INFANTÍS. NUMANCIA, 2 - ÁNIMAS, 0
RECUPERAMOS O TOQUE
Ao descanso gañaban os locais por un gol a cero.
Ares, 17 de decembro de 2011
Partido correspondente á oitava xornada de liga disputado en Prados Vellos, con estas aliñacións:
NUMANCIA: Fernando, Raúl (Alexis, m. 55), Óscar, Nico (Seijas, m. 65), Rañales (Luís, m. 55), Emi, Miguel (Íam, m. 65), Carlos, Pablo, Antón e Piñeiro.
ÁNIMAS: Unai (Borja, m. 68), Alejandro, Gómez, Alejandro P (Manuel, m. 69), Mario, Bruno, David, Diego, Cristofer, Álvaro (Yago, m. 61) e Joel (Miguel, m. 46).
ÁRBITRO: Borja Gundín.
GOLES:
1 – 0: Triangulación dentro da área que finaliza Carlos desde a área pequena.
2 – 0: Interceptación dun balón na saída do Numancia, con pase para Antón, quen ante a saída de Unai consegue enviar ao fondo da rede (con certo suspense).
COMENTARIO: Comezou o partido con dous equipos moi igualados, con dominio alterno e con poucas ocasións de gol. A primeira oportunidade foi para o equipo ferrolán nun bo disparo que Fernando conseguiu despexar nunha gran estirada. A igualdade era a característica do partido, os dous equipos buscaban o gol e no Numancia volviamos a recuperar o xogo combinativo, con dous medios que intentaban xogar con criterio, controlando o balón e distribuíndo o xogo cos extremos e dianteiros. Houbo a fortuna de que nunha boa xogada de ataque, os xogadores locais triangularon e profundizaron magnificamente e os aresáns adiantáronse no marcador. Un gol que lles deu forzas e ánimos para continuar pelexando un encontro nada fácil, pois enfronte había un rival que non se rendía.
Comezou a segunda parte cunha excelente oportunidade para o Ánimas pois o balón estrelouse na cruceta da portería defendida por Fernando. Puido ser o tanto do empate. E cinco minutos máis tarde chegou o tanto de Antón, magnificamente rematado polo dianteiro local. Poderiamos comentar que a sorte se aliou cos numantinos nestas dúas xogadas que resultaron claves para o devir do partido.
Co paso dos minutos, os rapaces aresáns foron perdendo forzas e tiveron que resistir os ataques dun Ánimas que non foi quen de aproveitar as súas oportunidades. Seguro que lamentarán esas ocasións, pois de entrarlles o balón na portería de Fernando podían meterse no partido.
Finalmente, o partido finalizou coa vitoria local, tres puntos que permiten recuperar o sorriso aos rapaces aresáns. Agora veñen as vacacións e descansaremos de fútbol durante unhas semanas.