Inicio Noticias Afeccionados AFECCIONADOS. NUMANCIA, 3 - BARALLOBRE, 1.
 
 

AFECCIONADOS. NUMANCIA, 3 - BARALLOBRE, 1.

Numancia de Ares ADR. Afeccionados 2011-2012. Numancia 3 - Barallobre 1. Prados Vellos 19/02/12.XUVENTUDE FRONTE A VETERANIA

Xusta vitoria dos aresáns ante un Barallobre que xugou a refachos e que soamente no primeiro cuarto da segunda metade puxo toda a carne no asador, non aproveitou as súas oportunidades cun Numancia "KO" e foise de baleiro.

Prados Vellos 19 de febreiro de 2012.

ALINIACIONS:

NUMANCIA: Carlos Arnoso, Martín, Jauma, Bule, Teti, Rubén, Jorge (Juan 60´), Manu (Amenedo 89´), Carlos Barcia (Borja 80´), Javi (Cagide 83´) e Javi Enrique.

BARALLOBRE: Monti, Amir, López, Justo, Dopico, Telmo, Garecho (Brais 62´), Chapu, Iván (Cris 75´), Diego (David Seijo 39´) e David Feal.

COLEXIADO: David Brito Regadera. Amoestou a Javi Enrique polo Numancia e a Garecho e Chapu polo Barallobre. Expulsou a Fran (adestrador) do Numancia.

GOLES:

1 – 0: Javi (min. 20)
2 – 0: Bule (min. 23).
2 – 1: Dopico (min. 52).
3 – 1: Javi (min. 81) penalti.

  



Saía o Numancia coa lección ben aprendida do partido de ida en O Ramo. Tiñan claro quen era o home a marcar, e hoxe Martín, Bule, Jauma, Jorge e Teti tiveron que empregarse a fondo para anular a un veterano Chapu que malia a férrea marcaxe á que se viu sometido lle creou bastantes problemas á zaga aresá.
Os de Ares saíron a polo partido dende o asubío inicial, tocando a pelota e non deixando que o Barallobre tivese a posesión. Os visitantes esperaban atrás e o seu xogo pasaba por balóns longos e prolongacións para superar a barreira defensiva local. No minuto 7 a piques estivo o Numancia de adiantarse no marcador despois de que un balón despexado en defensa, dese nas costas de Rubén, e saise rexeitado para estrelarse no longueiro. No minuto 20 chegaría o primeiro gol do Numancia despois dun erro en defensa do Barallobre. A xogada viña precedida dunha internada por banda dereita do Numancia con centro á área, o balón córtao un defensor visitante e incomprensiblemente pasao a Javi. O dianteiro numantino non perdoa e crúzaa ao segundo pau poñendo por diante aos de Ares, 1 - 0. Tres minutos despois chegaría o segundo gol local, nesta ocasión precedido dun córner, o balón sae despexado á semilúa da área do Barallobre e chega aos pés de Bule, o central aresán colocao e de disparo morno e en parábola envíao a fondo da rede, 2 - 0.
O Barallobre quedaba tocado, pero non morto, pois puido Chapu no 25 ´ acurtar distancias despois de facerse cun balón en mediocampo local, encara en solitario a meta aresana nun man a man con Carlos quen aguanta ben a saída malogrando unha clara ocasión do Barallobre. Foron cinco minutos intensos nos que puidemos ver dous goles e unha ocasión desaproveitada polo Barallobre.
Co partido controlado, en posesión do balón e por diante no marcador, os de Ares baixaron un pouco o ritmo e o encontro pasou por unha fase de xogo en mediocampo. Houbo que esperar ata o minuto 41 para ver outra oportunidade clara do gol. Chapu volvería ser o autor material ao executar de forte disparo o saque dunha falta lateral que é rexeitada polo porteiro numantino. A replica do Numancia viría no 45, despois dun pase de Rubén a Carlos que encara nun man a man a Monti, supérao por abaixo pero o balón estrélase na cepa do pau. Non habería tempo para máis e co resultado de Numancia 2 - Barallobre 0 marcharíamos ao descanso.

Comezaba a segunda metade con moito ritmo por parte dun Barallobre que saíu con forza sorprendendo o Numancia. Aos dous minutos da reanudación Chapu daría o primeiro aviso nunha internada por banda esquerda que cruza en exceso. Tres minutos despois, o mesmo xogador, e en xogada similar á anterior volve cruzar o balón, nesta ocasión máis axustado á base do pau, pero afortunadamente para os de Ares tamén marcha fóra. Na xogada seguinte, de novo Chapu, nesta ocasión pon un balón ás costas da defensa aresá co que se fai Dopico, encara a Carlos nun man a man e nesta ocasión non perdoan, 2 - 1, corría o minuto 52 de xogo. Había partido, o Barallobre estaba vivo e ofrecíanos os seus mellores minutos do encontro ante un Numancia sorprendido pola forza visitante.
Baleirouse o Barallobre nos primeiros minutos desta segunda metade, onde tivo boas ocasións para igualar, e mesmo para adiantarse no marcador. Pero non as aproveitaron, e a medida que corría o reloxo foron perdendo fol en detrimento dun Numancia en alza que volveu tomar o control do partido. Control que se viu incrementado cos cambios, nos que a xuventude numantina achegou osixeno e savia nova o equipo. Co partido baixo a batuta numantina iriámonos ata o minuto 75 cando unha bonita volea de Manu vaise pegada á cruceta da meta fenesa. E no minuto 81 á saída dun corner a favor do Numancia, Cris toca claramente o balón coa man dentro da área. O colexiado sinala a pena máxima que é transformada por Javi para marcar o terceiro gol aresán e matar o partido.

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.