ares - Canido, deu comezo a liga dos Modestos Ferroláns, no encontro que foi presenciado por numeroso publico e que terminou cun empate 2-2, conseguidos os goles do Numancia por Vaquero e Gelucho (Malpica) e os do Canido por Ramón e Basora; caracterizouse polo inesgotable entusiasmo dos numantinos e pola fructífera reacción no segundo tempo do Canido, que valeu a este o non saír derrotado do terreo de xogo co marcador en contra. Polo Numancia destacaron en forma prometedora a súa á esquerda: Gelucho e Chao e o seu extremo Vaquero; e polo Canido Cascuelo, que finalizada a contenda recibiu a medalla do Mérito Deportivo, Ramón e Basora. Este partido foi xogado o 12 de Outubro de 1949.
Na temporada 1952/53 o Numancia proclámase campión entre 12 clubes, solicitando o ingreso na serie A Rexional, solicitude que resulta aceptada pola Federación Galega de Fútbol.
Curiosidades:
- Acta do 15 de outubro de 1950:
“Acórdase nomear unha comisión técnica formada por tres directivos, co obxecto de asesorar ao adestrador nas súas funcións, debendo este entregar con 24 horas de antelación a cada partido, a alineación do equipo, co fin de estudar conxuntamente as posibilidades de mellora e a táctica a seguir”. - Acta do 1 de xaneiro de 1951:
“noméase presidente de honor do club ao veciño desta vila e Teniente Coronel a Marina, D. Luis González Perbel, polas súas actuacións desinteresadas prestadas en todo momento ao club. Tamén se acorda nomear socio de honor ao que fora preparador do equipo, d. Roberto Caselas, polos desinteresasdos servizos durante o desempeño do seu cargo”. - Acta do 8 de abril de 1951:
“acórdase, por unanimidade, nomear presidente de honorario deste club ao Excmo. Sr. D. Francisco Núñez Rodríguez, capitán de navío polas atencións prestadas ao club”.
Durante cinco temporadas participan nesa categoría Rexional, da que se retiran en 1958, por mor da falta de recursos económicos, transcorrendo dous anos sen participar en ningunha competición