AFECCIONADOS. NUMANCIA, 2 - MEIRÁS, 3

PARTIDAZO DE COPA
Intenso e emocionante ata o pitido final, un típico partido copeiro entre dous bos equipos.


Ares, 21 de maio de 2012
Partido correspondente á eliminatoria de dezaseisavos de final da Copa de Ferrol disputado en Prados Vellos. Nos prolegómenos do encontro o equipo benxamín do Numancia, campión de liga, saltou ao campo entre o corredor formado polos dous equipos de afeccionados e recibiu os merecedísimos aplausos do público presente. Seguidamente, o xogador local Teti recolleu o regalo da adega Murillo Viteri coma mellor xogador do mes.

ALIÑACIÓNS:
NUMANCIA: Carlos; Jauma, Bule, Martín, Teti, García, Javi Enrique, Manu, Brayan, Jesús e Carlitos (Iván, m. 53).

Adestrador: Marcelino Martínez
Delegado: José Ramón Hermida.

MEIRÁS: Óscar; Chipi, Jorgito (Pachi, m. 60), Pablo, Víctor, Reboredo (David, m. 76), Vituco (Diego, m. 87), Blanco (Chapi, m. 86), Capi (Turu, m.67) , Pitu, e Jose.

Adestrador: Andrés Otero (Nesi)
Delegado: Samuel Martínez

ÁRBITRO: Fernando Caruncho. No m. 75 expulsou a Pitu por dobre cartón amarelo. Foron amoestados Jauma e Javi Enrique do Numancia e Vituco do Meirás.

GOLES:
1 – 0 (6 m): Jesús.
1 – 1 (15 m.): Capi.
2 – 1 (18 m.): Jesús.
2 – 2 (69 m.): Jose
2 – 3 (74 m.): Pachi, de penalti.


MINUTO A MINUTO:
PRIMEIRA PARTE:
5: Tiro de Manu que para Óscar.
6: GOOOOOOOOOOOOOOOOOL DE JESÚS! Balón de Brayan dentro da área que pasa a Jesús e perfecta definición diante do porteiro visitante do atacante numantino.
10: Falta perigosa na esquina da área local que corta a barreira.
12: Internada por banda dereita do Meirás que saca García a córner.
14: Pase ás costas da defensa que chega a Capi, quen tira unha preciosa vaselina que sae por encima do traveseiro.
15: GOOOOOOOOOOOOOL DO MEIRÁS! Outro pase ás costas da defensa que remata Capi golpeando con efecto o balón e conseguindo un golazo.
18: GOOOOOOOOOOOOOOOOL DE JESÚS! Falta lanzada por Javi Enrique desde a banda dereita e excelente remate de cabeza de Jesús.
23: Outra falta ao borde da área local que rexeita a defensa.
25: Parada de Carlos a tiro de Vituco.
26: Tiro de Manu e paradón de Óscar.
39: Falta lanzada por Vituco e parada de Carlos.

SEGUNDA PARTE:
4: Internada de Brayan por banda que finaliza en córner.
10: Xogada de Pitu polo centro e disparo a portería que marcha por riba do traveseiro.
12: Tiro de Jose que rebota na defensa; o rexeite vai para Vituco que remata de cabeza fóra, pegado ao poste.
14: Outro disparo do Meirás que chapa Carlos.
16: Xogadón entre Brayan e Javi Enrique dentro da área do Meirás con tiro final de Brayan (só diante de Óscar) que sae lambendo o poste.
21: Falta directa ao borde da área local con lanzamento de Pachi que rexeita Carlos a córner.
24: GOOOOOOOOOOOOOOL DO MEIRÁS! Outra falta máis cerca da área local. Centra Pachi e remata Jose de cabeza.
28: Fóra de xogo moi dubidoso nun balón en profundidade para Jesús (quedaba só diante de Óscar)
29: GOOOOOOOOOOOOOL DO MEIRÁS!. Penalti cometido por Iván na disputa dun balón dentro da área. Tira Pachi e consegue o 2 – 3.
35: Centro de Javi Enrique que remata de cabeza, desviado, Brayan.
40: Falta que saca Javi Enrique e remata de cabeza García, rexeitando Óscar.
45: Manu, dentro da área, diante do porteiro, non consegue superar a Óscar lanzando o balón contra o seu corpo.
47: Puido conseguir o cuarto gol o Meirás nun centro de Diego que Pachi, no segundo pau, remata fóra.
49: Pase a Manu que dispara sen parar, alto e desviado.

COMENTARIO: Comezou o partido cun ritmo altísimo, de vertixe. Sucedíanse as xogadas nos dous campos, disputando o balón ao límite. Fútbol rápido, vigoroso, e tres goles nos primeiros vinte minutos, posiblemente do mellor da temporada. Calidade nos remates, enerxía nos enfrontamentos, gañas e ansias de vitoria, de ir polo partido tanto desde o Numancia coma desde o Meirás. Todos eran conscientes de quen non había unha segunda oportunidade, de que o partido era a vida ou morte, e así o transmitían en cada acción. E como a igualdade era máxima, tamén houbo xogadas para a polémica: posible penalti de Óscar a Brayan na primeira parte, fóras de xogo moi discutibles sinalados a Brayan e a Jesús, segunda amoestación non sinalada para Javi Enrique, penalti sobre Teti non sinalado, … moitas xogadas, e grandes actuacións dos dous porteiros, o que significa que o partido foi moi disputado, que o resultado estivo no aire e o máis importante, que o Numancia e o Meirás ofreceron un partidazo aos seus siareiros. Desde a óptica local, temos que estar máis que orgullosos da resposta dos nosos xogadores ante o equipo campión de liga, pois sempre estiveron á súa altura, mesmo superándoos en varias fases do partido. Porén, nestes grandes partidos tamén é necesaria unha certa dose de sorte, de fortuna na definición ou na apreciación dalgunhas xogadas. Clasificouse o Meirás coma puido clasificarse o Numancia. Só un podía seguir adiante. Desde aquí os nosos parabéns ao Meirás e   sorte nos seus próximos enfrontamentos.
Con esta excelente imaxe, caendo ante o campión nun intercambio de golpes, o Numancia de afeccionados pon punto final a unha temporada 2011-12 na que o equipo foi dando resposta a un cúmulo de adversidades, desde o abandono inxustificado por parte dalgúns xogadores, as ausencias por motivos laborais ou o regreso ao país nativo, ata as baixas por lesións e accidentes. Múltiples factores aos que se lles soubo e puido dar solución recorrendo á canteira, aos xuvenís e cadetes que contribuíron ao longo da temporada coas súas aportacións a que o Numancia presentase unha formación digna e competitiva en cada xornada.
Compromiso e cariño ao club foi o que amosaron todos aqueles que empezaron e finalizaron a temporada, desde xogadores, adestradores, directivos ou siareiros. E máis non podemos pedir, pero menos … tampouco.

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.