Inicio Noticias Xuvenís XUVENÍS. CEDEIRA, 1 - NUMANCIA, 0.
 
 

XUVENÍS. CEDEIRA, 1 - NUMANCIA, 0.

Numancia de Ares ADR. Xuvenís 2012-2013. Cedeira 1 - Numancia 0. O Beco 08/12/12.PARTIDO TRABADO E POUCO VISTOSO.

Non foi un bo partido o xogado polos de Ares pero aínda así viñéronse de Cedeira coa sensación de terse deixado un punto.


O Beco (Cedeira) 8 de decembro de 2012.

ALIÑACIONS:

CEDEIRA: Marcos, Julián, Juanjo, Lucas, Pablo, Alberto, Juan, Gonzalo, David, Alex (Mihai 90´) e Bruno (Arturo 60´).

NUMANCIA: Carlos (Xaime 62´), Miguelito (Ángel 68´), Pepe, Alberto, Darío, Adrián, Marcelo, Martín, Ivi, Borja e Miguel (Roque 56´).

COLEXIADO: José M. Santos Mato. Amoestou a Alberto, David, Julián, Pablo e Gonzalo polo Cedeira e a Borja polo Numancia.

GOLES:

1 – 0: Bruno (min. 44).

 

 


Primeira metade de pouco fútbol por parte dos dous equipos que abusaron en exceso do fútbol directo e do patadón sen sentido. Quizais este tipo de xogo se lle deu un pouco mellor aos locais que aos aresáns, pero aínda así tiveron pouca profundidade, e os porteiros de ambos os dous equipos pouco traballo tiveron nesta primeira metade. Como ocasións máis claras, e que ao cabo unha delas supuxo o gol local, houbo unha para cada equipo. A primeira sería para os de Ares no minuto trinta cun disparo afastado de Borja que se estrela no longueiro. E a outra, a que sería o gol do partido, para o conxunto local. Minuto 44 saque lateral en banda dereita do Cedeira que en xogada prolongada alcanzan a liña de fondo, centro ao segundo pau onde están situados dous atacantes fronte a Marcelo. Bruno é o que consegue definitivamente o balón e de disparo raso ao primeiro pau marca para o Cedeira. Sen tempo para máis marcharíamos ao descanso.

Na segunda metade os de Ares saíron con outra cara, tratando de xogar algo máis o balón e non recorrendo tanto ao patadón. Con este tipo de xogo foilles algo mellor que na primeira metade. Aínda así aos de Ares faltoulles contundencia e agresividade, entendida no bo sentido da palabra, nos balóns rifados e na loita corpo a corpo, faceta na que os locais se levaron o gato á auga. Na primeira metade deste segundo período o xogo estivo bastante igualado e ningún dos dous equipos foi quen de marcar o ritmo do partido. Pero xa nos últimos vinte minutos os de Ares foron os que pouco a pouco tomaron o control, ante un Cedeira que se foi repregando e apostou polas xogadas ao contraataque, propiciadas moitas delas pola falta de contundencia e agresividade dos de Ares, sendo estes vítimas das súas propias carencias. Os cinco últimos minutos de partido foron de claro dominio visitante que encerrou definitivamente ao Cedeira no seu campo, pero os locais en tarefas defensivas foron un muro infranqueable contra o que o Numancia se estrelo unha e outra vez.

En resumo partido pouco vistoso no que os de Ares non mostraron a súa mellor cara, e no que lles faltou garra, agresividade e contundencia no corpo a corpo. Na segunda metade estiveron mellor que o Cedeira, pero os locais defendendo con uñas e dentes fixeron valer o seu gol.

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.