XUVENIS. CARIÑO, 3 - NUMANCIA, 3.

FALTOU GASOLINA.

Partido correspondente á vixésimo sétima xornada de liga local xuvenil disputado na tarde do sábado no Municipal de Cariño que rematou en empate a tres. Ao descanso o resultado era de 1 - 3.

 


Cariño, 29 de marzo de 2014.

FICHA TECNICA

CARIÑO: Makay (Tara), Rubido, Antón, Rubén, Adrián (Rubiños), Piñeiro (Diego), Manupa, Borja, Koke, Sergio (C) e Bruno.

Adestrador: Roberto Breijo Dorna.

Delegado: Argimiro Loureiro Ferro.

NUMANCIA: Roberto (Xaime), Isaías (José Manuel), Jesús, Alberto, Darío (Pérez), Adrián (C), Iván (Miguel), Marcelo, Ángel, Martín e Miguelito (Couce).

Adestrador: José María Pérez Vila.

Delegado: José Antonio Couce Iglesias.

ARBITRO: Martín Zakaryan. Amoestou a Álvaro, Sergio, Manupa, Rubido e Rubén polo Cariño, polo Numancia viu a cartolina amarela Jesús.

GOLES:

0 - 1: Ángel (min. 16), balón en longo a banda dereita de Jesús para Marcelo, éste vaise por banda do seu marcador e pon un pase ao lateral da área para Ángel que marca de disparo cruzado.

1 - 1: Bruno (min. 18), perda de balón de Jesús diante de Bruno quen encara a Roberto e bateo por abaixo.

1 - 2: Iván (min. 25), perfecto lanzamento de libre directo de Iván que se coa por toda a escuadra.

1 - 3: Ángel (min. 35), aperturar a banda dereita de Adrián para Martín, Martín prolonga para Ángel situado no bordo da área, éste regatea a un defensor e dispara pegado ao longueiro.

2 - 3: Bruno (min. 52), cambio de xogo de Antón de dereita a esquerda para Manupa, desborde e disparo deste que rebota en Isaías, o balón chega a Bruno e marca.

3 - 3: Manupa (min. 82) indecisión na área visitante á hora de despexar un balón colgado procedente dunha falta, un primeiro disparo do Cariño dá en José Manuel, o balón rebotado cáelle a Manupa quen define ante Xaime.

  



Bonito e entretido partido o disputado entre o Cariño e o Numancia que rematou con repartición de puntos. O partido tivo un tempo para cada equipo.

A primeira metade foi de claro dominio numantino, os de Ares realizaron uns soberbios primeiros corenta e cinco minutos, cun bo fútbol e un gran dispendio físico, isto permitiulles irse aos vestiarios cun resultado de 1 - 3.

Comezaba o partido cun Numancia tratando de levar a iniciativa do partido, o que foi conseguindo a medida que pasaban os minutos aínda que sen moita profundidade no seu xogo. Nos primeiros quince minutos de partido os de Ares aproximáronse varias veces á área local pero con tímidos disparos que poucos problemas supuxeron para o porteiro. Froito do mellor xogo, os aresanos obterían o premio do gol por medio de Ángel ao cuarto de hora de partido. Pouco duraría a alegría visitante, posto que pouco despois unha perda de balón da zaga aresana propiciaba que Bruno empatase o encontro.

Os de Ares continuaron impoñendo o seu xogo e aproximándose con perigo á área rival. No minuto vintetrés, nova ocasión visitante, centro de Iván que nin Ángel, nin Miguelito, acertan a rematar entre os tres paus. Dous minutos despois, era o propio Iván o que poñía o 1 - 2, sorprendendo a todos cun maxistral lanzamento de libre directo. Apenas tres minutos despois ocasión clara para o Cariño, pero Adrián no último suspiro rebaña a pelota dos pés do dianteiro ortegano enviándoa a córner.

Dos pés de Adrián partiría o terceiro gol dos aresanos cunha apertura a banda para Martín, éste pon o balón para Ángel quen define por alto dende o bordo da área para poñer o 1 - 3. Con este resultado e cuns sensacionais primeiros corenta e cinco minutos do Numancia marchábamos ao descanso.

O segundo metade foi para os locais, sobre todo o último tramo de partido. O dispendio físico da primeira metade, e as lesións pasaron factura a un conxunto numantino que se foi vindo a menos a medida que pasaban os minutos, sucumbindo no tramo final ante un Cariño moito máis enteiro.

Na segunda metade os de Ares saíron algo durmidos e non daban atopado o seu sitio no campo, momento que aproveitou o Cariño por medio de Bruno,
aos sete minutos da reanudación, para acurtar distancias no marcador. Este gol levantou os ánimos, víndose os locais arriba e comezando a empurrar máis que un Numancia que non se daba asentado no terreo de xogo. Froito dese empuxe comezou o Cariño a roldar a área numantina, dispoñendo dunha nova ocasión no minuto sesenta á saída dun córner que se paseaba pola área sen encontrar rematador.

Os de Ares trataban de saír á contra e con balóns en profundidade. Así sería como Ángel, en xogada individual xeraría unha clara ocasión que Darío en boca del gol non acertaba a meter entre os tres paus. Pouco despois sería novamente Ángel o que xeraría outra ocasión que remata Miguel, pero o porteiro local dunha grande estirada enviaba a córner.

No minuto setenta comezaban os problemas para os de Ares, Iván tiña que retirarse lesionado, perdéndose unha das referencias en ataque. Pero para colmo de males, pouco despois era Alberto o que sufría unha lesión muscular, e aínda que continuou de dianteiro no campo por esgotarse os cambios, pouco puido facer decimado e fóra da súa posición habitual. Estas lesións, sumadas ao esgotamento polo dispendio físico dispensado na primeira metade pasaron factura aos numantinos. De aquí ao final do partido, o Cariño moito máis enteiro, foi o claro dominador do xogo ante un equipo numantino que defendeu o resultado ata onde puido.

No minuto setenta e tres, balón pola dereita ás costas da defensa visitante sobre Koke, intérnase na área e dispara axustado á base do pau rexeitando Xaime, o balón volve a Koke, abre para Antón pero éste dispara excesivamente alto.

No minuto 82, despois dunha indecisión na área visitante á hora de despexar un balón, éste chegaba a Manupa que poñía o empate no marcador. No minuto oitenta e cinco era novamente Manupa o que o intentaba cun disparo dende fóra da área que detiña Xaime. Pouco máis daría de si o partido, cun Cariño que o intentou para levarse a vitoria, pero encontrouse coa oposición dun Numancia, decimado fisicamente, pero que defendeu con uñas e dentes o punto do empate.

Felicitar os rapaces polo gran esforzo, dispendio físico, seriedade e pundonor amosado en todo o partido, do que destacamos a sobresaínte primeira metade, e que de non ter sido pola mala sorte das lesións quizais se terían traído algo máis positivo de terras orteganas.

Para pechar este resumo, quixera agradecer a José María Pérez "Chema", a súa disposición para dirixir hoxe ao equipo dende o banco, en substitución de Alex, quen aínda que presente, estaba imposibilitado para exercer a devandita función por sanción federativa.

PICA AQUI para ver máis fotos do partido publicadas na web do CD Cariño.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.