BRINDE FIN DE ANO 2016

 

POLA IRMANDADE NUMANTINA

Irmandade foi elixida a palabra do ano 2016 e precisamente queremos aferrarnos ao seu significado para construír o Numancia do 2017: un club irmanado, unido; unha entidade forte, cohesionada, aberta e participativa, transparente, ...

Ares, 31 de decembro de 2016

...onde todos os sectores arrimen o ombro. Esta idea de “irmandade” foi a que percorreu o brinde celebrado onte no local social do Numancia.

Coa asistencia de técnicos, afeccionados, patrocinadores, directivos e autoridades municipais, o acto serviu para realizar un balanzo do ano 2016, salientando o título de Liga conseguido na categoría xuvenil e a clasificación para a final de Copa do 2017, aínda que sempre valorando que o primeiro obxectivo do Numancia será presentar na competición local un equipo por categoría, empresa cada vez máis dificultosa, pois xuntar máis de 15 nenos parece un milagre. 

Outro apartado a valorar foi o cadro de técnicos que colaboran co club, quizás un dos máis completos que tivo nunca. No fútbol 11 temos a fortuna de contar con Marcos Amor e Miguel Carballeira, adestradores que presentan unha titulación nacional e con experiencia, aínda que son novos; mentres que Juan Alberto (licenciado en INEF) dirixe os cadetes coa ilusión do primeiro ano e Antonio González (monitor) loita día a día para que os infantís melloren e progresen. Un elenco, sen dúbida, de categoría. Un orgullo para o Numancia. E completando este labor formativo, a guinda pona David de Navas, perfeccionando a técnica dos porteiros.

E no fútbol-8 podemos presumir da nosa canteira de monitores. Vaia fornada que temos! Marcelo, Martín, Dani Cartelle, Dani Espiñeira, Elías, Borja, Kike, ... todos co seu título de monitor. 

Citáronse tamén outros temas coma a positiva colaboración do concello nas actividades que levamos a cabo, así como tamén se fixo fincapé na baixa aportación económica que recibe o club, moi desproporcionada para os 150 nenos que soben a Prados Vellos durante todo o ano. Resulta obvio que se as familias e os patrocinadores non axudasen no apartado económico, o club non sacaría adiante os orzamentos. 

E, finalmente, agradeceuse a colaboración de socios, afeccionados e directivos que, de maneira totalmente altruísta, regalan as súas horas e o seu traballo para que a familia numantina poida seguir medrando.

Así pois, un brinde por un Numancia forte e irmanado. 

 

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.