XUVENÍS. MEIRAS, 2 - NUMANCIA, 2.

XUSTO REPARTO DE PUNTOS.

Partido correspondente á undécima xornada de liga local disputado no anexo do Misael Prieto entre o Meirás e o Numancia que finalizou con empate a dous. Ao descanso o resultado era de empate a ceros.
 


Meirás 26 de xaneiro de 2013.

ALIÑACIONS

MEIRAS: Sergio López, Martín, Yeray (Daniel), Iván, Marcos, Sergio Castro, Ismael (Pablo), Fran, Andrés (Raúl), Manuel e Jonathan (Christian).

NUMANCIA: Xaime (Cristian), Marcelo (Iván), Pepe, Adrián, Darío (Isaías), Alberto, Miguelito (Roque), Martín, Ivi (Miguel), Pita e Borja.

COLEXIADO: Juan C. Fernández Martínez. Mostroulle cartolina amarela a Sergio López e Martín polo Meirás e a Miguelito polo Numancia.

GOLES: Martín (51´) e Christian (80´) para o Meirás, Pita (58´) e Borja (61´) para o Numancia.

 

 


Partido disputado no anexo do Misael Prieto de Meirás nun terreo de xogo con bastantes irregularidades que impediron a boa condución do balón e provocaron algúns efectos erráticos deste que despistaron os xogadores. Este hándicap unido ás escasas dimensións do campo fixo que non se vira un bo partido en canto ao futbolístico refírese, optando ambos os dous equipos polo pelotazo e o balón en longo buscando as costas do contrario. Como anécdota citar o excesivo número de raias, ao estar pintado en sentido lonxitudinal un campo de fútbol-8 sobre o de fútbol-11, circunstancia ésta que propiciou nos minutos iniciais varios erros de situación tanto en xogadores coma no propio colexiado.

O partido comezaba cunha boa oportunidade para os de Ares ao medio minuto de xogo cun balón en longo sobre Borja que non define ante o porteiro. A medida que foron avanzando os minutos foi o Meirás o que tomou a iniciativa do partido tendo o dominio territorial e a posesión ante un Numancia que non encontraba o seu sitio no terreo de xogo. Malia ese dominio as oportunidades de cara a gol pasaron por algúns disparos con escaso perigo sobre a portaría visitante Habría que esperar ata o minuto dezanove para ver a seguinte oportunidade visitante, viría precedida dun centro colgado á área que Martín envía por enriba do longueiro. Tres minutos despois Borja controla un balón colgado á área dispara á media volta e Sergio López dunha grande estirada envía a córner. Ata estes momentos de partido fora o Meirás o que marcara o ritmo de xogo, pero os de Ares serían os que terían as oportunidades máis claras. Un minuto despois da oportunidade de Borja sería Martín, para o Meirás, cun balón en profundidade que os de Ares non acertan a despexar o que dispararía un balón cruzado que marcha moi preto da base do pau. A partir destes minutos e cun Numancia xa metido no partido as ocasións sucederíanse nunha e noutra meta, nun ir e vir no que ningún dos dous equipos foi quen de impoñer o seu xogo.
Estas serían as ocasións máis destacadas desta primeira metade. No minuto vinte e seis o colexiado anularía un gol aos de Ares por suposto fóra de xogo, xogada moi protestada porque o xogador aresán arranca claramente por detrás dos defensores. No minuto trinta e cinco falta no centro do campo que o Meirás quita moi rápido collendo o Numancia desprevido, o centro chega a Jonathan quen prolonga ante a saída de Xaime pero o balón se estrela no longueiro. A réplica daríana os de Ares na xogada seguinte á saída dun córner, Martín a baixa, dispara, o gardameta toca e o balón vaise por enriba do longueiro. No minuto trinta e nove saque de banda de Marcelo sobre Ivi quen se vai do seu marcador, e nun man a man con Sergio López cruza o balón pero marchase pegado ao pau. No corenta e catro contra do Meirás cun balón ás costas da defensa ao que Andrés chega antes que Xaime pero o seu disparo se estrela no lateral da rede. Finalmente chegaríamos ao descanso con empate a cero goles.

Comezaba a segunda metade e volvía ser o Meirás o que tomaba a iniciativa ante un Numancia que non reaccionaba ante o ímpeto e a presión local. Así aos seis minutos da reanudación os de Ares encaixarían o primeiro tanto. O gol viría precedido dunha falta lateral en banda esquerda con centro ao primeiro pau onde un dianteiro local a pelexa para abrir sobre Martín que a eleva por enriba de Cristian (1 - 0). Este gol fixo espertar os de Ares que despois duns minutos de presión local volveron entrar no partido. No minuto cincuenta e oito Borja quita rápidamente unha falta próxima á liña central do campo que colle ao conxunto local desprevido, o balón chega a Pita, o dianteiro aresán desfaise do seu marcador encara porta e de disparo cruzado bate a Sergio López para empatar o partido (1 - 1). Un minuto despois a punto está o Meirás de porse de novo por diante no marcador despois dunha contra que culmina Andrés e á que Cristián responde cunha gran parada. E dunha portaría á outra, no minuto 61 un balón en profundidade ao lateral esquerdo da área sobre Pita quen o pelexa cun defensor, levao e logra un centro medido á área pequena para que Borja libre de marca remate de cabeza ao fondo da rede (1 - 2). Este gol deu ás aos de Ares que durante algúns minutos tiveron o control do partido, para de novo sobre o setenta volver equilibrarse as forzas. O Meirás ao verse por detrás no marcador optou descaradamente polo fútbol directo e no minuto oitenta, nunha rápida contra con cambio de xogo dunha banda a outra, o balón chega a Christian quen se interna polo lateral da área e bate o porteiro numantino para empatar o partido (2 - 2). Nos últimos dez minutos de xogo comezaron a aflorar os nervios en ambos os dous equipos, ninguén daba nada por perdido, as espadas estaban en todo o alto. Comezaron as precipitacións, as présas, as faltas, os balóns en longo e o partido converteuse nun correruas dunha área a outra. Houbo ocasións, para un e outro bando, pero finalmente o marcador permanecería inamovible finalizando o encontro co empate coñecido de dous a dous.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.