Afeccionados: SEMIFINAIS COPA DE FERROL. EUME, 1 – NUMANCIA, 1

S.D.R. Numancia de Ares. Copa de Ferrol. Afeccionados. Semifinales. A Gándara. Pontedeume. Eume 1 - Numancia 1.Decidiu o dobre valor dos goles marcados fóra da casa.


14 de xuño de 2009. Xoán.


FICHA TÉCNICA:


ÁRBITRO: Víctor García, auxiliado por Elena García e Santiago Graña.


ALINEACIÓNS.

EUME: Carlos, Joaquín, Juan Veiga, Juan Coira, Antonio, Alejo, José, Joshua (m. 68, Alfonso), Rojis, Marcos Varela, Manuel (m. 89, John).

Adestrador: Jose Mahía.


NUMANCIA: Sergio, Jauma, Bule, Álex, César (m. 75, Fernando), Teti, Julio (m.89, Pedro), Javi,Oli, Borja, Rubén (m.89, Jose)

Adestrador: Juan Alberto.


AMOESTACIÓNS: Cartóns amarelos para Carlos, Joaquín, Rojis e Alfonso do Eume e vermello para Juan Veiga. No Numancia, amoestación para Bule, Julio, Borja e Rubén. Jauma recibiu dous cartóns amarelos polo que foi expulsado.


COMENTARIO: Coma no partido de ida, un partido moi disputado entre dous equipos dun nivel parello. Comezou o partido apretando un Eume que non permitía saír do seu campo ao Numancia. Córners e faltas continuas contra a portería de Sergio aventuraban un gol local en calquera momento. Mais, pasados os dez primeiro minutos o Numancia conseguiu equilibrar o control do partido e tivo algunhas chegadas á portería eumesa. Tivo o Eume dúas ocasións moi claras para inaugurar o marcador pero os seus disparos sairon fóra e no último suspiro da primeira parte Borja Carballo, coa súa habitual mestría a balón parado, marcou un auténtico golazo (o terceiro nesta eliminatoria), que adiantaba provisionalmente ao Numancia.

Na segunda parte, a tónica do partido seguiu igual ca na primeira. Dous equipos que podían marcar en calquera xogada, sen un control claro por parte de ningún. O empate chegou nun penalti innecesario cometido pola defensa aresá. Lanzou Rojis e rexeitou Sergio coa sorte de que o balón chegou de novo a Rojis que só tivo que empuxar ao fondo das mallas.

A partir de aquí, e con moitos minutos por diante, vimos unha eliminatoria que seguía aberta. Tivo o Numancia as súas oportunidades: Javi Rubio e Teti encontraron nos seus remates a un acertadísimo porteiro local que contribuiu enormemente no paso da eliminatoria. Tamén o Eume puido incrementar a vitoria en claras ocasións. A emoción durou ata o asubío final do colexiado, nunca se entregou o Numancia, nin cando quedou con dez xogadores por expulsión de Jauma. Sufriu o campión de liga para chegar á final e loitou o Numancia para conseguir ese segundo gol que lle daría o pase.

En definitiva, unha semifinal moi igualada na que se clasifica o Eume grazas ao dobre valor dos goles conseguidos en Ares. Dous empates que puideron ser dúas vitorias tanto para o Eume coma para o Numancia.

Só queda felicitar ao Eume por esta clasificación para a final e tamén felicitar a todo o plantel do Numancia por esta brillante participación na Copa, da que queda fóra sen perder un partido.


INCIDENCIAS: O campo da Gándara acolleu a un numeroso público. Afeccionados de Mugardos, de Maniños, da Capela, de toda a comarca asistiron a esta semifinal. Por suposto, os siareiros do Numancia gañaron por goleada e apoiaron de principio a fin desde as gradas, capitaneados unha vez máis, por Ana.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.