Inicio Noticias Xuvenís XUVENÍS. NUMANCIA, 0 - EUME, 0.
 
 

XUVENÍS. NUMANCIA, 0 - EUME, 0.

OUTRO NOVO EMPATE, CUARTO EN SEIS XORNADAS

Resísteselles a vitoria aos de Ares en Prados Vellos. Tres xornadas de liga na casa e tres empates, o positivo é que se segue sumando, pero a renda é escasa e pouco a pouco vanse descolgando dos postos altos.


Ares, 19 de outubro do 2013

ALIÑACIONS

NUMANCIA: Xaime (Agustín), Darío, Pepe (C), Jesús (Miguel), Alberto, Martín, Pérez (Isaías), Adrián, Iván (Andrés Nóvoa), Couce (José Manuel) e Marcelo.

Adestrador: Alejandro González Domínguez.

2º adestrador: Manuel Antonio Barcanca López.

Delegado: José Antonio Couce Iglesias.

EUME DEPORTIVO: Ángel, Borja, Jaime (C), Fran, Dani, Pablo Díaz, Sergio (Alejandro), Ayub (Diego), Jorge Leira, Fachal (Pablo Rey) (Alexandre) e Camilo.

Adestrador: Jorge M. Cebreiro Malero.

Delegado: Ramón M. Penedo Leira.

ARBITRO: Francisco López Gómez. Amosoulle cartón amarelo a Alex (adestrador) do Numancia e a Borja do Eume. Expulsou por dobre cartón amárelo a Adrián do Numancia.

 



Antes de dar comezo o partido gardouse un minuto de silencio en recordo de Teo López (8 anos), xogador do Galicia de Caranza falecido no día de onte. Dende aquí, en nome de toda a familia numantina aproveitamos para dar noso máis sentido pesame a familia de Teo e o G. de Caranza. Descanse en paz.

En canto ao que o partido se refire, partido aburrido, de pouco fútbol, de moito centrocampismo e moitas imprecisións por parte dos dous equipos que non deron imposto o seu xogo. O partido pasou por fases de dominio esporádico, máis por calidade individual que por xogo colectivo.

A primeira xogada clara do partido chegaría no minuto 9, balón en profundidade sobre Camilo que marcha de Pepe, encara a Xaime, pero o dianteiro eumés entretense demasiado no caneo, Pepe chega por detrás, o caneo de Camilo a Xaime dá en Pepe e o balón rexeitado afortunadamente estrélase na base do pau. A réplica dos de Ares deuna Alberto pouco despois, un balón en profundidade de Iván sobre Alberto déixao só ante o porteiro do Eume, pícao ante a saída deste pero o disparo vaise por enriba do longueiro.

Á media hora de xogo despois dunha xogada embarullada na área, Jorge Leira dispara a queimarroupa e o balón dá en Martín. Na xogada seguinte, o dianteiro local Iván lesiónase e ten que ser substituído por Andrés Nóvoa. Co primeiro período tocando á súa fin, un balón en profundidade á área visitante é despexado con apuros por Ángel, ante a inminente chegada de Pérez. Pouco máis daría de si esta primeira metade.

Na segunda metade, máis do mesmo, continuouse coa mesma dinámica de xogo que nos primeiros corenta e cinco minutos. No minuto cincuenta e cinco, á saída dun córner, Adrián tería o gol nas súas botas, pero o seu remate vaise alto. Camilo tamén tería unha boa oportunidade para o Eume nunha internada pola liña de fondo, pero está demasiado lento no seu disparo que, despois de dar nun defensa, finalmente se estrela no lateral da rede.

Xogadas a balón parado e algúns disparos dende fóra da área, sen moitos problemas para os porteiros, foron a tónica xeral.

No minuto 70, é expulsado o xogador local Adrián por dobre amoestación, quedando os de Ares con dez. A partir de aquí o partido entrou nunha fase de descontrol e de présas por parte dun e outro equipo buscando o gol da vitoria.

No minuto 75, Marcelo vaise por banda, intérnase na área polo lateral e dispara detendo Ángel en dous tempos.

No minuto 78, Camilo co balón controlado ten un man a man con Agustín que o porteiro local salva valentemente botándose aos pés do dianteiro eumés.

A dez minutos do final o dianteiro local Andrés Nóvoa, cae nunha mala postura e resulta lesionado. Despois de ser atendido na banda, decide continuar, pero aos poucos minutos a dor puido máis que o pundonor e o xogador ten que ser retirado e evacuado ao hospital. Os de Ares quedan con nove ata o final do partido que aguantaron estoicamente en inferioridade numérica.

Recibida información do estado de Andrés comunícannos que o dianteiro aresano sofre rotura da clavícula dereita. Dende aquí damos ánimos e o noso apoio a Andrés ao que lle desexamos unha pronta recuperación.

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.