XUVENÍS. NUMANCIA, 3 - NARON, 4. Copa AFACO.

TRES AGASALLOS DÉRONLLE A VITORIA AO NARON

Partido de ida das semifinais da copa A.F.A.C.O disputado na mañá do sábado en Prados Vellos e no que o Numancia caeu inxustamente derrotado ante o Narón.


Ares 25 de maio do 2013.

ALIÑACIONS

NUMANCIA: Xaime (Cristian), Marcelo (Isaías), Pepe, Alberto, Darío (C), Adrián, Borja, Roque (Martín), Ivi (Miguel), Alex Pita e Miguelito (Ángel).

NARON: Iván. Wili, Moncho (Vidal), Jorge, Moi, David Rodríguez, Patiño, Bruno (David Rey), Caamaño (Manu), Luís (C) e Josue (Aitor).

COLEGIADO: Cristian Santos González. Amoestou a Marcos (adestrador) polo Numancia e a Jorge, Caamaño e Aitor polo Narón.

GOLES:

0 - 1: min. 35, perda de balón do Numancia no centro do campo co que se fai Caamaño, vaise de Marcelo e encara hacia á área local por banda esquerda. Darío frea a carreira do dianteiro narones na frontal da área, pero éste co balón controlado vaise cara ao centro, paralelo á frontal dende onde saca un disparo que supera por alto a Xaime.

1 - 1: min. 43, falta dende o lateral dereito a prol do Numancia que rexeita a defensa visitante, o balón chega a Borja de costas á portaría, protexendo o balón consegue quedarse franco do seu marcador para de disparo cruzado marcar.

1 - 2: min. 46, saque de esquina do Narón ao primeiro pau onde toca Wili, o balón ábrese cara ao punto de penalti, onde Caamaño libre de marca remata a pracer.

1 - 3: min. 51, disparo de Josue dende tres cuartos de campo ao pau curto que se coa por debaixo do corpo de Xaime na súa estirada.

1 - 4: min. 54, mal saque de porta de Cristian, o balón cae nos pés de Bruno situado na periferia do círculo central, quen se aproveita de que o porteiro aresano está adiantado para de disparo bombeado marcar a porta baleira.

2 - 4: min. 75, balón pelexado na frontal da área por Martín e Ángel ante a defensa local, este último queda co esférico e de certeiro disparo en parábola supera ao meta visitante.

3 - 4: min. 86, balón en profundidade sobre Alex Pita situado en banda dereita, dribla ao seu marcador e pon o balón cara ao centro para Ángel que na súa entrada cara á área vaise entre Manu e Jorge para de vaselina dende a frontal superar a saída de Iván.

 

 



Primeira metade do partido que comezou con moitas precaucións por parte dos dous equipos e tratando de non arriscar. Poucas aproximacións á área se viron neste período, chegando as xogadas de perigo, a balón parado e de disparos afastados. Pasada a media hora de partido unha boa xogada individual de Caamaño propicia a chegada do primeiro gol visitante. A partir de aquí o partido intensificou un pouco o seu ritmo véndose algunhas chegadas perigosas á área. A dous minutos do final do primeiro período, e precedida dunha xogada a balón parado, os de Ares empataban o partido para irnos a descanso con 1 - 1 no marcador.

Mal comezaba a segunda metade para os de Ares, posto que en dez minutos concedían tres agasallos que o Narón non desaproveitou. Ao medio minuto da reanudación, e á saída dun córner, claro erro de marcaxe e Caamaño non perdoa, 1 - 2. Tres minutos despois un erro de Xaime concedía o segundo agasallo, 1 – 3. E para colmo de males, Cristian cinco minutos máis tarde, dáballes o terceiro agasallo. Dez minutos da segunda metade e 1 - 4 no marcador. A eliminatoria poñíaselle moi costa arriba ao Numancia.

Co Numancia tocado, tivo o Narón durante algúns minutos máis aos de Ares en xaque, pero éstes pouco a pouco fóronse sobrepoñendo para comezar a chegar con perigo á área rival. Tívoa Ángel no sesenta e cinco nun man a man co porteiro, pero non definiu. Alex Pita tres minutos máis tarde dispara cruzado e o balón marcha pegado ao pau. Na xogada seguinte Borja dispara frouxo e detén Iván. Os de Ares estaban a ser claramente superiores nestes minutos pero non definían as ocasións.

Sería Ángel cun gran disparo, no min. 75, o que acurtaba distancias e rompía o maleficio, 2 - 4. Con este gol os de Ares viñéronse máis arriba se cabe e pasaron a ter o control do partido.

Isaías no 80´ non foi quen de definir ante o porteiro, pero sacou un córner que Pepe remata de cabeza pegado ao pau. Estábano a merecer os de Ares, ante un Narón que apenas pasaba do medio do campo. Chegaríalles o premio no min. 86 nun gran pase de Alex Pita que Ángel define con mestría para poñer o 3 - 4. Aínda tería Alex Pita o empate nas súas botas diante de Iván, pero o dianteiro aresan non definiu. Finalmente chegaríamos o final da contenda cunha inxusta derrota dos de Ares nun partido no que cando menos merecían o empate.

A eliminatoria aínda está aberta e terá que resolverse no partido de volta previsto para o próximo mércores, 29 de maio, ás 20:00 horas, en O Cadaval (Piñeiros - Narón). Vemonos tod@ ali.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.