Inicio Noticias Xuvenís XUVENIS. 1/4º COPA DELEGACIÓN DE FERROL. NUMANCIA, 3 - SAN SADURNIÑO, 1.
 
 

XUVENIS. 1/4º COPA DELEGACIÓN DE FERROL. NUMANCIA, 3 - SAN SADURNIÑO, 1.

A SEMIFINAIS CON PASO FIRME

Partido correspondente aos cuartos de final da Copa Delegación de Ferrol da categoría xuvenil disputado na tarde do pasado sábado en Prados Vellos ante o CD San Sadurniño. Ao final do partido vitoria do Numancia por 3 - 1. Ao descanso o resultado era de 1 - 0.

 


Ares, 31 de maio de 2014

FICHA TÉCNICA

NUMANCIA: Xaime (Roberto), José Manuel (Jesús), Pepe (C), Alberto, Darío, Martín, Iván (Juan), Marcelo, Borja, Miguelito (Roque) e Ángel (Miguel).

Adestrador: Alejandro González Domínguez.

2º adestrador: Manuel Antonio Bardana López.

Delegado: José Antonio Couce Iglesias.

SAN SADURNIÑO: Bruno, Gabriel (Marcos), Franpi (C), Yeray, Fran, David, Antón Senra, Manuel (Yeri) (Alberto), Alex, Iván (Miguel) e Antón Pérez.

Adestrador: Jesús Manuel Fajardo Pardo.

2º adestrador: Marco Aurelio Costa Teixeira.

Delegado: José Manuel Piñeiro Piñón.

ARBITRO: D. Telmo Pérez Vázquez. Mostroulle cartolina amarela aos xogadores locais, Ángel, Miguelito, Alberto, Jesús, Roque, Pepe e Borja. Polo San Sadurniño tamén viron a cartolina amarela, Gabriel, Iván, Antón e Alex. Resultou expulsado por dobre cartón amarelo Fran do Sansa.

GOLES

1 - 0: ANGEL (min. 13), xogada por banda dereita de Borja, triangulación con Iván e de novo para Borja quen pon un centro ao segundo pau por onde entra Ángel para enviar o fondo da rede.

2 - 0: MARCELO (min. 47), centro de Borja á dereita da área visitante sobre Marcelo quen disputa o balón co porteiro na súa saída, o primeiro disparo do xogador aresano é rexeitado polo meta do Sansa, pero o rexeitamento favorécelle a Marcelo que a segunda oportunidade aproveitaa para marcar de semivolea.

3 - 0: ALBERTO (min. 54), marca Alberto de perfecta execución de libre directo.

3 - 1: YERAY (min. 62), disparo bombeado dende o círculo central que bota diante de Xaime e o supera por arriba.

 

 

Comezaba o partido co Numancia poñendo toda a carne no asador dende o minuto un. Deles foron as primeiras ocasións de gol. A primeira oportunidade no minuto 7, cun centro de Martín dende a dereita ao segundo pau por onde entra Borja para rematar segundo lle chega, pero detén o porteiro con algunha dificultade. No minuto 11, volvía ser de novo Borja o que poñía o porteiro en apuros cun disparo dende a semilúa da área, gran parada do meta visitante que enviaba a córner. No minuto 13, unha bonita triangulación entre Borja e Iván, con centro final de Borja habilita a Ángel para poñer o 1 - 0 no marcador.

Continuaron os de Ares levando o control do partido ata ben avanzada a media hora de xogo cando se entrou nunha fase de centrocampismo. Nos minutos finais, Alex dispuxo da primeira e gran ocasión do empate para o Sansa despois dun balón ás costas da defensa local, pero Marcelo interpúxose entre o disparo a queimarroupa de Alex e a portaría aresana. Esta xogada propiciou un contragolpe dos de Ares cun balón en profundidade sobre Borja ao que chega primeiro o porteiro visitante por escasos centímetros. Finalmente fómonos ao descaso co resultado de 1 - 0 que se antollaba algo escaso para o visto no terreo de xogo.

Aos poucos minutos da reanudación, Marcelo aproveitando un rexeitamento do meta visitante marcaba de semivolea o 2 - 0. Apenas sete minutos despois Alberto de libre directo establecía o 3 - 0.

No minuto 58, o Sansa quedaba en inferioridade numérica tras ser expulsado Fran por dobre cartón amarelo.

No minuto 62, Yeray cun disparo bombeado dende o centro do campo, e sen aparente perigo, sorprendía ao meta local, e a propios e estraños, para poñer o 3 - 1. Este gol deu ás aos de San Sadurniño, que malia estar en inferioridade numérica se meteron no partido.

Os visitantes tamén souberon sacar partido do factor vento e da solada tarde do sábado que impedía ver os balóns altos. Aproveitando estas circunstancias o Sansa trataba de sorprender os aresanos con balóns en longo e colgando á área as xogadas a balón parado, deste modo crearon algún perigo na área local.

No último tramo o partido estivo aberto con oportunidades para ambos os dous bandos. Os de Ares baixaron o ritmo e fóronse vindo a menos. Pola contra os de San Sadurniño, malia estar en inferioridade numérica estiveron algo máis metidos no partido.

No minuto 35, balón en longo de Martín para Borja que a pica ante a saída do porteiro do Sansa, Antón saca o balón na liña de gol con moitos apuros pegando o esférico na cepa do pau. A réplica para o Sansa daríaa Alex cun libre directo á escuadra e ao que o meta local, Roberto, respondía cunha sensacional parada.

Nos minutos finais houbo tensión e nervios por parte de ambos os dous bandos polo que o colexiado tivo que mostrar algunhas cartolinas amarelas. A cousa non foi a maiores e o partido remata coa vitoria local por 3 - 1.

Esta vitoria dálle ao Numancia o seu pase para as semifinais da Copa Delegación de Ferrol. As devanditas semifinais xogásense a dobre partido, e o rival será o CD Cariño. O partido de ida disputarase no Municipal de Cariño o próximo fin de semana. E o partido de volta será en Pardos Vellos o próximo mércores 8 de xuño.

SORTE RAPACES, E A POR ELA.

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.