XUVENÍS. NUMANCIA, 1 - PORTUARIOS, 1.

SEGUNDO EMPATE CONSECUTIVO EN PRADOS VELLOS.

Os de Ares suman un novo punto despois de conseguir o empate frete ao Portuarios nun partido no que lles custou entrar en xogo.

 



Ares 5 de outubro de 2013.

ALIÑACIONS

NUMANCIA: Xaime, Marcelo, Darío, Jesús, Pepe (C), Martín, Pérez (Isaías), Miguelito (Ángel), Iván, Adrián (Couce) e Nóvoa (Roque).

Adestrador: Alejandro González Domínguez.

2º adestrador: Manuel Antonio Bardanca López.

Delegado: José Antonio Couce Iglesias.

PORTUARIOS: Juli (Roi), Avendaño, Rascado (Andrés), Cancio (Pedro), Ángel, Iván (C) (Gabri), Adrián, Brais, Santi (Roberto), Pepe e Nano.

Adestrador: Juan C. Arrojo Fernández.

Delegado: Antonio Bugliot Rodríguez.

ARBITRO: Diego Fernández González. Amoestou a Miguelito, Marcelo, Roque, Pérez, Ángel e Couce polo Numancia. E polo Portuarios a Brais e Nano. Tamén amoestou os adestradores de ambos equipos.

GOLES:

0 - 1: min. 19, erro de marcaxe do conxunto local á saída dun córner que Ángel remata sen oposición no segundo pau.

1 - 1: min. 70, Martín de penalti.

 

 



Saída en tromba do Portuarios que imprimiu un forte ritmo ao partido dende o asubío inicial que colleu en frio aos de Ares. Durante os primeiros instantes do partido foi o equipo ferrolano o que tomou a iniciativa, tendo o control da pelota e premendo as saídas do conxunto local o que lle custaba entrar en xogo. Os de Ferrol Vello chegaban con perigo á área aresana pero non estaban acertados nas definicións, perdéndose moitos dos balóns pola liña de fondo, ou nas mans de Xaime. Curiosamente malia o dominio visitante, serían os de Ares os que terían as mellores ocasións para adiantarse no marcador. Primeiro Miguelito ao aproveitar un pase de Iván ás costas dos defensas, e posteriormente Martín ao rematar dende fóra da área un rexeitamento de puños de Juli.

No minuto dezanove un erro na marca dos de Ares á saída dun córner, habilitaba a Ángel para marcar a pracer e adiantar o seu equipo. Gol que facía xustiza ao visto ata ese momento. A réplica local daríaa Iván poucos minutos despois cun libre directo que se vai pegado ao longueiro. O gol encaixado polos de Ares parece que fixo reaccionar ao equipo e a medida que transcorría o partido as forzas foronse equilibrando. Ata o final da primeira metade moita máis igualdade, transcorrendo a maior parte do xogo no mediocampo sen apenas aproximacións perigosas ás áreas, polo que marchamos ao descanso con vitoria do Portuarios pola mínima, 0 - 1.

O comezo da segunda metade tivo os mesmos prolegómenos que a primeira. O Portuarios era novamente o que tomaba a iniciativa ante un Numancia que pasaba apuros en defensa, e era incapaz de coller o control, ou anular o mediocampo visitante. Así foron pasando os minutos iniciais nos que afortunadamente os de Ares mantiveron o mesmo marcador.

No minuto setenta, centro de falta á área a favor dos de Ares, Ángel é derrubado, e o colexiado decreta a pena máxima que transforma Martín no gol do empate. Esta xogada foi a que desequilibrou o choque posto que os de Ares pasaron a tomar a iniciativa e a ter o control do partido. Tivo dúas boas oportunidades o Numancia para marcar, Iván nunha internada por banda dereita con disparo cruzado que sae lambendo a cepa do poste. E un rexeitamento que dá en Iván, o balón sae envelenado e a punto está de coarse na portaría. Os últimos dez minutos de partido foron un correcalles, moito xogo aéreo, e balóns en longo buscando a sorpresa, pero o marcador permanecería inamovible no coñecido empate, 1 – 1.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.