AFECCIONADOS: R. DE NEDA, 1 - NUMANCIA, 1.

EMPATE AGRIDOCE.

Os de Ares non aproveitaron as ocasións para matar o partido e quedaron coa sensación de deixarse dous puntos no Juan González.


Neda 3 de febreiro de 2013.

ALIÑACIONS

R. DE NEDA: Agustín, Oscar, Abel, Miguel, Brais (Alex 78´), Martín, Picu, Marcos, Manu (Pitu 33´), Santi (Erik 74´) e Benito (C).
Adestrador: José Manuel Yáñez.
Delegado: José Ramón Freire.

NUMANCIA: Carlos, Martín, Alexmarti, Antón, Costa (Jauma 88´), Teti, Javi, Bule (C), Chapu (Manu 75´), Jaime e Javi Enrique.
Adestrador: Fran Bardanca.
2º entrenador: Marcelino Martínez.
Delegado: José Antonio Couce.

COLEXIADO: Antonio Belizón Flores. Mostrou cartón amarelo a Miguel, Santi, Oscar, Pitu e Picu do Neda e a Javi do Numancia.

GOLES: Abel (min. 15) para o Neda e Javi (min. 38) para o Numancia.

 



Primeiros dez minutos de tenteo con tímidas aproximacións ás áreas respectivas, tomándose moitas precaucións por parte dos dous equipos que non arriscaban. No minuto quince chegaría o tanto local, falta dende o lateral dereito da área que remata Abel e rexeita Carlos, o rexeitamento volve de novo a Abel que á segunda non falla (1 - 0). A partir do gol serían os de Ares os que tomarían a iniciativa pasando a ter o control do partido ante un Neda repregado no seu campo ante o empuxe aresán. Os de Ares eran claramente os que dominaban o partido pero non encontraban a forma de penetrar as liñas nedenses que bastante tiñan con sacar o balón da área a base de pelotazos e incapaces de entrelazar unha soa xogada de contraataque. Javi Enrique primeiro, Javi despois e máis tarde Chapu serían os que disporían das ocasións máis claras para os de Ares que merecían claramente o gol, pero que non encontraban o fondo da rede local. No minuto trinta e oito, e despois dun centro á área sobre Chapu, o porteiro local crava os puños na cabeza do dianteiro aresán. Belizón Flores decreta a pena máxima que se encarga de transformar Javi no gol do empate. Este gol facía xustiza ao visto ata ese momento no terreo de xogo. Co gol do empate os de Ares viñéronse aínda máis arriba e continuaron dominado e creando perigo ata o asubio do tempo regulamentario. Con este resultado de empate a uns chegaríase ao descanso, un resultado un pouco inxusto posto que os de Ares mereceron algo máis nestes primeiros corenta e cinco minutos.

Comezaba a segunda metade cos mesmos prolegómenos que na primeira, tenteo, precaucións e sen asumir riscos. No minuto cincuenta e sete primeiro claro aviso do Numancia cun gran disparo de Jaime que se estrela na cruceta da portaría local. Tres minutos despois dúas novas oportunidades consecutivas, primeiro Chapu ao rematar de cabeza un balón que un defensa saca na liña de gol, o rexeitamento vólveo poñer Javi na área sobre Jaime que intenta colocala fóra do alcance de Agustín, pero unha espectacular estirada do cancerbeiro local evita que o esférico traspase a liña de gol. Cinco minutos máis tarde Javi dispara cruzado e o balón sae pegado á base do pau. Estábano a merecer claramente os de Ares pero a fortuna nos lles sorría.

A medida que foron pasando os minutos o partido volveuse bronco, protestón e con continuas interrupcións do xogo polas reiteracións nas faltas que desluciron un tanto o espectáculo deportivo. Mediada a segunda metade e coas forzas fraqueando o partido equilibrouse. Xa non había nin as forzas, nin a lucidez de ideas iniciais. O Neda optou por buscar os balóns en longo e tratou de aproveitar a altura dos seus dianteiros en xogadas a balón parado, cun Numancia que buscaba as contras rápidas. Dunha destas xogadas chegaría a ocasión máis clara do Neda nesta segunda metade despois dunha falta colgada á área que Erik con todo a favor incomprensiblemente remata fóra. A réplica daríana os de Ares nun contraataque rapidísimo que colle a toda a defensa e o porteiro adiantados, o disparo dende o círculo central a punto está de coarse na portaría. Para pouco máis darían estes segundos corenta e cinco minutos nos que os de Ares dispuxeron de claras ocasións para matar un partido que mereceron gañar.

Aproveitamos a ocasión para dar a benvida a Chapu quen, procedente do Cultural Maniños, decidiu incorporarse á filas do Numancia onde xa defendera as súas cores anos atrás nas súas categorías inferiores. No día de hoxe foi o debut en competición oficial deste dianteiro que a bo seguro achegará tardes de goles. Chapu benvido o Numancia donde esperamos e desexamos que desfrutes connosco.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.