ALEVÍNS. NUMANCIA, 3 - R. S. PEDRO, 2. CAMPIÓNS EN MEIRÁS
TONI: “OS ALEVÍNS NON QUEREN VACACIÓNS"
Os alevíns pecharon a participación do Numancia no torneo de Meirás, proclamándose campións, tras un titánico esforzo partido a partido.
Ares, 5 de xuño de 2017.
O domingo, 4 de xuño celebrouse no Misael Prieto o torneo organizado polo Meirás correspondente á categoría alevín. Moita xente nun día soleado e co campo en perfectas condicións. Os siareiros aresáns alentaron ata o final aos nosos rapaces.
A seguir reproducimos a crónica enviada por Toni, monitor dos alevíns, comentando os partidos xogados no torneo de Meirás :
Resultados da fase de grupo:
S. Pedro, 2 – Numan, 1
Neda, 1 – Numan, 3
Numan, 5 – Cedeira, 0
Pasamos esta primeira fase de grupos clasificados coma segundos, con seis puntos, a un do S. Pedro que foi primeiro.
En cuartos, xogamos co Perlío, partido que finalizou con empate a cero goles, aínda que tivemos varias ocasións que non materializamos. Ao final, a lotaría dos penaltis resultounos favorable. Na primeira quenda os dous equipos conseguimos os 3 goles, sendo Áxel, Leira e Marcos Rey os goleadores. O cuarto penalti foi lanzado por Iván, conseguindo gol ao igual que o Perlío. O quinto fallouno Marcos Margaretto pero Miguel tamén parou o lanzado polo Perlío. O sexto materializouno Hugo Cartelle (benxamín) e eles tamén. Por último, David conseguiu gol no sétimo penalti e Miguel parou o lanzamento dos feneses, dando o pase para as semifinais.
Cambiamos de campo en semifinais co Ánimas. Os primeiros dez minutos foron deles, meteron un gol e tiveron outras dúas ocasións claras. Empatou David de falta directa e un pouco despois, un balón enviado por Leira ás costas da defensa ferrolá permitiu que Hugo, entrando desde atrás, batira o porteiro. Xa no final, Habte pelexa un balón, dállo a Hugo que á súa vez llo pasa a Marcos Rey e este, desde o borde da área consegue o terceiro gol cun lanzamento pegado ao pau. Resultado final: 3 – 1 e clasificados para a final.
Cambio de campo e a disputar 30 m. contra o R. S. Pedro, o primeiro equipo da mañá que nos gañara por 2 – 1. Empezou dominando o equipo ferrolán quen se adiantou no marcador nunha xogada embarullada ao borde da área, gañando o seu dianteiro o balón e batendo ao noso porteiro. Seguiron empurrando e nun tiro de lonxe que sae rexeitado, chega ao dianteiro do S. Pedro e logra o 2 – 0.
Facemos trocos e conseguimos xogar preto da súa área. Un tiro desde fóra da área permítenos acurtar distancias no marcador, sorprendendo ao porteiro por raso. Seguimos presionando e o árbitro pítanos un penalti por man dentro da área. Axel transforma a pena máxima, empatando o partido. Non baixamos o ritmo e chega o gol de Iván recollendo un pase ás costas da defensa e superando ao porteiro na súa saída. Quedaba pouco tempo para o final e soubemos defender sen pasar moitos apuros".