CAMPIÓNS 82-83
35 ANOS DESPOIS, VEIGUELA INSISTE: “EU METÍN O PRIMEIRO GOL EN PRADOS VELLOS”
Cantas lembranzas! Cantas anécdotas! Reunidos despois de 35 anos daquel dobrete de Liga e Copa, once futbolistas e algúns directivos e afeccionados reviviron esa temporada 82-83 durante o longo xantar celebrado onte, sábado, na cantina de Prados Vellos.
Ares, 3 de xuño de 2018.
Manel Pérez foi o “responsábel” da histórica xuntanza. El tivo a feliz idea e el contactou cos integrantes dese histórico Numancia campión de Segunda Rexional e da Copa da Ría. Certo é que non estaban todos, por diversos motivos, pero os que puideron subir a Prados Vellos desfrutaron da xornada e algúns aínda a prolongaron algo máis. Tamén acudiu ao encontro o sr. alcalde d. Julio Iglesias, xunto a directivos da Xunta Directiva actual. Lembranzas, risas, brincadeiras e bo humor caracterizaron o espléndido xantar preparado por Benildo.
Comezou Manel aclarando que nesa mítica temporada o Numancia xogara toda a primeira volta coma visitante, rematando en primeira posición cunha vantaxe de 1 punto sobre o segundo clasificado. O primeiro partido en Prados Vellos tivera lugar un 7 de xaneiro e toda a segunda volta xa se xogara en Ares, conseguindo o título de Liga co conseguinte ascenso a Primeira Rexional. Colé, adestrador do equipo, manifestou o seu orgullo por pertencer a ese grupo, do que salientou o seu compromiso, ata o punto de recoñecer que nunca tivera outro equipo coma ese. Manolo de Redes lembraba algunhas das negociacións feitas para fichar a un par de mugardeses. E todos seguiamos vendo coma Veiguela fuxía co trofeo mentres repetía: “Eu metín o primeiro gol en Prados Vellos”.
En fin, moitísimas anécdotas e lembranzas nun estupendo ambiente de vellos compañeiros que seguramente non esquecerán tampouco este reencontro. Sempre estarán na historia do Numancia.