AFECCIONADOS: NUMANCIA, 4 - G. MUGARDOS "B", 3.

GOLES, OCASIÓNS E GOLAZOS NO DERBI

Non decepcionou o derbi e o numeroso público asistente puido deleitarse con grandes goles.

 


Ares, 13 de xaneiro de 2013

ALIÑACIONS

NUMANCIA: Carlos, Martín, Alexmarti, Bule, Antón, Teti, Javi Enrique (Manu 46´), Julio (Dudi 77´), Alex García, Jaime (Juanra 90´) e Javi (Jauma 80´).

GALICIA DE MUGARDOS “B”: Óscar, Nicolás (Álvaro 67´), Cuco (Javi 55´), Mani, Cristián (Iván 46´), Nacho, Daniel (Oli 46´), Joaquín, Esteban, Xabi e Lestón.

COLEXIADO: José Luis Corral Franco. Amoestou a Antón, Bule e Javi polo Numancia, a e Mani polo Mugardos.

GOLES:

Numancia: Javi Enrique, Javi, Julio e Jaime.

Galicia de Mugardos “B”: Esteban (2) e Joaquín.

1 - 0: min. 1, cambio de xogo de Jaime dende banda esquerda que pon o balón no pico dereito da área onde Julio se disputa o balón co gardameta mugardés, na disputa o esférico chega a Javi Enrique que marca a porta baleira.

2 - 0: min. 5, pase en profundidade de Javi Enrique ás costas da defensa co que se fai Javi para bater a Óscar por abaixo.

2 - 1: min. 21, Esteban dende a periferia do círculo central cun disparo bombeado que colle ao porteiro numantino lixeiramente adiantado. Goooolazo de Esteban.

2 - 2: min. 27, falta lateral dende a dereita ao segundo pau por onde aparece Esteban para enviar o fondo da rede.

2 - 3: min. 35, falta colgada á área aresana que Alex García saca fora, o balón chega a Joaquín que o para, prepárao e dende tres cuartos de campo empala para coalo por toda a escuadra. Gooooooooolazo de Joaquín.

3 - 3: min. 58, balón en profundidade de Jaime sobre Javi que encara nun man a man a Óscar, éste aguanta na saída e rexeita o disparo do dianteiro aresán, o rexeitamento chega a Julio que marca.

4 - 3: min. 70, pase a media altura dende o lateral esquerdo á frontal da área que Jaime baixa co peito, sen tocar o balón o chan, sombreiro a un defensor, cambio de perna de esquerda a dereita na caída, para sen tocar o balón o céspede empalmar unha volea e colocalo en toda a escuadra. Goooooooooooooooooolaaaaaazo de Jaime. Para gardar na hemeroteca. Sen lugar a dúbidas o mellor detalle do partido.

 

 



Antes de dar comezo o partido fíxose entrega do trofeo Murillo Viteri ao xogador máis regular do mes de decembro. Neste ocasión o agasallado foi o defensa AlexMarti, a o que desde aquí damoslle os nosos parabéns. Fixo entrega do Trofeo, en representación de Manel Pérez, o seu fillo Alejandro.

COMENTARIO

Última xornada da primeira volta desta liga de segunda autonómica ferrolá cunha boa entrada nas bancadas de Prados Vellos. Partido de rivalidade no que os visitantes, cun equipo moi xove, puxeron gañas e xogaron ao cen por cen, presionando e disputando cada balón coa máxima enerxía, e un Numancia que saía coma favorito, pero que sufriu ata o final para sumar os tres puntos.

Moitos perdemos o primeiro gol e case o segundo, pois nada máis comezar o encontro, o Numancia anotou dous goles rapidísimos e creou outras dúas ocasións moi claras, con Javi o Rubio nunha e con Javi Enrique noutra, só diante do gardarredes mugardés. Vencía comodamente o equipo local aínda que non controlaba o xogo, precipitándose en moitas xogadas, sen alcanzar a pausa conveniente dada a vantaxe no marcador. E sorprendentemente, o Mugardos remontou con tres goles chegando ao final da primeira parte con vitoria. Certamente, hai que sinalar que dous goles foron de bandeira: un lanzamento de Esteban desde case o medio do campo que sorprende por alto a Carlos; e un disparo de Joaquín que se coou pola escadra da portería local.

Na segunda parte saiu o Numancia con intensidade, sabedor de que estes tres puntos eran moi importantes e puxo cerco á portería mugardesa, creando ocasións e ocasións. Mais, esta tarde Javi o Rubio estaba “gafado” (quizás pasara unha mala noite) e por máis que o intentaba, o balón non entraba. Alguén lembrou que puido marcar ata oito goles e non lle faltou razón porque as ocasións foron moi claras. Finalmente, e tras un rexeite do porteiro a tiro de Javi o Rubio, Julio acertou coa portería para conseguir un empate máis que merecido. Seguiron as ocasións erradas e aínda quedaba por ver a mellor acción do encontro, a guinda a este derbi intenso: Jaime realizou unha preciosa xogada individual que rematou cunha espectacular volea conseguindo o gol do triunfo. O Galicia seguiu buscando o empate a base de colgar balóns á área local e xa sabemos que en fútbol sempre hai posibilidades ata que o árbitro non pite o final, de aí, o noso recoñecemento á fe dos visitantes, que loitaron ata o derradeiro asubío.

Con esta vitoria, o equipo de Bardanca e Marcelino finaliza unha primeira volta do campionato cunha nota de NOTABLE, sumando nove vitorias, dous empates e catro derrotas; anotando 38 goles e encaixando 25; para sumar 29 puntos que lle dan a quinta posición (a só tres puntos do primeiro) e que o consolidan entre os oito equipos que van seguir loitando por alcanzar as dúas primeiras posicións.

Ademais dos números debemos valorar moi satisfactoriamente outras facetas que se están desenvolvendo durante esta temporada, como p.ex. a regular asistencia aos adestramentos semanais e a superación dos habituais contratempos que asolan a todos os equipos: lesións de longa duración (desde aquí desexámoslle unha boa e rápida recuperación a Jesús e a Ortega), lesións puntuais, sancións e abandonos que sempre reducen o potencial do grupo. A día de hoxe pensamos que o traballo planificado desde o mes de xullo está dando os seus froitos, e aínda que sempre hai que esixir melloras, podemos seguir ilusionados con este Numancia.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.