AFECCIONADOS. CEDEIRA, 2 - NUMANCIA, 0.

Numancia de Ares ADR. Afeccionados 2011-2012. Cedeira 2 - Numancia 0. O Beco 25/03/12.GRAN PARTIDO DOS DE ARES MALIA A DERROTA.

Inmerecida derrota no Beco fronte ao Cedeira, onde cando menos os de Ares merecían o empate, pero cando non aproveitas as ocasións que tes.....


O Beco 25 de marzo de 2012.

ALIÑACIONS:

CEDEIRA: Truman, Richi, Alex, Suso, Thiago, Álvaro, Chaly (Antonio 80´), Guti (Jorge 46´), Bernard, Deco (Adrián 46´) e Pimo (Cristobal 46´).

NUMANCIA: Carlos Arnoso, Martín (Álvaro 86´), Cesar, Bule, Costa (Jorge 77´), Teti, Manu, Alex García, Carlos Barcia (Dani Cagide 73´), Jesús e Javi Enrique.

COLEXIADO: Fernando Formoso Sánchez. Amoestou a Suso e Adrián polo Cedeira e polo Numancia a Javi Enrique. Expulsou a Fran (adestrador) do Numancia.

GOLES: Charly (min. 60) e Bernard (min. 92) para o Cedeira.

 

 

Partido de tú a tú entre dous equipos que se xogaban moito a estas alturas de campionato e que non defraudou ao numeroso público que se deu cita en O Beco. A primeira metade non foi moi vistosa aínda que sí intensa. As chegadas ás portas foron máis ben escasas desenvolvéndose todo o xogo no medio campo. O equipo local apostou polos balóns en longo, mentres que os de Ares optaron por fútbol de control intentado xogar máis o balón dende atrás. O abuso dos balóns en longo do Cedeira propíciolle moitas perdas por banda, que unido á eficacia defensiva dos de Ares freou ao conxunto local en ataque, pasando as suas ocasións por xogadas a balón parado. Os de Ares tamén chegaron en poucas ocasións á porta defendida por Truman, ainda que o fixeron con máis claridade, pero non estiveron atinados entre os tres paus.
Unha das xogadas claves do partido producíase no minuto trinta e cinco, cando Carlos Barcia internabase na área para encarar o porteiro, e Suso arrolla o dianteiro aresán. Queda a dúbida se foi ou non foi penalti. O caso e, que o colexiado sinala libre directo na frontal da área e só mostra a cartolina amarela ao central cedeires, sendo éste o ultimo defensor....
Ao final dos primeiros corenta e cinco minutos chegaríase con empate a cero.

A segunda metade foi moito máis vibrante, habería moitas ocasións de gol para os dous equipos, pero a diferenza estivo en que o Cedeira materializou dúas delas e os de Ares non estiveron atinados. Aos cinco minutos de iniciada a segunda metade o Numancia disporía dunha das ocasións máis claras do partido, un disparo lateral de Manu que toca Truman, pero non detén, sácao Adrián baixo os paus. Os dous equipos estábano a dar todo, tanto defensiva coma ofensivamente, non había tregua, sabedores do que se xogaba cada un deles. No minuto sesenta chegaría a mazada para os de Ares, despois dun centro lateral, Charly supera á defensa aresá e remata de cabeza ao fondo da rede 1 - 0. O gol sentou como un xarro de auga fría ao conxunto de Ares e os seguintes dez minutos foron de desconcerto visitante, véndose éstes superados polo ímpeto e a moral do Cedeira por matar o partido. O Numancia repúxose do baixón moral e no sesenta e nove Javi Enrique dá un novo aviso aos locais enviando un balón á cruceta. No oitenta tamén o Cedeira enviaría outro ao longueiro.
Chegaríamos aos dez últimos minutos de partido, que serían un correrúas, duns por empatar, e dos outros por matar o encontro. Serían dez minutos vibrantes e de incerteza con grandes ocasións en ambas as dúas metas. Finalmente Bernad, mataría o encontro na prolongación, ao chegarlle un rexeitamento despois de tres grandes intervencións consecutivas do meta aresán.

En resumo gran partido o vivido en O Beco con dous equipos entregados en corpo e alma para levarse a vitoria. A clave quizais estivo na maior veteranía do Cedeira que lle garantiu algo máis de pegada, sobre todo a raíz do primeiro gol.

Aproveitamos a ocasión para mandarlle un saúdo a Rubén e a Javi, cos que Fran e Marcelino non puideron contar para este partido, desexándolles que se recuperen, un da súa lesión e o outro da súa indisposición. Esperamos volver velos pronto por Prados Vellos.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.