PEDRO
Onte, a última hora da noite, finou Pedro.
18 de xaneiro de 2009
Hoxe é un día moi triste para toda a familia do Numancia. A noticia da morte de Pedro sorprendeunos, por inesperada e incomprensible, ás doce da noite do sábado.
Quizás non sexa o mellor día para intentar expresar o que significou Pedro para todos nós; quizás non atopemos as palabras que Pedro merecería para manifestarlle o infinito agradecemento que lle debemos; quizás non sexamos os máis adecuados, pero queremos lembralo.
Pedro e Numancia son dúas verbas asociadas; dicir Numancia era pensar en Pedro, ese señor que obrou o milagre de resistir el só á fronte da entidade facéndose cargo de todos os equipos, cando todos abandonaran,. Hoxe o Numancia, posiblemente non existiría de non ser por Pedro. Grazas ao seu heroico traballo o Numancia seguiu participando nos campionatos.
Todos sabemos que nestas sociedades deportivas onde non existe posibilidade de lucro, a presenza, a dedicación, a entrega e a colaboración desinteresada de persoas como Pedro é impagable. GRAZAS PEDRO POR TODOS ESTES ANOS.
Ademais, Pedro era todo un señor. Os equipos da comarca cando acudiron a Pedro para solicitar un favor, sempre encontraron nel todas as facilidades e a súa colaboración.
A Xunta Directiva, os xogadores, os adestradores, os socios e os afeccionados da SDR NUMANCIA de Ares, sumámonos á dor que está sufrindo a familia de Pedro, nesta semana tráxica para eles.
Tamén queremos agradecer todas as mostras de cariño e solidariedade que estamos a recibir de clubs e amigos desta comarca ferrolá.
PEDRO, NON TE ESQUECEREMOS.
Mañá, luns 19 de xaneiro, ás 17.00h. celebrarase o seu funeral na igrexa de Ares.