Inicio Noticias Xuvenís Xuvenís: EF Ensanche, 3 - Numancia, 2
 
 

Xuvenís: EF Ensanche, 3 - Numancia, 2

ADR Numancia de Ares. Juveniles 2014-2015. Primera Autonómica Grupo 4º. E.F. Ensanche, 3 - Numancia, 2. A Gándara Ferrol

Un paso Atrás.

Perdéronse tres puntos ante un rival moi competitivo que nunca perdeu a fe na remontada.

 
Ares, 28 de febreiro de 2015

Partido correspondente á décimo terceira xornada da Primeira Autonómica xuvenil, grupo cuarto, Ferrol, disputado no campo da Gándara de Ferrol, cunha iluminación bastante insuficiente para disputar un partido oficial. Ao descanso, gañaba o Numancia 1 – 2.

Aliñacións:

EF Ensanche: Carlos; Iván (Koke m. 46), Julián, Borja (Luís, m. 61), Pablo (Dani, m. 68), Diego, Borja, Manuel, Alejandro, Daniel e Francisco.
Adestrador: Jose A. Rivera.
Delegado: Rubén Rodríguez.

ADR Numancia de Ares: Roberto; José Manuel, Óscar (Pablo, m. 71), Alberto, Darío (David, m.87); Martín, Iván (cap.); Marcelo, Miguelito (Fran, m. 63), Ángel e Carlos (Raúl, m.82).
Adestrador: Álex González.
Delegado: José Ramón Hermida.

Árbitro: Alejandro Méndez.  Amoestou aos seguintes xogadores do Ensanche: Manuel, Daniel e Dani, este último en dúas ocasións, polo que resultou expulsado no m. 89. Tamén foi amoestado o seu delegado, Rubén. No Numancia recibiu amoestación Alberto, mentres que José Manuel, no m. 76, foi expulsado por dirixirse ao árbitro en termos ofensivos. Un minuto máis tarde (77), o adestrador visitante, Álex, resultou expulsado polas súas protestas airadas ante a expulsión de José Manuel.  Xa co partido finalizado, Pablo agrediu a un xogador contrario, acción que recolle a acta arbitral. 
 
Goles:
0 – 1:  Ángel (min. 1).
1 – 1 : Diego (m. 31).
1 – 2 : Carlos Fraga, en propia meta (m.44).
2 – 2 : Manuel (m. 60).
3 – 2:  Dani (m. 85).

Comentario:
Comezaba de marabilla o partido cun pase maxistral de Iván para Ángel que collía á defensa local aínda sen asentar. Unha boa definición de Ángel nada máis principiar o choque servía para dar confianza a un Numancia que chegaba como líder a este campo da Gándara, ao que, por certo, non lle viría mal un reforzo na iluminación. E controlaban o partido os aresáns, sen demasiado brillo pero tamén sen sufrir ningunha chegada en ataque dun Ensanche que pelexaba cada balón coma se fose o último, poñendo unha altísima intensidade en cada acción. Puido conseguir un segundo gol o Numancia nun lanzamento de falta directa case perfecto de Martín que foi dar ao traveseiro da portería ferrolá. E cando menos se esperaba, un balón sen ningún perigo botado á área de Roberto, converteuse no gol do empate despois dunha mala recepción do porteiro aresá. Xogada desafortunada que tivo a súa compensación no final da primeira parte, cando un remate de Miguelito dentro da área é rexeitado polo porteiro mais o rebote dá nun compañeiro e entra ao fondo das redes. Vitoria ao descanso máis que merecida.
 
Na segunda parte o Ensanche saíu cunha actitude moi boa en canto a presión e insistencia en alcanzar o empate, aínda que fose a base de córners. Puidemos ver como o Numancia apenas traspasou o medio campo nos primeiros vinte minutos, véndose incapaz de controlar un partido no que ía por diante no marcador. Así foi como un lanzamento de córner acabou na área pequena con varios tiros e rexeites que finalmente, e segundo a opinión do árbitro, acabou traspasando a liña de gol, aínda que os xogadores numantinos sacaron o balón. Realmente foi unha decisión arbitral moi difícil e atrevida, porque para estar seguro de que o balón entrase totalmente había que gozar dunha situación que lle permitise a mellor perspectiva, e, evidentemente, esa non era a súa. Non obstante, hai que recoñecer que o empate premiaba a entrega dos xogadores locais fronte a un Numancia pouco arroupado en tarefas defensivas polos medios. Os cambios efectuados polos visitantes serviron para recuperar o control perdido e mesmo volvemos a ter chegadas á portería local, unha delas moi clara, na que o remate de Ángel, desde dentro da área, foi desviado polo porteiro, indo outra vez a dar co traveseiro. Puido ser un 2 – 3 pero a sorte non acompañou. E peor foi despois, cunhas protestas inxustificadas do xogador José Manuel que o colexiado entendeu coma ofensivas, quedando o equipo cun xogador menos. No mesmo minuto, autoexpulsión do adestrador aresán.
 
Os últimos quince minutos foron a cara e cruz, con chegadas dos dous equipos ata que outro balón acabou (supostamente) dentro da portería visitante. Boa acción en ataque do Ensanche que chega aos pés de Dani, quen superando por alto a Roberto na súa saída, consegue o gol. O balón tampouco está moi claro que entrara totalmente.
 
Mais o peor xa non foi a derrota, que aínda restan moitos partidos. O máis triste foi a inexplicable reacción de Pablo agredindo a un xogador rival. Queremos entender que foi un reacción impulsiva, froito do enfado pola derrota, pero non ten xustificación posible. Lamentamos esta fatal acción, e pedimos desculpas a Manuel e ao Ensanche. Todos, a directiva, adestrador e os xogadores do Numancia, con Pablo en primeiro lugar, pedimos perdón por este feito que esperemos non volver a presenciar.
 
 

 

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.