FÚTBOL - 11. CADRO DE ADESTRADORES 2016/17

JUAN ALBERTO DIRIXIRÁ AOS CADETES DO NUMANCIA

Coa incorporación de Juan Alberto ao equipo de cadetes, queda completo o cadro técnico dos equipos de F-11 do Numancia para a temporada 2016-17.

Ares, 7 de xullo de 2016.

Coas renovacións de Marcos Amor (modestos), Miguel Carballeira (xuvenís) e Antonio González (infantís), só quedaba por cubrir a praza deixada por Álex González nos cadetes. O propio Álex xa avisara de que non podería continuar na vindeira temporada por mor de asuntos laborais e familiares que obstaculizaban a súa dedicación ao fútbol. Desde esta web, o Numancia quere agradecerlle a Álex a súa colaboración co club nestes últimos tres anos e desexarlle os mellores éxitos tanto persoais coma futbolísticos. 

E por fin, este martes, 5 de xullo, os xogadores cadetes do Numancia puideron coñecer ao que será o seu adestrador para a vindeira temporada. Juan Alberto Rodríguez Sanjosé volve ao Numancia despois dunhas temporadas nas que se tomara uns anos sabáticos e, tras adestrar aos cadetes do Eume. 

Juan Alberto comezara adestrando aos porteiros do Mugardos para continuar dirixindo no propio Galicia de Mugardos aos infantís, cadetes e xuvenís. Coma preparador físico traballara no Val de Terceira División e xa como primeiro técnico dirixira durante tres temporadas ao Eume de modestos, desde onde chegara ao Numancia, tamén de modestos. Como pode comprobarse, os nosos cadetes terán a fortuna de estar preparados por un técnico competente e con experiencia, un home do fútbol que tras a súa licenciatura no INEF de Bastiagueiro (con mestría en fútbol), continúa coa ilusión de formar xogadores e de construír equipos competitivos.

Na charla de presentación Juan Alberto dirixiuse aos rapaces para solicitarlles compromiso, en primeiro lugar, aconsellándoos para que se organizaran adecuadamente de maneira que poidan atender aos seus estudos. Ademais, advertiu que os minutos de xogo haberá que gañalos, que a participación nos partidos será un premio a distintos factores, como poden ser a calidade futbolística, o esforzo físico, o compromiso, a competitividade, … 

Finalmente, insistiu en que a convivencia debe fundamentarse no diálogo, na comunicación entre todos, de xeito que calquera incidente ou circunstancia que os preocupe, debe ser transmitida inmediatamente.

A próxima cita será o día de comezo da pretemporada, pendente de coñecer o calendario da liga local de cadetes.

 

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.