AFECCIONADOS. NUMANCIA, 6 - ORTIGUEIRA, 1.

CrónicaUN 6 -1 QUE BEN PUIDO SER TODO O CONTRARIO.

Partido intenso e emocionante, apenas houbo tempo para pestanexar, partido de grandes ocasións desaproveitadas, de goles anulados e de moitos goles marcados, ou quizais máis ben poucos, se temos en conta todos os que se fallaron.


Prados Vellos 21 de outubro de 2012.

ALIÑACIONS

NUMANCIA: Carlos (Putxi 84´), Martín, Antón, Costa, Álvaro (Alexmarti 54´), Dudi, Juanra (Juanlu 46´), Jaime, Manu (Fernando 70´), Javi e Teti.

ORTIGUEIRA: Julián, Borja (Jorge 70´), Camilo (David 77´), Pablo Ares, Javi, Josiño, Aitor (Víctor 58´), Nini (Borja 46´), Adrián, Borjita e Pita.

COLEXIADO: Diego Mato Sanmartín. Amoestou a Martín e Fernando polo Numancia e a Josiño, Adrián e Rubén (adestrador) polo Ortigueira.

GOLES:
1 – 0: Costa (min. 31)
2 – 0: Martín (min. 42)
3 – 0: Jaime (min. 70)
4 – 0: Javi (min. 80)
5 – 0: Javi (min 83)
6 – 0: Dudi (min. 86)
6 – 1: Adrián (min. 89)

 

 



Primeiros dez minutos escalofriantes dun Ortigueira que saíu en tromba ante un Numancia que se viu totalmente desbordado e perdido ante a avalancha ortegana. Ata cinco ocasións claras de gol tiveron os de Ortegal nestes dez primeiros minutos de partido, e que afortunadamente para os de Ares non bicaron a rede. Ben puideron cambiar estes dez minutos o desenvolvemento, e porque non, tamén o resultado final do choque, pero hai que dicir que o Numancia nesta ocasión tivo a sorte de cara. Pasado este agobio inicial a sorte cambiou de bando, pois en tres xogadas consecutivas foron os aresanos os que perdoaron a vida ao Ortigueira. Este pequeno resumo foi a tónica xeral do partido, moitas, moitas ocasións marradas por parte de ambos os dous equipos. No minuto 22 os de Ares encontran portaría, pero o colexiado Diego Mato anula o gol por interpretar fóra de xogo. Non sería fóra de xogo a xogada do minuto 31, saque de esquina a favor dos de Ares, o balón sae despexado pola defensa cara ao bordo da área pequena da banda contraria onde Costa de forte disparo envíao ao fondo da rede, 1 - 0. E a falta de tres minutos para o descaso, falta lixeiramente escorada a banda esquerda que Jaime colga ao corazón do área, o porteiro falla na saída e o balón cae nos pés de Martín quen de disparo cruzado marca o segundo para os de Ares. Antes de marchar aos vestiarios aínda veríamos un gol máis, nesta ocasión para o Ortigueira, pero de novo o colexiado interpreta fóra de xogo. Con este resultado parcial de 2 - 0 marcharíamos ao descanso.

A segunda metade volveu comezar de novo con bo ritmo por parte do Ortigueira, pero nesta ocasión os de Ares non deron tantas facilidades como nos primeiros minutos da primeira metade. O partido en canto a xogo estivo igualado e volvemos ver de novo moita falta de acerto de cara a porta, en especial dos orteganos. No minuto 70 chegaría a xogada clave do encontro, balón despexado en globo dende campo local que a defensa ortegana non acerta a controlar, Jaime faise co esférico, encara a área e de disparo dende a frontal, axustado a base do pau dereito do gardameta marca o terceiro para os de Ares. Este gol marcou un antes e un despois no partido, pois caeu como un xarro de auga fría para o rival. O Ortigueira non daba crédito ao vivido e visto no terreo de xogo. As grandes oportunidades malogradas sentenciaban aos de Ortegal a ir con clara desvantaxe no marcador, ante un bo Numancia que si estaba máis acertado e coa moral crecida. E no minuto 80, e en pouco máis de catro minutos, pase en profundidade sobre Javi quen gaña o lateral esquerdo da área e de disparo cruzado marca o 4 - 0. Na seguinte xogada penalti a favor do Ortigueira que detén o gardameta aresano. E no contraataque posterior ao lanzamento do penalti, Javi rouba un balón no pico dereito da área, intérnase, caneo ao centro, busca tiro e de disparo raso pon o 5 - 0 no marcador. Desolación total para a perplexa inchada azulona ante tanto desatino, o que contrastaba co algarabío da bancada rojilla. Pero aínda houbo tempo para máis, minuto 86, e co partido totalmente roto, rapidísimo contraataque que monta Jaime por banda esquerda quen se leva a dous defensas, centro ao segundo pau e Dudi libre de marca remata a pracer o que supoñía o 6 - 0. E xa sobre o asubío final e despois dunha perda de balón dos de Ares, Adrián marcaría o gol da honra ortegana.

Finamente o Ortigueira marchou de Prados Vellos con media ducia de goles, un excesivo castigo para o bo papel realizado. Pero como temos dito en máis dunha ocasión "O QUE PERDOA ACÁBAO PAGANDO" e nesta ocasión, cumpriuse unha vez máis, e con maiúsculas.

En resumo, gran, emocionante e entretido partido o que nos ofreceron ambos os dous equipos. Partido caracterizado sobre todo polo que se perdoou e o que se fallou por un e outro bando. Ver para crer. Partido no que puidemos ver outro Numancia, ese Numancia que todos queremos, peleón, fajador e loitador ata o último minuto.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.