Inicio Noticias Xuvenís XUVENIS. ANIMAS, 3 - NUMANCIA, 3.
 
 

XUVENIS. ANIMAS, 3 - NUMANCIA, 3.

ABONADOS AO EMPATE.

Partido correspondente á vixésimo novena xornada de liga local xuvenil disputado na tarde do venres en A Gándara que rematou en empate a tres. Ao descanso o resultado era de empate a un.

 



Ferrol, 11 de abril de 2014.

FICHA TECNICA

ANIMAS: Moha, Boche (Pablo), Abrahán, Manuel (Isma), Queko (Jesús), Dani, Edu, Rafa, Iván (C), Marcos e Moi.

Adestrador: Carlos Serantes Pazos.

2º adestrador: Alejandro Domínguez Souto.

Delegado: Willian Abad Bermúdez.

NUMANCIA: Roberto (Agustín), José Manuel, Jesús (Pepe), Alberto (C), Marcelo, Adrián, Iván, Martín, Miguelito (Pérez), Juan (Miguel) e Borja.

Adestrador: Alejandro González Domínguez.

Delegado: José María Pérez Vila.

ARBITRO: Víctor M. García Villaverde. Sen incidencias.

GOLES:

0 – 1: Miguelito (min. 13), de penalti.

1 - 1: Iván (min. 25), perda de balón no centro do campo que propicia un balón ás costas da defensa numantina, Jesús falla no rexeitamento, o balón chega a Iván quen encara en solitario a portaría para definir ante o porteiro aresano.

2 - 1: Iván (min. 47), pase sobre Iván próximo á frontal da área, éste vaise da defensa para encarar a Agustín e marcar cun disparo ao segundo pau.

2 - 2: Borja (min. 51), falta que saca Alberto sobre Borja situado no pico esquerdo da área local, regatea a dous defensores cara ao interior e de disparo medido pon o balón no pau longo.

3 - 2: Jesús (min. 61), falta dende o medio do campo a banda dereita para Iván, próximo á bandeirola de córner vaise de Juan e pon un centro á área que toca Jesús introducindo o balón en propia porta.

3 - 3: Alberto (min. 67), pase de Adrián dende o centro á esquerda para Miguelito, éste corre a banda ata alcanzar a liña de fondo, dribla a un defensor, apertura para Alberto situado preto do pico da área, dende onde sorprende por arriba o porteiro local cun disparo bombeado.

 



Non hai tres, sen catro. Se a pasada semana era o terceiro empate consecutivo dos xuvenís, o desta semana fai o cuarto. Os tres últimos deles, con idéntico resultado, tres - tres. Sendo os numantinos o equipo que máis empates colleita da categoría, dez en total. Confiemos en que vaia cambiando a sorte e cheguen algunhas vitorias, porque os rapaces fan meritos máis que suficientes para iso.

O partido deste pasado venres fronte ao Ánimas, ben puido ser o do cambio, pero pequenos detalles defensivos, e algo de mala sorte, na porta propia, e na do rival, impedírono. Foi un partido de moito ritmo, rápido, de forza, pero sobre todo e o máis importe moi deportivo.

Na primeira parte do partido reinou a igualdade, os de Ares quizais tiveron un pouco máis o control da pelota, pero o Ánimas con balóns en profundidade e á contra tiveron as súas opcións. Ao cuarto de hora de partido, penalti sobre Miguelito que él mesmo se encargaría de transformar no 0 – 1, adiantando os de Ares. A partir do gol o Numancia comezou a ter a pelota, pero algunhas perdas de balón no centro do campo propiciaban contragolpes perigosos dos locais. O máis claro chegaría no minuto 22, que finalizaría nun man a man de Iván con Roberto, pero o disparo do dianteiro ferrolano afortunadamente marcharía fóra. Apenas uns minutos máis tarde, o mesmo protagonista non perdoaría un regalo da zaga aresana para plantarse só ante Roberto e batelo por abaixo para empatar o partido. Despois do empate local volveu a igualdade ao terreo de xogo.

No minuto 36, puideron adiantarse de novo os aresanos despois dunha mala cesión de cabeza de Abrahán ao seu porteiro, ao que o balón o supera por arriba na súa saída, Borja aproveitase do erro local rematando de cabeza, pero un defensor saca o balón baixo os paus enviando a córner. Da saída dese córner nova oportunidade visitante, despois de varios disparos e rexeitamentos, remate final de cabeza de Alberto ao que Moha responde cunha sensacional parada. A primeira metade non deu para moito máis, igualdade, centrocampismo, e algúns disparos sen perigo. Polo que se chegou ao descanso con empate a uns.

No segundo período foi o conxunto aresano o que marcou o ritmo do xogo durante uns bos minutos, e aínda que en ningún momento os ferrolanos lle perderon a cara ao partido, o traballo defensivo dos de Ares propicio que as aproximacións á súa área foran escasas, pero as poucas das que dispuxeron os locais aproveitáronas moi ben.

Ao pouco de continuarse o partido, na primeira aproximación á área, eran os locais os que se adiantaban no marcador por medio de Iván. Pouco duraría a sua alegría, pois apenas tres minutos despois, era o aresano Borja o que volvía as táboas ao marcador. Pouco despois do gol do empate, os de Ares estrelaban un balón no longueiro, despois dunha bonita xogada de combinación entre Iván e Borja co disparo final de Martín. A medida que o partido avanzaba os de Ares ían pouco a pouco afianzándose no terreo de xogo e collendo a posesión do balón.

No minuto 61, volvía o Ánimas a poñerse por diante no marcador nunha xogada desafortunada para os de Ares que culminaba cun gol en propia porta de Jesús. Apenas tres minutos máis tarde novo balón á travesa dos de Ares, nesta ocasión de Juan tras un lanzamento directo. Cinco minutos despois desta xogada chegaría o merecido tanto do empate visitante cun atinado disparo de Alberto que sorprendía por alto a Moha.

Eran os mellores minutos do partido para os de Ares, tendo o control da pelota e sen pasar apuros na súa área, onde Agustín apenas tiña traballo. No minuto 73, a un bo disparo de Pérez ao primeiro pau, respondía Moha cunha boa intervención para enviar a córner. No minuto 82, a ocasión era para Iván despois dun bo pase de Pérez, pero de novo unha boa intervención de Moha malograba a ocasión aresana.

En resumo, gran partido dos rapaces, no que novamente non escatimaron en esforzo e dispendio físico, xogando con intensidade e bo ritmo durante os noventa minutos. Partido no que quizais soamente a mala sorte lles privou de traerse algo máis positivo de A Gándara.

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.