Inicio Noticias Xuvenís XUVENIS. NUMANCIA, 2 - MIÑO, 3.
 
 

XUVENIS. NUMANCIA, 2 - MIÑO, 3.

DERROTA INXUSTA

Partido correspondente á 24ª xornada da liga local xuvenil disputado nunha soleada tarde do pasado sábado en Prados Vellos con resultado final de 2 - 3. Ao descanso o marcador era de 2 - 1.

 

Ares, 8 de marzo de 2014.

FICHA TECNICA

NUMANCIA: Agustín (Roberto), Jesús (José Manuel), Alberto, Juan (Isaías), Adrián (C), Martín (Nóvoa), Pérez, Couce, Ángel, Miguelito (Darío) e Marcelo.

Adestrador: Alejandro González Domínguez.

2º adestrador: Antonio Manuel Bardanca López.

Delegado: José Antonio Couce Iglesias.

MIÑO: Diego, Borja (Iván), Sergio, Miguel (C), Ramos, Cesar (Adrián), Yago, Jonathan (David), Manuel (Jose), Arturo (Casás) e Mosquera.

Adestrador: Miguel A. Mahía Rodríguez.

Delegado: Daniel A. Pena Bouza.

ARBITRO: Miguel A. Piñón López. Amoestou a Pérez e Alberto polo Numancia e a Sergio polo Miño.

GOLES

0 - 1: Miguel (min. 23), balón ás costas da defensa local, Jesús falla no rexeitamento quedando Miguel co balón para chegar á área e bater a Agustín de disparo cruzado.

1 - 1: Martín (min. 24), entrada de Martín por banda esquerda, á altura da área dispara bombeado, o balón pega no segundo pau e cóase na portaría.

2 - 1: Ángel (min. 27), balón á área que controla Pérez, vaise de Ramos e pon un centro para Ángel quen libre de marca sobre a liña da área pequena remata de cabeza ao fondo da portaría.

2 - 2: Yago (min. 58), xogada por banda dereita de Yago que se interna polo lateral da área e dispara poñendo o balón no segundo pau.

2 - 3: Miguel (min. 88), saque do porteiro visitante que chega a Miguel, éste corre a banda superando a oposición de Isaías, intérnase polo lateral da área para bater a Roberto polo primeiro pau.

 



Na tarde do pasado sábado caía de xeito inxusto o conxunto de Prados Vellos fronte ao Miño. A falta de acerto, e a mala fortuna dos de Ares de cara a gol, propiciou que os de Gallamonde se levarán os tres puntos. A boa primeira metade, as ocasións creadas e erradas polos de Ares, ben puideron valer unha vitoria. Pero nisto do fútbol, xa se sabe, ¡¡¡¡Goles son amores!!!!

Na tarde do sábado tamén debutaba co conxunto aresano, Juan Escudero, que retornaba a Prados Vellos despois do seu paso polo Galicia de Caranza, onde xogou na categoría xuvenil de Liga Galega e Nacional co conxunto ferrolano. Benvido de volta á casa.

Comezaba o choque entre Numancia e Miño con moitas precaucións por parte dos dous equipos e sen apenas pisar as áreas. Non serían ata pasados os dez primeiros minutos cando o conxunto visitante rompía as hostilidades. Tendo a primeira aproximación cun libre directo de Ramos que Agustín rexeitaba a córner. Na xogada seguinte os de Ares daban a réplica, pero Ángel non definía nun man a man con Diego. O rexeitamento do porteiro visitante chegaba a Martín, pero tampouco encontra os tres paus.

Aos doce minutos, un lanzamento de falta do Miño, despéxao Juan e o balón estrélase na escuadra da súa propia porta. Aos quince minutos nova oportunidade para os de Ares, nesta ocasión para Alberto, pero tampouco definía fronte ao porteiro do Miño. Quen si definiría, pero para os visitantes, sería Miguel, quen no 23´ adiantaba ao seu equipo no marcador poñendo o 0 - 1. Pouco duraría a alegría visitante, posto que un minuto despois Martín igualaba o choque. E tres minutos máis tarde era Ángel o que poñía por diante os de Ares.

Á media hora de xogo, Juan de lanzamento directo poñia a proba o porteiro visitante quen rexeitaba a córner con algunha dificultade. Á saída do córner, Martín toca de cabeza sobre Juan que dispara raso saíndo o balón rozando a base do pau. Na xogada seguinte centro de Couce ao segundo pau que controla Juan, éste abre cara atrás para Alberto quen estrela o balón no poste. Pouco despois sería a oportunidade para Martín cun disparo dende fóra da área, pero Diego respondía cunha boa parada. No 35´, ata tres disparos consecutivos dos de Ares estrelábanse na nutrida barreira defensiva do Miño, os que durante uns quince minutos se viron claramente encerrados polo conxunto local. Durante ese período de tempo os de Ares tiveron varias ocasións para sacar máis renda no marcador, pero os de Prados Vellos estiveron negados de cara a gol.

Nos últimos dez minutos do primeiro período o Miño foise desembarazando pouco a poco da presión local, para finalizar a primeira parte cun córner que despexa Agustín, o balón chégalle a Ramos pero o seu disparo a porta vaise excesivamente alto. Co resultado de 2 - 1 chegabamos ao  descanso.

A segunda parte non tería tanto ritmo coma a primeira. Os dous equipos saíron un tanto fríos, desenvolvéndose o xogo no medio campo, sen que ningún dos dous conxuntos fose capaz de levar a iniciativa do xogo.

A primeira ocasión deste segundo período sería para os de Ares a lanzamento directo de Juan, que Diego rexeitaba a córner. No minuto 58, Yago empataba o partido despois dunha xogada individual por banda. A acción foi moi protestada pola inchada local posto que o balón traspasara a liña de banda. Pero o gol subiu ao marcador. Despois do gol do empate o partido entrou nunha fase de centrocampismo durante moitos minutos nos que apenas houbo aproximacións ás áreas, destacando algúns disparos afastados do conxunto visitante pero sen perigo.

No minuto 75, oportunidade para os de Ares, xogada individual de Ángel polo centro, escórase cara á dereita para irse do seu marcador, intérnase na área, dispara por enriba do porteiro, pero o balón estrélase no longueiro. Dous minutos despois nova ocasión local, balón ás costas da defensa que pon Couce sobre Ángel, o dianteiro aresano picao ante a saída de Diego, pero o disparo quédase curto.

No minuto 88, chegaría o terceiro tanto do Miño, obra de Miguel, quen si definiría ante o meta local. Aínda terían os de Ares, sobre o asubío final, unha nova ocasión para o empate, sería para Marcelo nun man a man co porteiro, pero o seu disparo sairía moi desviado.

Sen tempo para máis chegábase ao final do partido co resultado coñecido de 2 - 3. Resultado que deixaba algo tocado ao conxunto local quenes vían como marchaban os tres puntos de Prados Vellos despois dun bo partido.

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.