HIMNO DO NUMANCIA

VENRES, 27 DE XULLO ÁS 20.00 H: PRESENTACIÓN DO NOVO HIMNO DO NUMANCIA
Desde este vindeiro venres, 27 de xullo, a ADR NUMANCIA contará oficialmente cun himno escrito e musicado por Emilio Mesías Farías, cidadán aresán.

 

Ares, 25 de xullo de 2012
Emilio Mesías nun momento da gravación coa zanfona.As sociedades defínense por aqueles fins e obxectivos que se propoñen e recoñécense por un conxunto de elementos que as individualizan, diferenciándoas doutras entidades semellantes. Neste caso, a ADR NUMANCIA, contaba cun himno atopado entre papeis e documentos antigos mais do que se descoñecía a súa autoría e mesmo tampouco existía información que acreditase cando se adoitara como himno do club. Con estes antecedentes, e desexando que a nosa sociedade fose cubrindo todas as súas carencias, a Xunta Directiva actual suxeriulle ao profesor de música aresán, Emilio Mesías, a idea de elaborar un himno propio que enriquecese e representase ao club. Disto xa van algúns meses, non moitos polo excelente traballo realizado, e hoxe temos o produto final do mesmo. Desde o primeiro momento, o profesor acolleu a idea con moitísimo cariño, implicándose no proxecto con total xenerosidade e altruísmo e prometendo unha composición que puidese posibilitar a súa adaptación para as formacións musicais do noso Ares.
Xa que logo, o local social da ADR Numancia, sito en Prados Vellos, acollerá este venres, ás 20.00 h. a presentación da letra e música deste himno que a partir dese mesmo día será o himno oficial da sociedade. A este acto, de carácter aberto, acudirá o autor da obra, Emilio Mesías Farías, non descartándose tamén a presenza daquelas persoas que colaboraron poñendo as súas voces.
Como complemento, xuntamos uns comentarios acerca do himno: “Trátase dunha composición en forma binaria, con dúas estrofas e retrouso, onde o autor asina unha melodía sinxela con marcado carácter de “marcha”. O protagonismo instrumental recae nas gaitas, zanfonas e percusión bandística, aderezado con liñas de acordeón e cordas sintetizadas.
Unha melodía pensada para o canto e na que o compositor tivo en conta as posibilidades de adaptación cara formacións musicais da Vila, como as bandas de gaitas e a Rondalla.
Na letra, o autor trata de reflectir a historia e a filosofía do Club, mostrando tamén o orgullo que representa para os aresáns a presenza da ADR Numancia de Ares no deporte local.
Para a gravación contouse coa colaboración do Proxecto Vocal Concerto-Tempo, que puxo as voces e con Sergio Sande, que gravou as percusións. O autor aportou ademais; as gaitas, zanfonas, mesanfonatra, acordeón e cordas sintetizadas.”

E para rematar, ofrecemos unha breve semblanza do autor:
Emilio Mesías Farías, (Ares; 1973). Exerce de Profesor de Música no Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. É ademais, Titulado Profesional en Gaita Galega.
Ligado dende moi novo aos movementos asociativos, musicais e culturais da Vila de Ares, participou na fundación da Banda de Gaitas de Ares, na Rondalla Trovadores, foi director e organista do Coro Parroquial, integrante da Coral “Areas do Mar” do Casino Aresán, etc…
No ano 2006 publica “Empezares”(Ed. Dos Acordes), un Caderno  con composicións para Gaita-Piano, cuxas pezas son estudadas nos Conservatorios de Música na especialidade de Gaita Galega. Entre outras composicións hai que destacar “De balde” para Voz e piano, con letra de Rosalía de Castro e “Cementerio de Aldea” (para Coro), con letra de Xoán Vidal e estreada en Ares polo coro Concerto-Tempo, con motivo da presentación en Ares, do Libro: “Xoán Vidal Martínez. Vida e Obra”, editado pola Deputación de Pontevedra e organizado pola A. C. Xábrega.
Exerceu de Profesor na “Tradescola” (Escola de Música Tradicional que a Asociación de Gaiteiros Galegos xestiona en Lugo). Actualmente profundiza no estudo da Zanfona có músico Germán Díaz.
Foi Presidente e membro fundador da Asociación Cultural Xábrega de Ares, onde desenvolveu un importante traballo divulgador da cultura aresá, participando tamén na creación da Escola de Música que actualmente ten a Asociación.

Todos aqueles que desexen ser os primeiros en coñecer a letra e a música do novo himno do Numancia, teñen unha cita en Prados Vellos este venres, 27 de xullo, ás 20.00 h.

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.