PREVIA: FIN DE SEMANA DO 13 AO 15 DE MAIO DE 2016

DE COPAS POLA COMARCA: NARÓN, O VAL E PONTEDEUME.
Cadetes e xuvenís obrigados a remontar na volta das semifinais de Copa e os modestos a dar a sorpresa nuha eliminatoria a partido único.
 
 
 
Ares, 12 de maio de 2016.
 
A continuación comentamos, categoría a categoría, os partidos que nos agardan para esta fin de semana:
 
MODESTOS: Rematada a Liga, na que tras unha primeira fase con bos resultados entramos con mal pé na segunda fase e, xa perdidas as opcións de loitar polos primeiros postos, deixámonos ir ata o último partido co Perlío, chega o torneo da Copa. E o sorteo emparellounos cun rival de Primeira Autonómica que nos recibirá en Pontedeume coa bitola de gran favorito. Veremos se o Numancia é capaz de recuperar o nivel competitivo que ofreceu en máis dun partido e é quen de dar a sorpresa eliminando a un Eume superior sobre o papel. Esperemos que Marcos Amor poida recuperar a algún dos xogadores lesionados e presentar o mellor once.
 
XUVENÍS: Cumprido o principal obxectivo da temporada e proclamados campións de Liga, o equipo de Carballeira e Antón afronta un segundo reto: remontar o 1 – 2 do partido de volta ante un Narón que seguramente recuperará xogadores para esta eliminatoria. Difícil empresa para os numantinos pero non imposible pois capacidade goleadora están demostrando nos últimos partidos. 
 
CADETES: Se difícil está para os xuvenís, un pouco máis vai estar para os cadetes este partido de volta pois o resultado da ida (1 – 3) esixe unha vitoria por tres goles para lograr a clasificación. Álex González dirixirá un elenco convencido das súas posibilidades e con fe na remontada. 
 
INFANTÍS: O triangular amigable de Prados Vellos reúne a 3 equipos de Bezoucos que medirán as súas forzas coma previa da Copa AFACO. Os rapaces de Mugardos, Maniños e Numancia teñen outra oportunidade para seguir formándose e medrando coma futbolistas, sen a presión dos resultados.
 
ALEVÍNS: Xornada de descanso.
 
BENXAMÍNS: Coa Liga finalizada e tras unha semana de preparación … para a celebración da Primeira Comuñón, os nosos benxamíns acudirán ao Torneo de Convivencia do Val este sábado. Un dos rivais será o Ferrol C, equipo que na última xornada nos venceu por 4 – 1 e que sae coma favorito no grupo G onde está tamén o San Sadurniño. Esperemos conseguir unha das dúas prazas que clasifican para os oitavos de final e chegar ata onde aguanten as forzas, lembrándolles a Borja e Pepe que deben coidar ben dos nenos e entregalos ás súas familias en bo estado. O domingo hai comuñóns!
 
PREBENXAMÍNS: Xornada de descanso. 
 
BIBERÓNS: Xornada de clausura da temporada e de convivencia organizada polo club Xuventude de Cabanas que se celebrará no campo da Veiga, situado na parroquia de San Martiño do Porto, en Cabanas. Se o tempo acompaña será unha tarde de festa, coa entrega de medallas que, sen dúbida algunha, favorecerán o sorriso e a alegría dos aproximadamente 100 nenos e nenas que encherán o campo da Veiga.
 

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.