XUVENIS. CARIÑO, 1 - NUMANCIA, 6.
VIAXE CON PREMIO.
Vitoria ben traballada e sensación de equipo serio e competitivo.
Ares, 12 de outubro de 2015
Partido correspondente á quinta xornada da primeira fase da Primeira Autonómica xuvenil, grupo B, disputado en Cariño. Ao descanso, o marcador indicaba un resultado de 1 – 3. A salientar o estreo coa camiseta do Numancia do xogador Cristian Antón, procedente do R. de Ferrol.
FICHA TÉCNICA:
CARIÑO: Carlos (Brais), Noel, Dos Santos, Julián (Julen), Adrián, Manuel, Díaz (Jesús), Barcón, Sueiras, Martínez e Miguel (Anxo).
Adestrador: Gonzalo López.
Delegado: Brais López.
NUMANCIA: Quique (Dani), Emi, Cartelle, Óscar (Gil), Ferro (Raúl), Martín (Miguel), Fran (Cristian), Elías, Carlos, Antón e Marcelo.
Adestrador: Miguel Carballeira.
Delegado: José M. Antón.
ÁRBITRO: Raquel Ortega. Foron amoestados Adrián Núñez (Cariño) e Martín e Gil (Numancia).
GOLES:
1 – 0 (m.4): Adrián Díaz.
1 – 1 (m. 21): Antón.
1 – 2 (m. 26): Martín (penalti).
1 – 3 (m. 37): Marcelo.
1 – 4 (m. 58): Martín.
1 – 5 (m. 71): Antón.
1 – 6 (m. 79): Raúl.
COMENTARIO: Pódese dicir que saímos do vestiario cun gol en contra, pois aos catro minutos, e sen chegar a crear ocasión de gol, o equipo local aproveitou unha indecisión na defensa para adiantarse no marcador. Este gol serviu para que os xogadores do Cariño colleran máis folgos e defenderan con máis ardor, resistindo os constantes ataques do Numancia e intentando saír con algún contraataque, case sempre ben freado polos centrais aresáns.
Houbo que agardar case vinte minutos para ver como se igualaba o partido no marcador, aproveitando Antón un rexeite do porteiro a disparo de Fran. E unha vez que entrou o primeiro gol, era cuestión de paciencia e esperar que as continuas ocasións de gol que se creaban foran materializándose en novos goles. Exemplo desa paciencia e de mover o balón efectuando fáciles transicións, témolo no terceiro gol, cando Marcelo, situado na banda esquerda e con defensas pechando a súa internada, recúa co balón para atrás e entrégao ao medio centro, quen continúa desprazándoo á banda dereita, onde Carlos entra ata a liña de fondo e centra raso para que, de novo Marcelo, remate ao fondo das redes.
Este terceiro gol antes do descanso pechou o partido, non porque os xogadores locais se rendesen senón porque o Numancia xa tivo a seguridade de que o partido non se lles ía torcer.
E na segunda parte, continuamos cun dominio absoluto, controlando totalmente o partido. Houbo ocasión para que entrasen todos os convocados e o nivel non baixou, seguindo xogando cun ritmo e intensidade alta. Entraron tres goles máis e houbo máis ocasións que entre o porteiro local e a madeira evitaron un resultado máis avultado.
O próximo sábado, ás cinco da tarde en Prados Vellos, preséntase o primeiro exame serio e case definitivo para seguir optando aos primeiros postos da clasificación. Chega un Portuarios invicto e líder da competición. Será o momento de demostrar ata onde pode chegar este equipo.
Pulsa no seguinte enlace para ver os resultados, clasificación e fichas técnicas da xornada.