ALEVINS. NUMANCIA, 4 - NARON "B", 2.

CONTINÚA O BO MOMENTO.

Partido correspondente a 12ª xornada de liga alevín disputado na tarde do venres nas instalacións de Prados Vellos, e que finalizou con vitoria local por 4 - 2. Ao descanso o resultado era de 1 - 2.

 


Ares, 14 de marzo de 2014.

FICHA TECNICA

NUMANCIA: Adrián, Mateo, Pablo, Mario, Martín (C), Borja, Migui e Naim. Tamén xogaron Rubén, Raúl, Samuel e Sergio.

Adestrador: Alberto Alejandro Duran Morais.

Delegado: Santiago Cartelle López.

NARON “B”: Martín, Iván, Marco, Pablo, Sara (C), Isaac, Rubén e David. Tamén xogaron Aarón, Diego, Eloy e Dani.

Adestrador: Juan Luis Amigo Ferreiro.

Delegado: José Manuel González Fernández.

ARBITRO: Tomás Lorenzo Castro. Sen incidencias.

 

 

Recibía o Numancia alevin ao Narón "B", un equipo que xunto cos de Ares ocupaba a parte media da táboa. Ambos os dous equipos estaban necesitados de puntos, uns, os naroneses para non perder o tren dos primeiros postos, e os outros para subirse nese tren, polo que o choque a priori non defraudaba.

A primeira parte estivo caracterizada pola igualdade e o protagonismo dos paus. No minuto 10 Isaac de falta directa estrelaba o balón no longueiro. Dous minutos despois Mario facía o propio para os de Ares. Este último xogador sería o protagonista do primeiro gol local no minuto quince, cun lanzamento directo que o porteiro narones envía a córner, e do posterior saque de esquina remataría a gol. Cinco minutos despois do gol, novo balón ao pau dos locais, nesta ocasión de Migui.

No último tramo do primeiro período os naroneses meterían unha marcha máis que os locais e avisaban cun disparo de Isaac que se ía rozando o pau. Pouco despois chegaba a igualdade ao marcador cun gol en propia porta de Pablo Cartelle ao meter o pé a un centro de Marco. O gol levantou os ánimos visitantes e dous minutos despois poñíanse por diante no marcador cun disparo de Isaac que non atalla o porteiro local, Pablo Martínez adiantábase á defensa, metía o pé e establecía o 1 - 2. Resultado co que marchábamos ao descanso.

Aos oito minutos da reanudación os de Ares empataban o partido cun libre directo de Mario. E dous minutos despois sensacional e bonito gol de Adrián. Balón en profundidade de Pablo á banda dereita, Adrián próximo ao lateral da área, baixa o balón co peito e á caída déste executa un forte disparo para colocar o esférico na escuadra do segundo pau. Sen ningunha dúbida un sensacional gol. Pero máis bonito, foi o xesto que tiveron todos os xogadores numantinos, ao acudir en grupo a celebrar o gol co seu compañeiro David Feal, quen convalecente dun problema de saúde observaba o partido dende o banco.

O golpe de moral do gol meteu definitivamente os de Ares no partido e a igualdade volveu ao terreo de xogo. Os naroneses tampouco o deron por perdido e trataron de sorprender en varias ocasións con disparos afastados e a balón parado, sobre todo de Isaac, o seu xogador máis activo, pero aos que o meta local Rubén respondeu con eficacia.

No minuto 44, roubo de balón de Mario no centro do campo, cede sobre Adrián e éste abre a banda para Borja, quen alcanza a área e marca de disparo cruzado para poñer o definitivo 4 - 2.

Con esta vitoria os de Ares métense nun grupo de sete equipos, dende o segundo ata o sexto clasificado, no que tan só hai unha diferencia de tres puntos entre eles. Os nosos parabéns o equipo alevín, e esperemos que esta melloría amosada dende o arranque da segunda volta se manteña.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.