Inicio Noticias Xuvenís XUVENÍS. NUMANCIA, 3 - MIÑO, 2.
 
 

XUVENÍS. NUMANCIA, 3 - MIÑO, 2.

Numancia de Ares ADR. Xuvenís 2012-2013. Numancia 3 - Miño 2. Prados Vellos 01/12/12.OS XUVENÍS CONTINÚAN CON PASO FIRME.

Partido correspondente á quinta xornada de liga local disputado na tarde do sábado entre o Numancia e o Miño que rematou con vitoria aresana. Ao descanso o resultado era de 1 - 2.


Prados Vellos 1 de decembro de 2012.

ALIÑACIONS:

NUMANCIA: Carlos (Roberto 75´), Miguelito (Roque 70´), Pepe, Alberto, Darío, Adrián, Marcelo, Martín, Ivi, Borja e Miguel (Ángel 55´).

MIÑO: Martín, José David, Sergio, Ramón, Rony (Jonathan 79´), Diego Martínez, Aarón, Adrián Borja 74´), Diego Pérez, Alex e Miguelito.

COLEXIADO: Alejandro Miño Pico. Amoestou a Adrián polo Numancia e a Martín, José David e Sergio polo Miño.

GOLES:

1 – 0: Martín (min 8).

1 – 1: Miguelito (min. 19).

1 – 2: Miguelito (min. 28).

2 – 2: Martín (min. 64).

3 – 2: Borja (min. 73).

 



Partido intenso e vibrante o disputado este pasado sábado en Prados Vellos entre Numancia e Miño. Aínda na memoria de todos o partido de copa entre ambos os dous equipos do pasado 12 de outubro e que rematara, despois de varias alternancias no marcador, en empate a cinco. Pois o deste pasado sábado non foi para menos. Comezaba poñéndose por diante o conxunto local aos oito minutos do inicio. Martín de lanzamento indirecto dentro da área e coa barreira na liña de gol encontrou o espazo para coar o balón e adianta o conxunto local. Durante a primeira metade o partido non foi moi vistoso, buscándose por parte de ambos os dous equipos a rapidez dos dianteiros por medio de balóns en longo. Así chegaría o primeiro gol do Miño, minuto 19, balón en longo que poñen dende a área ao centro do campo, chega a Miguelito quen conduce unha rápida xogada, encara a Carlos ao que supera de disparo cruzado que toca en Alberto e ao fondo da rede para empatar o partido. Na xogada seguinte, pase de Darío ao bordo da área sobre Ivi, quen controla dispara e estrela o balón no longueiro, o rexeitamento remátao Borja de cabeza pero envíao fóra. Seis minutos despois, de novo Borja nun man a man supera de vaselina a saida de Martín pero o balón tamén marcha fóra. Dúas claras ocasións desaproveitadas polos de Ares. E xa se sabe "o que perdoa remata por pagalo” e iso foi o que lle oconteceu ao Numancia. Corría a media hora de xogo, balón en profundidade a banda dereita sobre Rony que supera a Ivi, alcanza o lateral da área e pon un pase raso ao segundo pau que remata Miguelito entrando dende atrás. 1 - 2, a falta dun cuarto de hora para o descanso. No que restou de partido os dous equipos continuaron coa mesma dinámica de xogo, retirándonos aos vestiarios co resultado coñecido.

A segunda metade comezaría con pouco ritmo e moito centrocampismo para ir aumentando de intensidade co paso dos minutos. Non había un dominio claro para ningún dos dous equipos e o balón ía e viña sen moito perigo para ambas as dúas áreas. No minuto sesenta e catro de partido, balón en longo sobre Martín, quen despois dunha gran carreira controlao intérnase e dende dentro da área bate o gardameta de disparo cruzado para empatar a contenda. Este gol deu ás ao conxunto aresán que se veu claramente arriba pasando a tomar as rendas do partido, e dando os seus froitos nove minutos despois. Roubo de balón de Roque en banda dereita, pase sobre Ivi que encara a área polo lateral dereito e pon o esférico ao segundo pau sobre Borja que libre de marca envía ao fondo da rede. Corría o minuto setenta e tres e os de Ares deran a volta ao marcador, 3 - 2. O Miño co marcador en contra tirou de orgullo e pasou á acción, pero a sua ousadía e os descoidos defensivos a punto estiveron de pasarlles factura. Primeiro Ivi nun man a man con Martín, quen rexeita coa punta da bota a córner, e despois Borja que estrela o balón na base do pau, os de Ares volvían ter e desaproveitar dous boa ocasións para matar o partido. Xa nos minutos finais as présas reinaron no terreo de xogo e apoderáronse do partido converténdose nun corre rúas, para chegar ao final co resultado coñecido de Numancia 3 - Miño 2.

En resumo emocionante partido entre dous equipos que se entregaron, pelexaron e deixaron todo no terreo de xogo. Un partido no que se os de Ares si tivesen estado máis acertados, ou tido algo máis de sorte, quizais non terían pasado tantos apuros nos minutos finais, coa sombra do empate, como sucedera no partido de copa.

Colaboradores

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.