PRESENTACIÓN DO MEMORIAL DE F-8
TORNEO DE FÚTBOL-8 "VI MEMORIAL PEDRO GARCÍA VILAR"
Hoxe, mércores 3 de setembro, ás 12.00 h., será presentada no concello de Ares a sexta edición do Memorial “Pedro García Vilar” de F-8.
Ares, 3 de setembro de 2014
Ao acto asistirá unha nutrida representación dos prebenxamíns do Numancia, os cativos que coa súa ilusión nos empurran ano tras ano a perpetuar na memoria a figura inesquecible de Pedro, aquel Pedro que tiña coma maior preocupación deportiva o fomento do fútbol nos pequerrechos e que se desvivía por conseguir para eles as mellores condicións na práctica do seu deporte favorito.
Esta nova edición sae finalmente despois dalgunhas dificultades. Vémonos na obriga de aclarar que, en primeiro lugar, tivemos que modificar a data tradicional da súa celebración (segunda semana de setembro) por mor do comezo das competicións oficiais de F-8. Esta circunstancia levounos a “pisar” as datas escollidas por outros clubs da nosa zona, aos que lles pedimos desculpas novamente. Eramos coñecedores de que equipos coma o Cedeira ou o novo Narón Freixo decidirán escoller a primeira semana de setembro para organizar os seus torneos, mais cando soubemos do adianto das competicións xa estabamos a finais de xullo e non atopamos outra solución.
Desde esta páxina queremos manifestar o noso agradecemento pola comprensión destes clubs e, ademais, expresamos o noso sincero recoñecemento á colaboración de Tino e Juan Carlos, directivos do Narón Freixo axudándonos na busca de equipos para o noso torneo.
Aínda así, foron moitos os equipos que non puideron asistir pois a estas alturas non tiñan os equipos confeccionados ou por ter os nenos de vacacións non quixeron comprometerse. Vaia tamén para todos eles o noso agradecemento por atendernos de maneira receptiva e amable.
En definitiva, non quedou outra máis que tirar para adiante, improvisar e procurar adecuar o formato segundo os equipos que, finalmente, si van participar. Un total de 25 equipos (7, en prebenxamíns; 9 en benxamíns e 9 en alevíns) e, aproximadamente uns 350 nenos e nenas que se divertirán esta vindeira fin de semana en Prados Vellos, xogando ao fútbol. E con eles, esperemos que tamén gocen as súas familias.
Podemos afirmar que, a pesar de todas as dificultades, estamos moi satisfeitos coa participación conseguida, xuntando unhas dez entidades deportivas semellantes á nosa, cos mesmos obxectivos e ilusións, cuns medios parecidos e cunha base formada polos rapaces do barrio ou da vila na que se asenta o seu local social.
Para rematar, non podemos obviar que este Memorial non sería factible sen o apoio do Concello de Ares, especialmente do concelleiro de deportes, d. José Juan Vilar, sempre pendente das nosas peticións. Nesta ocasión, así mesmo, temos que agradecer a colaboración das Peñas Futbolísticas de Ares: Peña Barcelonista, Peña do Deportivo e Peña madridista “Betanzeira”. As tres sociedades aportan as respectivas camisetas dos seus equipos, que serán sorteadas durante as tres xornadas, xunto á doutros dous clubs galegos como o Rácing de Ferrol e o Pontevedra, que tamén nos regalaron as súas.
E, por último, agradecer ao Supermercado Día a súa colaboración co Memorial, regalándonos froita e zumes para os rapaces.
Non queda máis que animar a toda a cidadanía de Ares para que suba a Prados Vellos esta fin de semana e mesmo participe na churrascada do mediodía do sábado e do domingo.