AFECCIONADOS. PREVIA MANIÑOS - NUMANCIA
ÁNGEL MAHÍA: “ESPERO VER UN PARTIDO CON GOLES”
Ángel afronta a súa segunda temporada coma adestrador do Maniños e destaca a ilusión e gañas por realizar unha boa campaña. Comenta que está moi contento coa plantilla e moi cómodo na entidade, se acaso, atopa unha dificultade consistente en ter que deixar fóra da convocatoria semanal a seis xogadores, aínda que espera que asimilen a necesidade das rotacións.
- Cinco partidos, 3 vitorias e 2 empates, imbatidos ata hoxe. Como valoras estes primeiros partidos?
- Despois de ver como transcorreron considero que levamos 4 puntos menos, posto que nos empataron os dous partidos no tempo de desconto. É evidente que somos un equipo moi regular (o único equipo invicto) e que xogamos bastante ben, buscando sempre un fútbol combinativo desde un sistema táctico base dun 4-5-1.
- Mellorou o equipo con respecto á última temporada ?
- Si, gañamos velocidade polas bandas coa presenza de Luis na dereita e Marquitos na esquerda.
- E as baixas? Nótase a falta de Roberto?
- Está claro que Roberto é o mellor porteiro da categoría pero nós temos a portería ben cuberta con Rodri e Diego. As outras baixas, Ibán e Fran foron ben cubertas coas incorporacións realizadas.
- Que xogadores fichou o Maniños?
- Na portería fichamos a Diego (sen equipo); para a defensa, incorporáronse Andrés e David Álvarez (dous centrais procedentes do San Sadurniño) e Suso Vilaboi; para o medio campo viñeron Roi e Marquitos (Ánimas) e Luis (Miño) e para reforzar a dianteira fichamos a Otero (San Pedro)
- O título é un obxectivo realista?
- A meta é ir partido a partido, intentar non quedar descolgados dos primeiros postos como ocorreu o ano pasado, repito que o obxectivo é estar arriba.
Despois destas reflexións sobre o Maniños, preguntámoslle polo rival.
- Chega un Numancia irregular, con moitos goles encaixados. Opinas que a defensa numantina é a súa liña máis frouxa?
- O domingo espero ver un partido de goles. Se nós non encaixamos un gol, gañamos fixo. Quero matizar que cando se valora a defensa do Numancia faise comparándoa co altísimo nivel da súa dianteira ou do medio campo. Para ser xustos, hai que dicir que a defensa é propia dun equipo da categoría na que estamos.
- Temes á parella dianteira, Manu e Pedrito?
- O Numancia ten moitos xogadores con gol, non só os dous dianteiros. Javi Rubio, Oli, Borja acaban as temporadas cunha media de dez goles. O que si sei é que este partido vai ser bo para calibrar o noso sistema defensivo e que podemos contemplar un bonito partido.
- Dános un pronóstico para o domingo.
- Sospeito que será un partido axustado ao que o Maniños chega coa moral alta. Aposto por un 2 -1.
- Cales son os favoritos para o campionato?
- O máximo favorito segue sendo o Meirás. Detrás hai catro equipos: Maniños, Numancia, Perlío e Ortigueira. E tamén hai que contar co equipo revelación de cada temporada que, de momento, parece ser o Valdoviño.
Antes de despedirse, Ángel Mahía congratúlase pola designación de Ricardo Landrove, árbitro de terceira división, para dirixir o choque do domingo e asimesmo laméntase de que o céspede do Pote estea un pouco irregular e seco, circunstancia que entende lles pode prexudicar.
Amablemente facilítanos a lista de xogadores citados para o domingo:
Porteiros: Rodri e Diego.
Defensas: Marcos Sánchez, Adrián, Andrés, David, Santi e Suso.
Medios: Javi, Uxío, Roi, Luis, Marquitos e Jomaka.
Dianteiros: Dani e Charli.
Queremos agradecer a Ángel, quen atendeu dilixentemente a nosa chamada, a súa dispoñibilidade.