AFECCIONADOS. ANÁLISE DA PRIMEIRA VOLTA
COA AXUDA DA CANTEIRA, COMPETIREMOS ATA O FINAL
Fran Bardanca e Marcelino, os dous adestradores do Numancia de afeccionados analizan a primeira volta desta liga da segunda autonómica
Ares, 27 de xaneiro de 2012
"Completadas as 17 primeiras xornadas de liga, seguimos pensando igual que ao comezo da mesma: non hai ningún equipo que se pasee. Cremos que existe moita igualdade, calquera gaña a calquera. Iso si, sabemos que dos 18 equipos hai 8 que se van distanciando, 8 que xornada a xornada van sumando puntos.
Analizando os equipos que mellor impresión nos causaron nesta primeira parte do campionato, destacariamos aos seguintes: Meirás, Miño, Ortigueira e outro que tamén nos chamou a atención foi o San Sadurniño, un equipo xove pero que trata moi ben o balón.
O Miño pareceunos un equipo moi ordenado e coas ideas do seu adestrador moi claras, en todo momento do partido están concentrados e saben ao que xogan.
Do Meirás, dicir que ten un gran adestrador e un gran equipo, moi equilibrado en todas as liñas. Sen dúbida, un dos nosos favoritos para loitar polo título.
O Ortigueira empezou os primeiros partidos moi frouxo pero pouco a pouco está collendo os postos de cabeza, grazas ao seu bo fútbol, aínda que en Ares levou demasiado premio.
Outros equipos que non nos gustaron tanto, pero que sabemos que van estar arriba son o Maniños e o Cedeira. Repetimos, que estamos opinando sempre valorando os partidos nos que nos enfrontamos a eles. Certo é que se están onde están será por algo.
Vimos ao Cedeira coma un equipo con moito oficio e veteranía, un equipo que con pouco gaña moito.
Ao Maniños, como sempre, un bo equipo, un bo adestrador pero non acaban de concretar as aspiracións iniciais. Aínda así, seguro que ao final estarán na cabeza da táboa.
E, finalmente, opinemos do noso NUMANCIA:
Tras unha pretemporada moi boa, cun plantel de 19 xogadores e un comezo espectacular, mesmo pasando por ser líderes, fomos perdendo efectivos moi importantes durante algúns partidos, unhas veces por lesión, outras por sancións e tamén por motivos laborais. Aínda así fomos tirando da canteira numantina cunha aportación exquisita. Seguimos estando na parte alta da clasificación. Non se nos pode esquecer que debido ao traballo deixáronnos xogadores moi importantes para o equipo como Zeta e Pedro e tamén perdemos a Silla. Nestes momentos tamén temos a Jorge lesionado así como a Iván. Aínda así, coa axuda da canteira, trataremos de competir ata o final.
Con traballo, actitude, sorte e compromiso, o tempo colocarános no lugar que nos corresponde.
Un abrazo a todos, ¡AUPA NUMAN!