Inicio Noticias Xuvenís XUVENIS. NUMANCIA, 4 - PORTUARIOS, 2.
 
 

XUVENIS. NUMANCIA, 4 - PORTUARIOS, 2.

Numancia de Ares ADR. Xuvenís 2011-21012. Numancia, 4 - Portuarios 2. Prados Vellos 18/02/12.DE PODER A PODER

Partido xogado con moita intensidade por parte dos dous equipos que ofreceron un bonito espectáculo deportivo aos afeccionados este pasado fin de semana en Prados Vellos. Puidemos ver goles, pero sobre todo moitas ocasións desaproveitadas que deron emoción ao encontro.


Prados Vellos 18 de febreiro de 2012.

ALINIACIONS:

NUMANCIA: Xaime, Darío (Ricardo 46´), Víctor (Manu 69´), Álvaro, Amenedo, Pepe, Jhony, Borja (Juanfran 75´), Brayan, Iván e Cagide (Roque 64´).

PORTUARIOS: Mike, Pisco, Aitor (Rubén 74´), Carrera (Aarón 30´), Sergio, Brais, Iván, Javi, Pol, Adrián e Brais Leira.

COLEXIADO: Juan Carlos Fernández Martínez. Amoestou a Xaime, Brayan e Marcos (adestrador) polo Numancia e a Aitor polo Portuarios.

GOLES:

Numancia: Brayan, Borja, Roque e Manu.

Portuarios: Adrián e Pol.

 

 

Nova vitoria dun Numancia en racha que con ésta fai a quinta xornada consecutiva sumando puntos. Os locais que se van consolidando xornada tras xornada parecen atopar o seu sitio na categoría. Hoxe en fronte un equipo potente e ben conxuntado, aínda que con algunhas baixas importantes, pero que non lle restou poder ofensivo nin defensivo.

Comezaba o partido con moita intensidade por parte do equipo local que intentaba tomar o control do xogo, ante un Portuarios que tardou algúns minutos en entrar no partido. Minutos que foron aproveitados polos locais para crear dúas ocasións, unha delas de Brayan nun man a man co porteiro que non aproveitou. A réplica do Portuarios viría no minuto 11 á saída dun córner que Darío saca baixo os paus. Non había tregua, os de Ares quizais levaban máis o control do xogo, pero o Portuarios á contra e en xogadas rápidas por banda tamén chegaba con perigo ao área aresá. Volvería ser o Numancia no min. 21, o que puido colocarse por diante no marcador, pero de novo Brayan volve estar desacertado noutro man a man con Mike. Tanto foi o cántaro á fonte que á terceira foi a vencida e finalmente Brayan obtería o premio de tan ansiado gol. Corría o minuto 31, saque de falta lateral de Iván que pon no corazón da área onde Brayan adiantase a todos e sen oposición remata de cabeza ao fondo da rede, 1 - 0. O Portuarios non baixou os brazos e continuou coa súa filosofía de xogo, e no minuto 38, nun disparo a porta que rexeita Xaime, o balón queda solto e aprovéitao Adrián para empatar o partido, 1 - 1. De aquí ata o final da primeira metade foron minutos de infarto. Primeiro no 39´ Cagide volve perdoar nun man a man con Mike. No 43´ Xaime comete un penalti inocente, pero emenda o seu erro detendo o lanzamento de Iván, desaproveitando a ocasión o Portuarios para adiantarse no marcador. E no 47´ un pase en profundidade de Iván ás costas da defensa visitante, contrólao Borja en carreira e encara a Mike superándoo de vaselina ante a saída deste. Sen tempo para máis marchamos ao descanso cun marcador parcial de Numancia 2 - Portuarios 1.

A segunda metade comezou cun Portuarios máis incisivo e con máis mordente que un equipo local que tardou algúns minutos en entrar no partido. Aos poucos fóronse estabilizando as cousas e pasamos a ver un encontro de centrocampismo sen chegadas claras ás áreas rivais. No minuto 66, unha indecisión no despexe do balón no bordo da área numantina provoca que éste chegue a Pol e empata de novo para o Portuarios, 2 - 2. A raíz do empate o partido volveu durmirse un pouco. Pero do mesmo xeito que sucedera a pasada semana fronte ao Aspirantes en A Gándara, hoxe volveríamos gozar doutros dez últimos minutos finais de tensión e nervios con resultado incerto. No minuto 82 volvían porse por diante os de Ares, balón de Brayan ao segundo pau que controla Manu, regatea a un defensor e pase cara atrás á banda contraria sobre Roque, que libre de marca envía ao fondo da rede, 3 - 2. Pero o Portuarios non estaba disposto a irse de valeiro de Prados Vellos e no minuto 87 a punto están de empatar de novo o partido, pero Ricardo saca baixo os paus un balón que ía a porta logo dunha desacertada saída de Xaime. Os ferroláns obterían a replica dous minutos despois nunha internada de Brayan por banda esquerda que finaliza cun disparo cruzado que se vai pegado á base do pau. E a estocada definitiva dos de Ares chegaría no minuto 89, saque de banda do Portuarios que rouba Manu intérnase na área e de disparo axustado ao primeiro pau marca o cuarto e definitivo tanto aresán, quedando o partido visto para sentenza.

Queremos aproveitar a ocasión para enviarlle desde aquí un saúdo e darlle ánimos a Carreira, xogador do Portuarios que se lesionou no minuto trinta e tivo que abandonar o encontro.

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.