XUVENÍS. NUMANCIA, 4 - GALICIA DE MUGARDOS, 1. Copa AFACO.

PERDOARON E PAGÁRONO CARO.

Partido correspondente á eliminatoria da Copa A.F.A.C.O xuvenil, disputado en Prados Vellos na tarde do venres, 17 de maio, entre os equipos do Numancia e o Galicia de Mugardos. Ao final do partido vitoria dos locais por 4 - 1. No descanso o resultado era de 0 - 0.


Numeroso público de ambas as dúas afeccións deronse cita en Ares para disfrutar dun novo derby entre vecinos que non defraudou, houbo tensión, bo xogo e como non, polémica. Este partido dalgún xeito tamén tiña o "morbillo da revancha", posto que o pasado fin de semana, ambos os dous equipos xa se enfrontaran en partido de liga, e onde a vitoria se a levara o Mugardos

Prados Vellos 17 de maio do 2013.

ALIÑACIONS

NUMANCIA: Cristián (Xaime), Marcelo (Nóvoa), Pepe (Miguel), Alberto, Darío, Adrián, Borja, Roque, Ángel (Isaías), Alex Pita (C) e Martín (Miguelito).

G. DE MUGARDOS: Monty, Juan, Adán, Fabio (Jorge), Iván, Pedrós (C), Oliveira (Joel), Kevin, Alexis, Diego (José Manuel) e Adrián (Da Silva).

COLEXIADO: David Sierra. Amosoulle catón amarelo a Pepe e Miguelito polo Numancia, e polo Mugardos, a Fabio, Iván, Adrián e Da Silva. Tamén viron o cartón os adestradores de ambos os dous equipos. Resultaron expulsados Pedrós e Monty, ambos os dous do Mugardos.

GOLES

1 - 0: min. 48, córner que bota Alex Pita sobre Adrián quen colga o balón á área, despexe da defensa visitante á frontal, o balón chega a Roque na semilua da área quen de disparo raso e axustado ao pau esquerdo marca.

2 - 0: min. 50, Borja de penalti.

3 - 0: min. 66, balón ás costas da defensa visitante co que se fai Alex Pita, encara a Adán, dríblao e marca a porta baleira.

4 - 0: min. 70, Borja pon o balón ás costas da defensa mugardesa e de novo Alex Pita en xogada similar á anterior volve a marca.

4 - 1: min. 72, xogada á contra do Mugardos por banda dereita cun disparo final que rexeita Xaime, o rexeite favorece á entrada de Da Silva na área pequena que marca a porta baleira.

 

 



Primeira metade do partido con claro dominio e posesión do Mugardos ante un Numancia ben encerrado atrás e tratando de saír á contra. Os visitantes impuxeron un forte ritmo ao partido dende o seu inicio, con aproximacións ás inmediacións da área numantina e disparos afastados, pero desviados. As primeiras ocasións claras para o Mugardos chegarían nos minutos 15 e 18, ambas as dúas precedidas de dous saques de esquina que non encontraron rematador.

No min. 22 chegaría a expulsión de Pedros, e o Mugardos quedábase con dez. Malia iso o equipo non se descompuxo e seguiu tendo o control do xogo.

No minuto 25, Adrián disporía de dúas ocasións consecutivas despois da disputa do balón con Alberto. Pero dúas boas mans do meta local Cristian marrarían as ocasións visitantes. A réplica daríaa Borja para os de Ares na xogada seguinte, pero o dianteiro aresano non define no man a man con Monty.

Ata o final do primeiro período continuarían levando os mugardeses o peso do partido, e levando perigo á área local, pero chegaríase ao descanso con empate a ceros.

En resumo primeira metade na que o Mugardos dominou e creou, pero que non foi quen de definir as ocasións das que dispuxo, unhas pola falta de acerto, e outras polas boas intervencións do meta local, Cristian, que foi o claro salvador do seu equipo.

Na segunda metade, mal comezaban as cousas para os mugardeses, pois en apenas cinco minutos encaixaban dous goles; e o seu porteiro, Monty, era expulsado por dobre cartón amárelo despois do segundo gol. A partir de aquí todo foi distinto. O Mugardos desquiciouse cos acontecementos e todo o bo traballo realizado na primeira parte veuse abaixo. O equipo foise do partido e os de Ares á contra foron letais. Alex Pita, con dúas novas dianas remataba con todas as esperanzas do equipo visitante. Puideron ser algunhas máis, pero un inspirado Adán, que cambiara a camiseta de campo pola de porteiro para substituír ao sancionado Monty, salvou os mobles do seu equipo.

Un gol de Da Silva a vinte minutos do final meteu os mugardeses no partido, pero xa era demasiado tarde para a reacción. Tiveron algunha outra boa ocasión para marcar algún gol máis, pero o porteiro local Xaime encargouse de desbaratalas.

Os últimos minutos foron un querer e non poder por parte dos dous equipos, pero a esas alturas do partido os de Ares xa tiñan o deberes feitos.

En resumo, segunda metade que quedou sentenciada en cinco minutos, os que tardaron os de Ares en dar a volta á tortilla despois dunha primeira parte discreta. Os dous goles e a posterior expulsión do meta visitante achandaron o camiño a un Numancia que non perdoou.

Con esta vitoria os de Ares pasan ás semifinais da Copa AFACO onde se enfrontarán o Narón. O primeiro partido, o da ida, xogarase o vindero fin de semana e Prados Vellos.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.