AFECCIONADOS. MANIÑOS, 2 - NUMANCIA, 0
OUTRA DESILUSIÓN
Neste partido correspondente á sétima xornada de liga, o Numancia repite erros e cae derrotado ante un Maniños con máis acerto ante a portería.
18 de outubro de 2009
FICHA TÉCNICA
MANIÑOS: Diego; Adrián, Santi, David (Marcos, m. 48), Andrés; Uxío (Dani, m. 67), Javi, Roi; Luis, Charli (Vilaboy, m. 65) e Marquitos (Jomaka, m. 72).
NUMANCIA: Sergio; Bule, Vicente, García, Jauma; Julio (Zeta, m. 59), Teti, Borja, Javi (Jesús, m. 63); Manu (Fernando, m. 81) e Pedrito.
ÁRBITRO: Ricardo Landrove Lago. Amoestou a Adrián, Javi e Charli do Maniños e a Jauma, Vicente, Borja, Zeta e Juan Alberto do Numancia.
GOLES:
1 – 0 m. 26: Disparo de Roi desde o medio campo que sorprende a Sergio e entra pegado ao poste.
2 – 0 m. 81: contraataque do Maniños pola banda esquerda que culmina Jomaka de tiro raso.
COMENTARIO. Unha xornada máis o Numancia perde tres puntos nun partido que semella a repetición do visto hai unha semana contra o Perlío pois o desenvolvemento dos noventa minutos foron un calco: primeira parte disputada con intensidade por ambos equipos con ocasións de gol nas dúas porterías, máis a favor do Numancia pero quen consegue adiantarse é o Maniños cun disparo desde uns corenta metros que sorprendeu ao porteiro aresán. Quizás haxa que preguntarse pola falta de presión do medio campo que permite o tiro con tanta facilidade. Rematan estes primeiros corenta e cinco minutos cunha clara oportunidade fallada por Pedrito diante de Diego.
No comezo da segunda parte, oportunidades claras de Pedrito e Manu que, increiblemente, non finalizan en gol e aos trece m., nun córner regalado pola defensa, Sergio non atalla o balón que si é rexeitado intuitivamente coa man por Jauma. Penalti tan claro coma innecesario. Parecía que, coma contra o Perlío, o Maniños cerraría o partido co segundo gol. Desta vez, Sergio cun gran parada desviando o balón, permitiu ao Numan seguir vivo no partido. Tivo outras oportunidades para empatar mais cando non hai sorte e o balón non quere entrar, e por riba xogas contra un rival ben colocado e con gañas, córrese o risco de recibir un segundo gol que te afunde. Isto foi o que aconteceu nese balón que chegou a un Jomaka máis rápido e desperto que os defensas aresáns.
Catro partidos perdidos fronte a rivais coma o Meirás, San Pablo, Perlío, e Maniños, que van estar arriba ao final de liga. Posiblemente o Numancia puidera obter uns resultados positivos pero parece que queda algo por corrixir: máis presión no medio campo?, roubar balóns aos contrarios?, coordinación entre os centrais? e desde logo, un pouco de sorte nos remates dos dianteiros.
De momento, os afeccionados que se desprazaron ata o Pote, regresaron a Ares coa impresión de que o equipo non dá todo o que pode. Outra desilusión nesta temporada que comezaba con moitas ilusións.