Xuvenís: Maniños, 2 - Numancia, 3

ADR Numancia de Ares. Juveniles 2014-2015. Copa Local, Grupo A. Maniños, 2 - Numancia, 3. O Pote - Maniños - Fene

Demasiado sufrimento

Vitoria do equipo xuvenil da A.D.R. Numancia de Ares por 3 a 2 fronte a S.D. Cultural de Maniños na súa visita ó campo de O Pote no serán do sábado. O encontro correspondente a sexta xornada da Copa Local no seu grupo A chegou ó descanso con vantaxe visitante de un gol (0-1).

O Pote, Maniños (Fene) a 11 de outubro de 2014.

Aliñacións

S.D. Cultural de Maniños: Checho (C), Dopico (Sergio), Piñi, Fil, Rafa, Javi, Beci, Adrián, Busta, Galdo e Ivi.

Adestrador: Ibán Mourente Fernández

Delegado: Ignacio Marcos Doval.

A.D.R. Numancia de Ares: Roberto (Agustín), Emi (Darío), Rolo (David), Pablo Cartelle, Nico, Martín, Iván (C), Miguelín (Miguel), Ángel (Fran), Carlos e Marcelo.

Adestrador: Alejandro Gónzalez Domínguez

Delegado: José  Antonio Couce Iglesias

Árbitro: D. Francisco López Gómez, amosou cartón amarelo a Beci do Maniños.

Goles: Fil e Sergio para o Maniños, Marcelo (2) e Iván para o Numancia.

 

 

0 - 1 [14’] Marcelo. Cambio de xogo de dereita a esquerda do ataque numantino. Control de Iván preto da lateral da área, centro cara o segundo pau para que remate de cabeza entrando dende atrás Marcelo.

1 - 1 [54’] Fil. Saque de esquina dende a dereita do ataque local. O balón chega o segundo pau para que despois de erros en remate e despexe o balón chegue a pes de Fil que anota o tanto do empate.

1 - 2 [77’] Marcelo. Xogada elaborada con saia de balón dende campo propio en contraataque de Fran. Apertura a banda esquerda cara a Iván. Pase ó centro a Carlos quen ante a saída da defensa e porteiro local asiste sobre a entrada de Marcelo pola dereita deixándoo solo para que anote o segundo tanto visitante.

2 - 2  [80’] Sergio. Balón ás costas da defensa visitante, falta de entendemento entre porteiro e defensa aproveitado por Sergio para bater dende fora da área a porta baleira.

2 – 3 [82’] Iván. Saque de banda preto da esquina que Darío pon sobre a entrada de Marcelo pola banda dereita. Entrada na área de éste en paralelo á liña de fondo e asistencia cara a Iván que entrando dende atrás conecta forte disparo que despois de petar no longueiro acaba no fondo da meta local.

Partido nun terreo de herba natural con irregularidades e algo brando. O Numancia tomou a iniciativa e buscou dende os primeiros minutos a meta local. Pronto se crearon ocasións claras e axiña chegou o gol. Os locais buscaban balóns en longo  que a defensa aresana conseguía neutralizar. Despois de ter claras ocasión a pes de Ángel, Iván, Carlos e Marcelo solo se puido chegar con vantaxe de un tanto ó descanso.

Na segunda metade a primeira chegada a balón parado dos locais rematou en gol á saída dun saque de esquina. Ós visitantes viñéronse algo abaixo despois do empate e costou voltar a xerar perigo a pesar de dispoñer de faltas preto da área e múltiples saques de esquina. Ata que en cinco minutos de tolos chegaron tres goles, primeiro adiantouse o Numancia nunha boa xogada de contraataque, empatou axiña o Maniños nun erro defensivo visitante e novamente adiantouse o equipo aresán esta vez de forma definitiva.  Con todo aínda houbo tempo para que tivera que intervir Agustín i evitar un novo empate.

Vitoria moi sufrida, onde a falta de acerto cara a porta puido acabar pasando factura ós aresáns. Pasouse  dun primeiro tempo tranquilo con moitas chegadas,  pero sen acerto cara a porta, a un segundo tempo con moitos nervios e imprecisións.

Toca mellorar para evitar erros e afinar a puntería, pois a vindeira semana chega a Prados Vellos o Eume Deportivo que aínda non coñece a derrota nesta competición i é segundo clasificado con 13 puntos en 5 encontros. O Numancia é agora quinto con 10 puntos empatado na táboa con S.D.C. Galicia de Mugardos (4º) e A.D. Miño (6º).

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.