BENXAMINS. NUMANCIA, 1 – PORTUARIOS, 0.

DESPEDIDA CON VITORIA

Vitoria pola mínima dos benxamíns ante o Portuarios en partido xogado na maña do sábado en Prados Vellos. O encontro correspondente a última xornada da 2ª fase da liga benxamín no grupo 2 chegou ó descanso cun marcador de un a cero.
 

Ares, 2 de maio de 2015

FICHA TÉCNICA

NUMANCIA: Miguel Iglesias, Brais, Aarón García, Marquitos (C), David Vilasánchez, Axel, Miguel Leira e Joel. Tamén xogaron Carlos, David López, Marcos Rey e Isma.

Adestrador: Eugenio Margharetto Rodríguez.

Delegado: Francisco Vilasánchez Bardanca.

PORTUARIOS: Alejandro, Bassir (C), Manuel Chao, Antón, Rubén, Manuel Freire, David e Mario. Tamén xogaron Daniel e Alejandra.

Delegado: Diego Seijido Dopico.

ARBITRO: Daniel Rodríguez Solloso. Sen incidencias.

Duelo de dous equipos da parte alta da táboa, pero con todos os deberes feitos. Os de Ares, segundos clasificados e o Portuarios terceiros, xogaron un partido de trámite sen nada en xogo.

Partido que estivo algo condicionado polo vento. Na primeira metade foron os de Ares os que o tiveron a favor. Así comezaba o choque cuns dez primeiros minutos de centrocampismo sen ningunha aproximación á área por parte de ningún dos equipos. Pouco a pouco os de Ares fóronse desperezando e comezaron a xerar ocasións. A primeira clara tívoa David pero o disparo do xogador local encontrábase co pau. Pouco despois chegaría o primeiro tanto local cun forte disparo de Joel que superaba o porteiro por arriba. O partido continuou controlado polos locais ata a finalización dos 25 primeiros minutos. Antes do descanso Bassir tivo a oportunidade do empate pero Miguel Iglesias detiña o seu lanzamento. Finalmente co resultado de 1 - 0 chegabamos ao intermedio.

Comezaba a segunda parte con intensidade por parte dos ferrolanos que nos primeiros minutos avisaban cun disparo de Antón que detiña Miguel e posteriormente outro afastado de Bassir que marchaba pegado ao pau. Nos primeiros minutos a intensidade dos visitantes e o forte vento creáronlle moitos problemas aos de Ares que apenas conseguían pisar o campo visitante. Co paso dos minutos o partido transcorrería no centro do campo cun xogo un tanto desordenado no que ningún dos equipos foi que de coller o control. Con algunhas xogadas, máis de calidade individual, que de xogo colectivo, os dous equipos conseguiron chegar ás proximidades das áreas respectivas pero o marcador xa non se movería. Finalmente vitoria pola mínima dos de Ares.

Con este partido finaliza o campionato dunha segunda fase de liga na que os benxamíns aresáns realizaron unha boa campaña. Despois dun comezo algo irregular, co paso das xornadas fóronse asentando no grupo para rematar a competición no segundo posto da clasificación. Noraboa.

O próximo fin de semana, 8 e 9 de maio, os benxamíns do Numancia disputarán o Torneo de Convivencia da Delegación de Ferrol nas instalacións do Galicia de Caranza.

Pulsa no seguinte enlace para ver resultados, clasificación e fichas técnicas da xornada.

 

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.