Inicio Noticias Xuvenís XUVENIS. NUMANCIA, 7 - R. SAN PEDRO, 0.
 
 

XUVENIS. NUMANCIA, 7 - R. SAN PEDRO, 0.

BO ARRANQUE DE ANO

Partido correspondente á 20ª xornada da liga local xuvenil disputada nas instalacións de Prados Vellos, na tarde do pasado sábado, e que rematou con vitoria do Numancia ante o Racing San Pedro. Ao descanso o resultado era de 2 – 0 a favor do conxunto local.
 

Ares 8 de febreiro de 2014.

FICHA TECNICA

NUMANCIA: Xaime, José Manuel (Pérez), Pepe (C), Alberto (Jesús), Isaías (Roque), Adrián, Iván, Marcelo, Ángel, Miguel (Gaby) e Couce (Nóvoa).

Adestrador: Marcos Amor Roel.

2º adestrador: Antonio Manuel Bardanca López.

Delegado: Manuel Antonio Cartelle Permuy.

RACING SAN PEDRO: Yuste (Paco), Iván (Pablo Aboal), Joimer, Dani, Javier (C), Andy (Cristian), Santiago (David), Pablo Bergantiños, Lois, Héctor e Adrián (Muiños).

Delegado: Ramón Hernández García.

ARBITRO: José Priegue Leis. Amoestou a José Manuel polo Numancia, e a Iván polo San Pedro.

GOLES: Couce (min. 15), Iván (min. 36), Adrián (min. 53), Marcelo (min. 65), Ángel (min. 67 e 69), Roque (min 87).

 

 



Primeira parte do partido sen dominador claro, os de Ares tiveron máis posesión pero foron incapaces de impoñer o seu xogo. Nesta primeira metade os locais xogaron en contra do vento que se fixo notar en Prados Vellos, dándolles algún susto. Desta circunstancia soubo aproveitarse o San Pedro para levar o perigo á área local.

Aos doce minutos de partido chegaría a primeira ocasión local á saída dun córner que saca a defensa visitante, o balón chega a Pepe na frontal, xuta, e boa parada do porteiro que saca novamente a córner. Tres minutos despois chegaría o primeiro gol do partido, xogada por banda esquerda do ataque aresano que conduce Ángel, internase polo lateral da área e abre cara ao pico da banda contraria para Couce quen se prepara o balón e marca de disparo en parábola. O San Pedro dispoñería pouco despois da súa oportunidade para empatar cunha internada pola dereita con centro chut que detén Xaime. De seguido os de Ares contragolpean finalizando a xogada cun novo disparo de Couce pero desta vez rexeitao o porteiro visitante cunha boa parada.

O partido transcorreu con moito centrocampismo, sen dominador, e sen apenas achegamentos ás áreas. No 25´, córner que executa o San Pedro, o vento pecha o balón sorprendendo a defensores e atacantes, e remata estrelándose por fora da base do pau.

No 36´, chegaría o segundo tanto local. Falta que saca Pepe e Iván de costas a portaría remata de cabeza ao fondo da rede. Tres minutos despois o vento volve ser protagonista na área local, balón en profundidade do San Pedro, Xaime sae ao rexeitamento, o balón dá no dianteiro visitante e axudado polo vento a punto está de coarse na meta local, finalmente Alberto saca o balón a córner. Co resultado de 2 - 0 marchabamos ao descanso.

Na segunda metade os de Ares saíron máis centrados no partido e decididos a rematar a faena. Malia non realizar un xogo moi vistoso, pero sí efectivo, os locais foron os claros dominadores neste segundo período. Dende os minutos iniciais os de Ares meteron unha marcha máis que o San Pedro e as ocasións non tardaron en chegar. Aos cinco minutos da reanudación, Iván dispoñía de dúas boas ocasións consecutivas pero ningunha delas encontraba os tres paus. Non fallaría Adrián tres minutos despois, internada de Ángel pola esquerda, cóase na área pegado á liña de fondo, disparo que rexeita o porteiro, o balón chega a Adrián quen marca de disparo raso para poñer o 3 - 0, no minuto 52.

O gol deu máis tranquilidade aos locais, permitíndolles facerse co control do partido, ante un San Pedro que trataba de contraatacar pero que se encontraba cun Numancia ben pechado atrás malogrando as xogadas do rival.

No 61´, un disparo de Iván dende a frontal marchaba pegado ao pau. Dous minutos despois, era o propio Iván o que pelexaba un balón na semilúa da área e o poñía por enriba da defensa para Marcelo, éste revolvíase, e á media volta e de disparo cruzado marcaba o 4 - 0. Pouco tardaría en chegar o quinto, que parte dunha internada de Nóvoa pola esquerda, centro á área que toca Adrián para Ángel quen define fronte ao porteiro, corría o minuto 67. O sexto pouco se fixo esperar, minuto 69, pase en longo de Nóvoa sobre Ángel que volve definir nun man a man co gardameta. O San Pedro en pouco máis de dez minutos viuse totalmente desbordado pola eficacia goleadora dos de Ares na tarde de hoxe.

Habería que chegar ata o minuto oitenta e cinco para ver unha das poucas aproximacións claras do San Pedro á área local neste segundo período. Sería cun forte disparo cruzado de Lois ao que Xaime respondía cunha grande estirada enviando a córner. A réplica daríaa Pepe pouco despois arrancando dende campo propio, ata alcanzar os tres cuartos de campo rival, abre o balón cara á esquerda para Ángel quen alcanza o lateral da área para poñer un pase ao punto de penalti sobre Roque que marca a porta baleira o 7 – 0 definitivo.

Aínda dispoñerían os de Ares dunha última ocasión nos pés de Gaby despois dunha condución déste pola banda dereita que remata cun disparo que marcha próximo á escuadra da portaría visitante.

En resumo, importante vitoria dos xuvenís que lles permite recuperar sensacións, ¡¡¡e a ver se a regularidade!!!. Este ano van duas de duas. A próxima xornada veremos se isto se confirma. Os de Ares o próximo fin de semana visitan as instalacións de Aneiros, alí espéraos o Portuarios, equipo situado nos postos altos da clasificación. Sen dúbida un bo test de proba. Sorte.

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.