ALEVÍNS. NUMANCIA, 2 - NEDA A, 2. SUBCAMPIÓNS EN NEDA

TONI: “O PARTIDO DA FINAL FOI DOS MÁIS COMPLETOS E SERIOS DA TEMPORADA”

Outra brillante participación dos alevíns aresáns o pasado domingo en Neda, xogando un gran partido na final.
Ares, 16 de xuño de 2017.
Por mor de problemas técnicos non puidemos subir as crónicas dos partidos disputados polos nenos do Numancia a pasada fin de semana no torneo de Neda. Coma queira que xa estaba lista, atrevémonos a publicala agora, aínda que somos conscientes do atraso. Así tiñamos preparada a información:
 
Fin de semana completo no F-8 do Numancia, coa participación dos tres equipos no torneo de Neda. O domingo, 11 eran os alevíns os que se desprazaban á vila nedense, ofrecendo unha excelente imaxe.
Esta é a crónica enviada por Toni, monitor dos alevíns, comentando os partidos xogados no torneo de Neda :
Resultados da fase de grupo:
Numan, 2 – Perlío, 0, con goles de Leira e Iván. Tivemos máis ocasións e máis pegada.
Numancia, 1 – Neda A, 1. Partido igualado no que o Neda se puxo por diante no marcador. Na derradeira xogada e de falta directa, marcou David o tanto do empate. Os nedenses tiveron varias ocasións, sobre todo unha na que dispuxeron de tres tiros seguidos, mais Miguel e David evitaron o gol. Nós tamén dispuxemos de varias oportunidades.
Numancia, 3 – San Pedro, 0. Partido que se disputaba á vez que o Neda – Perlío. Cada gol do Neda era respondido por un do Numancia, que se volcou na portería do San Pedro buscando goles que lle permitisen clasificarse coma primeiro de grupo. Foron Lucas, Áxel e Iván os autores dos tantos. Finalmente, e como quedamos empatados en puntos e goles co Neda, foi a moeda quen nos deu a primeira posición.
                                                                                                   
En semifinais enfrontámonos ao Neda B nun partido que resultou moi igualado. Adiantouse o Neda nun mal entendido entre a nosa defensa e o porteiro e tivemos que arriscar para conseguir a igualada. Tivemos a posesión do balón aínda que as ocasións non eran moi claras. Faltando oito minutos para o final, Áxel logrou o empate nun disparo lonxano e alto que superou ao porteiro. Nos penaltis, Áxel e Leira conseguiron gol e Miguel parou un penalti, fallando o Neda o segundo lanzamento.
Na final ante o Neda A, o Numancia foi moi superior ante un rival que só disparou en dúas ocasións e desde lonxe. O partido foi moi ben xogado polos nenos, ben colocados e moi verticais nos metros finais. Puxémonos cun dous a cero, os dous goles conseguidos por Marcos Margharetto e con varias oportunidades máis de gol. A falta de cinco minutos, nun rexeite da nosa defensa, Miguel detén o balón na liña de gol e o árbitro, tras uns segundos de dúbida, nun claro erro de apreciación, dá un gol que ninguén viu. Nos derradeiros segundos do partido, nun saque de banda longo, o dianteiro do Neda remata de cabeza establecendo o empate definitivo. O árbitro pitou o final segundo entraba o balón na portería.
Nos penaltis, gol do Neda e gol de Áxel; parada de Miguel e fallo de Leira; gol do Neda e gol de Marcos Rey; gol do Neda e fallo de Iván.
Unha mágoa este resultado final pois foi dos partidos máis completos e serios de toda a temporada. O torneo fóisenos das mans cando xa o saboreabamos. Un dez para todos os nenos con agradecemento especial para o benxamín Lucas por axudarnos.
 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.