XUVENIS. NUMANCIA, 4 - ASPIRANTES, 2.

ADRIAN: “DEMASIADAS PRÉSAS POR MARCAR”

Victoria do equipo xuvenil do Numancia fronte ao Aspirantes en partido disputado o sábado en Prados Vellos nunha tarde pasada por auga. Ao descanso o resultado era de 1 – 2.


Ares 9 de marzo do 2013.

ALIÑACIONS

NUMANCIA: Cristián (C) (Xaime), Isaías (Borja), Miguelito (Iván), Adrian, Darío, Alberto, Marcelo, Roque, Ángel, Alex Pita e Miguel (Ivi).
Adestrador: Marcos Amor.
2º adestrador: Manuel Bardanca “Toni”.
Delegado: Manuel Antonio Cartelle.

ASPIRANTES: Bruno, Eloy, Renzo (Diego), Brais (C), Manu Abad, Fandiño, Manu Díaz (Lele), Yeray, Alejandro García (Alex Fernández), Alex López e Rober.
Adestrador: Jesús Caruncho.
Delegado: Cristian Jiménez.

COLEXIADO: Francisco López Gómez. Mostrou cartolina amarela a Adrián, Marcelo, Roque e Iván polo Numancia, e a Yeray, Alex López e Rober polo Aspirantes. Resultou expulsado Borja do Numancia.

GOLES: Alex Pita (2) e Borja (2) para o Numancia, Rober (2) para o Aspirantes.

0 - 1: min. 20, balón en profundidade sobre Rober, quen se queda só ante Cristián a o que supera por alto na súa saída. A xogada estaba precedida dun claro fóra de xogo do dianteiro ferrolano que o colexiado non apreciou.

1 - 1: min. 28, pase de Alberto ás costas da defensa visitante que recolle Alex Pita para superar de vaselina a saída Bruno.

1 - 2: min. 40, perda de balón dos de Ares en tres cuartos de campo propio, os ferrolanos poñen un balón en longo que gaña as costas da defensa local sobre o seu dianteiro Rober que encara a Cristián e o supera por abaixo.

2 - 2: Borja (min. 46), internada de Borja polo pico dereito da área, para picar o balón e superar de fermosa vaselina a Bruno.

3 - 2: Alex Pita (min. 78), centro de Ángel á frontal da área, a defensa local falla no despexe, o balón chega a Alex Pita quen se interna na área lévase ao porteiro e marca a porta baleira.

4 - 2: Borja (min. 88), centro de Roque ao pico dereito da área por onde aparece Borja para recoller, internarse polo lateral e superar por alto a saída do porteiro ferrolano.

Antes de dar comezo ao partido gardouse un emotivo e respectuoso minuto de silencio en recordo de D. Remigio Fernández Prieto (socio de ouro do Numancia) e de D. José Pérez "Joseito" (exxogador do Numancia) ambos os dous falecidos na presente semana. Descansen en paz.

COMENTARIOS DE ADRIAN….Numancia de Ares ADR. Xuvenil Adrián Rodríguez.

A XOGADA DO PARTIDO: penso que non houbo ningunha xogada en particular que mereza ser destacada, aínda que me quedo co noso segundo gol, non pola xogada en sí, senón pola perfecta execución da vaselina de Borja.

A CLAVE: a boa actuación de Bruno, o porteiro do Aspirantes, creo que detivo balóns en momentos moi importantes do partido. Isto permitiu que eles se adiantasen en dúas ocasións sen merecelo e fíxonos desesperarnos un pouco. A súa actuación fixo que pasásemos máis ansiedade da que merecemos.

ACTUACION PERSOAL: hoxe non estiven moi fino, en especial na primeira metade onde cometín algún erro que a piques estivo de costarnos un gol. Na segunda parte xa me encontrei algo máis cómodo e máis centrado. Ao final do partido tiven problemas físicos e non puiden rematar a gusto.

O EQUIPO: en xeral non estivemos moi ben, sobre todo na primeira parte. Tivemos varios erros atrás que nos costaron irnos ao descanso con 1 - 2 sendo algo mellores ca eles, pero non tivemos sorte de cara a gol. Na segunda parte estivemos algo mellor, conseguimos o empate nada máis iniciarse, pero faltounos tomarnos as cousas con algo máis de calma. Tivemos demasiadas présas por chegar á portaría tratando sempre de xogar os balóns por longo en lugar de xogadas máis elaboradas. Desesperámonos porque o gol non chegaba. Temos que tratar de xogar máis o balón.

O RIVAL: creo que é un equipo cun nivel algo inferior ao noso, pero moi pelexón. No partido de ida xa pasamos bastantes apuros para gañarlles. Teñen algúns xogadores moi interesantes, como Rober, moi rápido, foi o que marcou os dous goles, e créounos moitos problemas. Atrás tiñan a Brais, moi forte e moi seguro, e sobre todo o seu porteiro. Como xa dixen, a súa actuación de hoxe propiciou que pasásemos tantos apuros para conseguir facernos coa vitoria.

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.