XUVENIS. PORTUARIOS, 4 - NUMANCIA, 0.

AS XOGADAS A BALÓN PARADO SENTENCIARON AOS DE ARES

Fría e chuviosa tarde de sábado na que Portuarios e Numancia disputaban a 21ª xornada da liga local xuvenil que rematou con vitoria dos de Ferrol Vello por 4 - 0. Ao descanso o resultado era de 1 - 0.

 

O equipo do Numancia saltaba ao terreo de xogo cunha camiseta dedicada a Dani Cartelle, xogador xuvenil numantino que foi operado esta semana. Os seus compañeiros mandábanlle ánimos para a súa pronta recuperación e volta aos terreos de xogo. Como reza na camiseta !!!ANIMO CARTE¡¡¡, pronto estarás connosco.

Aneiros (Ferrol) 15 de febreiro de 2014

FICHA TECNICA

PORTUARIOS: Merino (Juli), Andrés, Ángel, Oso (Antonio), Dani, Martín (Rascado), Iván, Brais, Nano (Gabri), Pepe (Adrián) e Javi (C).

Adestrador: Juan Carlos Arrojo Fernández.

Delegado: Antonio Ángel Bugliot Rodríguez.

NUMANCIA: Xaime, José Manuel (Kike), Pepe (C), Alberto, Darío (Nóvoa), Adrián, Ángel (Pérez), Roque (Miguel), Iván, Martín (Jesús) e Marcelo.

Adestrador: Alejandro González Domínguez.

2º adestrador: Antonio Manuel Bardanca López.

Delegado: José Antonio Couce Iglesias.

ARBITRO: Alberto Cinza Seoane. Mostroulle cartolina amarela a Oso e Dani polo Portuarios; Roque e Pepe vírona polo Numancia. Resultou expulsado Xaime do Numancia.

GOLES:

1 - 0: Nano (min. 33), falta colgada á área, Nano adiántase á defensa aresana peinando o balón ao fondo da rede.

2 - 0: Xaime (pp) (min. 55), córner pasado ao segundo pau que remata de cabeza Ángel, Xaime toca cos puños no seu intento de despexar por enriba da portaría pero non o suficiente para evitar que o balón entre.

3 - 0: Nano (min. 72), falta colgada á área que Nano remata de cabeza.

4 - 0: Javi (min. 90), balón en profundidade de Adrián sobre Javi que queda só ante Kike para marcar por abaixo.

 



Quixeran os xogadores aresanos poder dedicarlle a vitoria ao seu compañeiro Dani Cartelle, pero desafortunadamente hoxe non foi nin o día, nin o partido. Que lle imos facer, o importante é que Dani se encontra ben, recuperándose satisfactoriamente, e se ningunha dúbida desexando volver. ANIMO RAPAZ, o peor xa pasou.

Como diciamos, hoxe non foi o día dos de Ares. Aínda que o conxunto numantino comezou ben, posto que nos quince primeiros minutos de xogo tivo o control do partido, rematou sucumbindo ante a maior pegada do Portuarios.

Comezaban os de Ares premendo a saída de balón do conxunto local e tomando a iniciativa do xogo aínda que sen moita profundidade. Aos dez minutos Pepe disparaba afastado a porta pero o balón marchaba pegado ao pau. Na xogada seguinte era Javi para o Portuarios o que desaproveitaba un man a man diante de Xaime, quen aguantaba e detiña o disparo do dianteiro local. A réplica dábaa Adrián para os numantinos cun disparo afastado que o porteiro enviaba a córner. Pasados os vinte primeiros minutos, nos que os de Ares levaron a iniciativa e control do xogo, o Portuarios comezou a encontrar o seu sitio no campo ante un Numancia que foi de máis a menos.

Os de Ferrol Vello comezaron pouco a pouco a levar perigo á área numantina, sobre todo en xogadas a balón parado. Nunha desas xogadas, ao saque dunha falta, Nano adiantaba os ferrolanos. A raíz do gol o equipo local veuse arriba e pasou a controlar o xogo. Poucos minutos despois, Brais disparaba por enriba do longueiro.

Sobre o asubío final, os de Ares a punto estiveron de conseguir o empate despois dunha falta que un defensa a punto está de coar en propia porta, pero o porteiro sacaba a córner nunha boa intervención. Á saída do córner rematabao de cabeza Alberto pero Ángel saca o balón baixo os paus da portaría local. Sen tempo para máis marcharíamos aos vestiarios con vitoria pola mínima do conxunto ferrolano.

Na segunda parte o Portuarios ensinaba as súas cartas nada máis sacar do círculo central cunha xogada por banda dereita que conduce Javi con centro ao segundo pau para Pepe que non define ante Xaime. No minuto cincuenta e tres era Javi o que estrelaba o seu disparo dende o pico da área no lateral da rede numantina. Dous minutos despois o porteiro aresano introducía en propia porta o balón no seu intento de rexeitamento dun remate de cabeza de Ángel, o que suporía o 2 - 0.

O segundo gol local deixou noqueado definitivamente a un Numancia, que para colmo de males no minuto sesenta e dous quedaba en inferioridade numérica por expulsión do porteiro. De aquí ao final, sufrir e aguantar un partido que o conxunto local controlou no que restou de encontro.

No minuto setenta e dous, novamente en xogada a balón parado Nano remataba de cabeza o que suporía o 3 - 0. Intentaron os de Ares nos minutos finais maquillar o resultado, pero nunha xogada con pase ás costas dos defensas viría o cuarto e definitivo gol que daba paso ao asubío final.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.